Cádiz, decembro de 2009. Alberto Núñez Feijóo leva pouco máis de medio ano na presidencia da Xunta e participa nun acto conmemorativo sobre a Constitución española de 1812 na cidade andaluza. Alí eloxiou o texto constitucional do XIX como o primeiro en España "no que non hai nin vencedores nin vencidos", o que o levaba a ver un "paralelismo evidente" co "proceso constitucional de 1978". Tras media década, en marzo de 2014, o presidente glosaba a figura de Adolfo Suárez, acabado de falecer, e eloxiaba que as persoas artífices da Transición política foran quen de poñer fin á "espiral interminable" de "vencedores e vencidos" que caracterizara a política española. Un ano despois destas palabras o líder do PP en Galicia mudou radicalmente de discurso para, metido xa de cheo na precampaña municipal, explicar que naqueles anos da Transición houbo quen sufriu unha "derrota".
Como antes fixera con Gerardo Conde Roa e mais con Ángel Currás o titular da Xunta exerceu este luns de presentador dunha conferencia no Forum Europa do agora alcalde de Santiago, Agustín Hernández. Malia asistir ao acto en calidade de presidente do Goberno galego Feijóo optou polo ton preelectoral para asegurar que Hernández "personifica" a "nova política". O ex conselleiro de Infraestruturas, asegura, é "alguén que demostra que os erros se poden corrixir, que se pode recuperar o pulso dunha comunidade". Para Feijóo non cabe pensar en "ninguén mellor" para dirixir o Concello da capital que o propio Hernández, un "rexedor peonil" que é paradigma dun "novo municipalismo". "O reformismo, a renovación, o cambio amable, van con el", eloxia.
Feijóo alerta da posibilidade de que Goberne Compostela "a vella política do alarido" dos que "caeron derrotados" na Transición
Xunto á fervenza de eloxios para o alcalde que el mesmo nomeou -unha "ollada", segue mantendo, foi dabondo para designalo como substituto de Currás- Feijóo desprega duras acusacións para, sen mencionalos explicitamente, cargar contra os seus adversarios electorais, a quen identifica coa "vella política do alarido", do "berro", do "odio" e do "enfrontamento abrupto". Apenas tres días despois de advertir en Ferrol dun "caos liderado por Podemos" no que tamén participarían "os comunistas", "as mareas, o PSOE e o BNG" o presidente fala agora do risco de que goberne Santiago unha "política abrupta" que "nos faga retroceder" por estar "baseada en receitas que caeron co Muro de Berlín". Esa "vella política", ataca, é a mesma que cuestiona a Transición de finais dos 70. "Falan contra a transición os que caeron derrotados nela", sentencia.
Hernández, convencido da vitoria
Tras a presentación do presidente chegou a quenda de Hernández. Ante a tarefa de liderar a lista electoral que en 2011 pechou o rexedor asegura non contemplar "outra alternativa diferente a gañar e gobernar Santiago". Malia á súa turbulenta chegada ao Pazo de Raxoi afirma agora que a designación "cambiou a miña vida para ben" e, neste marco, promete que aplicará un "plan de reactivación" que oriente Santiago "cara a un novo concepto de cidade". O seu goberno, afirma, está a tentar "recuperar un pulso que, co inicio da década, se tiña debilitado enormemente".
Hernández mantén que o seu goberno está a "recuperar o pulso" da cidade
"Imos fomentar a comunicación, a cooperación e a participación, implicar aos cidadáns, as institucións e ás empresas", afirmou Hernández, quen tamén promete a "participación esencial" nesta "tarefa" do "movemento veciñal". Vinculada ás asociacións veciñais estivo, precisamente, a crítica lanzada sobre esta conferencia de Hernández dende a plataforma Compostela Aberta. Segundo sinalou nas redes sociais o aspirante a liderar esta candidatura municipal, Martiño Noriega, dende o "gabinete da Alcaldía de Compostela" realizáronse "chamadas ás asociacións de veciños para convocar aos seus presidentes" a este acto indicando que se trataba dun "almorzo" para "coñecerse". Este, ironiza, "non debe ser uso partidista das institucións".