A investigación ao 'conseguidor' da trama Zeta reaviva a presión sobre Feijóo

Feijóo e Beatriz Mato © Xunta

A mediados do pasado febreiro o principal imputado no caso Zeta, a presunta trama de fraude en subvencións para cursos de formación, volveu ameazar con 'tirar da manta'. O empresario e militante do PP amosábase especialmente doído por que altos cargos populares se "portaron deslealmente comigo" tras saberen que "tiña picado o teléfono" pola Policía. Entre eses comportamentos "desleais" Crespo situaba o do empresario Pachi de Lucas, de quen consideraba "incrible" que non fose "chamado a testificar" por "ser o mellor amigo de Feijóo". Esa declaración segue sen se producir, cando menos polo momento, pero a xuíza do caso vén de ordenar unha investigación sobre De Lucas, incrementando colateralmente a presión política sobre o presidente da Xunta, a quen a oposición lle volve esixir explicacións.

Tal e como adiantaba este venres o diario El País, a xuíza do caso vén de ditar unha providencia para solicitar que a Unidade de Delicuencia Económica e Fiscal (UDEF), que vén elaborando informes sobre o caso xa incluídos no sumario, realice un máis, neste caso sobre as empresas que De Lucas "puidese ter ao seu nome". Asemade, os axentes deberán certificar se o empresario madrileño con residencia no Morrazo "ocupa cargo algún ou o ocupou" nas administracións galega e central "entre os anos 2008 a 2012". Asemade, a maxistrada pon de novo o foco sobre a conselleira de Traballo, Beatriz Mato -que ten pendente un acto de conciliación con Crespo por "calumnias"-, e a directora xeral de Emprego, Ana María Díaz, de quen pide certificar os cargos que viñeron ocupando no mesmo período a través do correspondente oficio dirixido á Xunta.

A xuíza reclama que a Policía indague que empresas están ao nome de De Lucas e que certifique os cargos de Beatriz Mato e da directora xeral de Emprego

O incremento das indagacións sobre De Lucas, que segundo a Policía e tameń segundo Crespo estivo cobrando 3.000 euros mensuais polas súas xestións como enlace ante os políticos, volve amplificar o eco político do caso. Faino pola súa relación de amizade polo presidente e porque, atendendo ás indagacións incluídas no sumario, a cuxo contido tivo acceso este diario, lle serviu a Crespo como porta de entrada ata as máis altas esferas.

Segundo o propietario de Azetanet o labor de De Lucas era conseguir "contratacións" e por iso lle pagaba aínda que non fose "moi ético". "Tíñao porque era amigo de Feijóo", afirma o presunto líder da trama, quen ademais explicou en declaracións a Radio Coruña que Pachi de Lucas "non era dos típicos do PP que che cobran por non facer nada". "Cando cobraba, conseguía o que se lle pedía", afirma. E facíao grazas a que "tiña unha relación total con Mariano Rajoy, con Ana Pastor... con todos os personaxes do PP", por iso "podía abrir calquera porta". Este é o pano de fondo ante o que Crespo di estar disposto a "contalo todo" sobre as implicacións no caso de "persoas moi importantes do PP". Faino, mantén, malia estar "ameazado".

Petición de explicacións de Besteiro

Besteiro: "A cidadanía ten serias dúbidas de como se financiou o PP"

O novo xiro na investigación levou este venres o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a reclamar novamente explicacións do presidente da Xunta. Poucos días despois de que o PP rexeitase, a través dunha irada intervención do seu voceiro, Miguel Tellado, a aprobación dunha moción socialista no Parlamento para pedir contas por este caso e, asemade, pola publicación dunha nova imaxe do presidente no iate do narcotraficante Marcial Dorado, Besteiro subliña que o seu partido "non cuestiona nin prexulga as actuacións xudiciais", pero precisa explicacións políticas.

A súa intención, afirma, non é outra que instar o Goberno "a que facilite información política" e que isto "se poida formular nun debate no Parlamento" co propio Feijóo. "Non pode ser -afirma- que cando se lle piden explicacións políticas o presidente e o Goberno dean as costas". Alén das actuacións xudiciais, matiza, "a realidade é que a cidadanía ten serias dúbidas de como se financiou o PP, o partido que nos goberna", ante os indicios de que o puido facer "irregularmente".

Correo de Crespo a Feijóo con copia oculta a Pachi Lucas CC-BY-SA Praza Pública
Correo sobre a necesidade de priorizar os pagamentos a Pachi Lucas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.