A xuíza implica a Negreira na "axencia de colocación" de "enchufados" da Pokémon

Feijóo, nun acto xunto a Carlos Negreira CC-BY-ND PPdeG

A sombra da corrupción abrangue xa case todo o goberno municipal do PP da Coruña. Desta vez non é a operación Zeta, pola que seguen a declarar varios encausados, senón unha das partes da Pokémon, aquela que sospeita de numerosos enchufes a cambio de contratos públicos no Concello. E agora é o alcalde Carlos Negreira o que está sinalado, como xa o estaba no caso dos falsos cursos na trama que lideraría o empresario Gerardo Crespo. 

A xuíza aclara que Flores tiña unha lista de contratación e que actuaría "co posible coñecemento e consentimento" do alcalde Negreira

O número dous do rexedor, man dereita del e primeiro tenente de alcalde, Julio Flores, tería feito xestións xa desde a chegada do PP ao goberno local en 2011 para colocar amigos, coñecidos e achegados aos conservadores en servizos públicos xestionados por Véndex, a empresa sobre a que xira toda esta trama. Así se deduce das chamadas e correos electrónicos intervidos pola xuíza Pilar de Lara, que aclara -no auto ao que tivo acceso Praza- que Flores tiña unha "lista para contratar a determinadas persoas" e advirte que "non actuaría illadamente, senón que o faría co posible coñecemento e consentimento dos seus compañeiros de goberno, incluído o propio alcalde, don Carlos Negreira". 

Baséase no feito de que varios dos correos electrónicos onde se solicita a contratación de persoas ou onde se adxuntan currículos son reenviados a outros concelleiros e tamén ao alcalde Carlos Negreira, polo que resulta difícil crer que non estivese ao tanto do que ocorría, máis aínda de ter en conta que era o seu tenente de alcalde e número dous o que xestionaba estes "enchufes". 

Varios concelleiros ou asesores dispoñían de listas de persoas que lles facilitaban a Véndex para a suá contratación

O método era tan normal como normalizado. José María Tutor, delegado de Véndex en Galicia, conseguía as contratacións públicas e accedía á lista de posibles enchufados, en poder de varios altos cargos do Concello. "Persoas que poderían ser próximas por razóns diversas á nova corporación", segundo di a xuíza, e que figuraban na listaxe que lle facilitaba Julio Flores, de máis de corenta persoas, pero tamén noutras que tiñan o asesor persoal do tenente de alcalde, Juan Carlos Boga, ou nas das xefas de Contratación e de Cultura, Gloria Díaz Crespo e Susana Martínez Portabales, segundo os datos dos seus equipos informáticos.

Pero hai máis ramificacións: o delegado de La Voz de Galicia en A Coruña, Francisco Espiñeira, é nomeado pola xuíza, que destaca a súa figura por "intercambiar correos" con Julio Flores "sobre a contratación de recomendados e facilitación de currículos".  

En definitiva, De Lara destaca que o Concello da Coruña "viría operar a modo de axencia de colocación de emprego" e aclara que esta función "non lle correspode desde logo aos concellos, a non ser que se faga de forma disciplinada, regulamentaria e suxeita aos principios de igualdade, mérito e competencia". E cita varios exemplos sobre enchufes, como o da filla dun coronel xefe que traballara na área de tráfico da cidade. 

De Lara aclara que o Concello operaba "como axencia de colocación de emprego" e investiga 54 persoas que poderían ter sido beneficiadas

A xuíza instrutora autoriza así a Aduanas a acceder a datos da Seguridade Social e Facenda de 54 persoas que poderían ter sido beneficiadas laboralmente grazas á intervención de membros do goberno local, asesores ou altos cargos, tal e como se deduce das chamadas e correos electrónicos intervidos. Nalgúns dos nomes, destaca a coincidencia de apelidos con algúns dos sinalados por recomendar ou intercambiar currículos.

A finalidade destes traballos é a de "investigar o posible delito de tráfico de influencias e/ou suborno pola contratación de persoas recomendadas, e a relación que puidesen ter coas empresas investigadas". Así, tal e como aclara a xuíza, faise "necesario comprobar a través da Seguridade Social e Facenda se algunha das persoas que aparecen nos listados dos correos electrónicos tivesen sido contratadas por influencia ou recomendación dalgunha autoridade ou funcionario municipal". 

Negreira cualifica de "conxecturas" os novos datos do auto

Preguntado polos medios, Carlos Negreira cualifica de "conxecturas" as acusacións que se tiran do auto da xuíza De Lara. Segundo declaracións difundidas por Radio Coruña, o alcalde cre que o relatado no documento "son os mesmos feitos e sobre eles contrúense novas conxecturas". "Queremos pasar das conxecturas a feitos probados; que continúe a investigación e nós colaboraremos con ela", insiste o rexedor,  que non quixo responder sobre se recibía ou non eses correos coa lista de persoas supostamente recomendadas para Véndex. "A política é unha cousa e a xustiza, outra", chegou a dicir. 

O alcalde da Coruña non quixo aclarar se recibía ou non eses correos coa lista de persoas recomendadas para Véndex

"Recibo milleiros de correos pero non teño coñecemento de ningunha irregularidade, porque se o tivese, denunciaríao inmediatamente onde ten que denunciarse", asegurou Negreira, que non aclarou se vai incluír imputados na lista do PP de cara ás eleccións municipais, situación na que se atopa, precisamente, Julio Flores, número dous do goberno e man dereita do rexedor. "Presentarei a candidatura nos dous últimos días de prazo porque ata ese momento toca gobernar", rematou. 

Carlos Negreira e Julio Flores © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.