O tenente de alcalde do Concello da Coruña tentou impedir que se certificase o acoso laboral á testemuña protexida da operación Pokémon. Os avogados do número dous do goberno local presentaron un recurso de apelación contra unha providencia de xaneiro coa que intentaban que non se levase a cabo a dilixencia pericial de recoñecemento médico-forense para determinar se a devandita testemuña sufrira unha situación de mobbing ou acoso laboral.
Flores recorreu para intentar que se incluísen antecedentes médicos da testemuña que 'anulasen' o acoso laboral sufrido
Os avogados da testemuña pediron a impugnación e nulidade do recurso de apelación presentado por Julio Flores ao entender que o intento dos seus avogados de que se inclúa tamén o historial clínico da testemuña non ten sentido, segundo as dilixencias previas ás que tivo acceso Praza. Interpretan que é unha manobra para intentar anular as posibles probas do acoso laboral sufrido baseándose só no feito de que a testemuña xa padecera anteriormente baixa laboral, o que suporía entender que estes antecedentes implican que o traballador non pode sufrir unha situación de mobbing.
A xuíza que leva o caso Pokémon, Pilar de Lara, aclara que se admitiu indebidamente o recurso de Julio Flores e dá de prazo aos avogados de Flores para que interpoñan outro recurso de reforma no prazo de tres días e "insten ao que ao seu dereito conveña sobre unha posible nulidade da povidencia" impulsada polos representantes do tenente de alcalde da Coruña.
En todo caso, a maxistrada xa aclarara nun auto de case 50 páxinas do pasado 9 de xaneiro que lle outorgou a este traballador, cuxo testemuño é "esencial" na presunta trama corrupta, a condición de testemuña protexida para frear o "acoso" que vén sufrindo por, asegura, colaborar coa Xustiza.
De Lara aclarou que o traballador xa sufrira "acoso" e "acurralamento laboral" por ter colaborado coa Xustiza
Xa no outono de 2012, dúas semanas despois do estourido da Pokémon, este traballador do Acuario da Coruña dirixiuse á Policía Nacional para "denunciar as irregularidades" que detectara nas contratacións do organismo, dependente do Concello coruñés. No entanto, non lle "recolleron a oportuna denuncia" nin "se puxo en coñecemento" do xulgado de Lugo que instrúe o caso, segundo advertiu De Lara.
Aquel infrutuoso achegamento á Policía foi só o primeiro episodio dos avatares sufridos polo traballador, quen se viu obrigado a coller a baixa no seu posto de traballo en febreiro do pasado ano pola "situación de acurralamento laboral que viña sufindo por causa de opoñerse a prácticas que consideraba ilícitas". "Non cabe dúbida", di a xuíza no auto, a cuxo contido tivo acceso Praza, "de que a situación de acoso laboral" está en "íntima relación" coa súa denuncia de prácticas irregulares no Concello coruñés e "vinculada á trama urdida polo Grupo Véndex para, en connivencia con diversos funcionarios públicos e autoridades políticas da Coruña, conseguir a adxudicación" de contratos do Acuario. "Segundo obra na causa", quen agora é testemuña protexida "parecía ser unha importante traba" para os supostos líderes da trama.
Unha detención estraña e polémica
O traballador "opúxose ás pretensións de ilícita adxudicación do concurso do mantemento biolóxico" do Acuario a unha filial de Véndex, tras o que "foi obxecto dunha campaña de persecución e acoso" e de "represalias" dos seus "superiores xerárquicos" que continuaron mesmo tras a súa baixa, cando "apareceron forzados varios amarios do seu despacho" no propio Acuario. Ese incidente motivou que De Lara enviase a Policía Nacional ao despacho para investigar un posible delito de "obstrucción á Xustiza". Pero, "estrañamente", xa estivera alí "interferindo na investigación" a Policía Local, "dependente directamente do alcalde e, máis concretamente, do tenente de alcalde", Julio Flores, "imputado na causa, entre outras cousas", lembra a xuíza, polas "manipulacións presuntamente urdidas" xunto ao responsable de Véndex en Galicia, José María Tutor, para "tratar de beneficiar a empresa" con contratos do propio Acuario.
O traballador "sufriu persecución, acoso e represalias" e o seu despacho foi manipulado pola policía local da Coruña
O máis grave viría máis tarde. O suceso que levou o traballador a solicitar a protección xudicial foi a detención que sufriu en Ferrol a finais de outubro, cando, tras baixar do autobús nunha parada equivocada, lle pediu a unha condutora se o podía achegar ao seu destino. Dende o corpo policial ferrolán detalláronse o que a xuíza define como un "cúmulo de infortunios", tales como o suposto "fallo do sistema de gravación de chamadas" que impide coñecer as verbas da condutora que informou da presenza del na vía pública ou a "perda do parte de asistencia médica" da que foi obxecto tras ser detido, toda vez que, malia ter un brazo escaiolado e unha perna lesionada, foi esposado.
As "notables e flagrantes diverxencias" nas sucesivas "narracións" policiais súmanse, segundo a xuíza, ao "dato relevante" de que "o actual xefe da Policía Local de Ferrol (...) fose ata 2013 inspector principal da Coruña baixo o mando do tenente de alcalde, Julio Flores", e que ademais este mando policial "figura nas listas de Véndex como receptor de agasallos".
A testemuña sufriu unha detención "con cúmulo de infortunios" por parte da policía local de Ferrol, baixo o mando dun antigo inspector na Coruña
A todo isto súmase, asemade, a "filtración" da detención dende Ferrol ao xornal La Voz de Galicia, cuxa exposición dos feitos leva a De Lara a "entender que existe unha especie de conxura para prexudicar a testemuña, publicando información inveraz para desprestixialo publicamente e desacreditar tanto o seu testemuño como o resultado da instrución, aproveitando casualmente ou non", o "lamentable incidente" da detención.
De Lara denunciou a "información falaz" de 'La Voz' e o "asañamento periodístico" e "conxura" para "prexudicar a testemuña"
No último auto, no que se implica ao alcalde Carlos Negreira no que a xuíza denomina a "axencia de colocación" de "enchufes" do Concello, a maxistrada advirte das "conexións" dos correos intercambiados entre o delegado de La Voz na Coruña con Julio Flores e o "episodio" da "detención en circunstancias certamente anómalas" da testemuña por parte da Policía local de Ferrol. E alerta do "denunciado ensañamento periodístico producido coa difusión de información falaz por La Voz de Galicia", cuxo delegado na Coruña, "sería a persoa que tería conseguido que se lle filtrara o atestado policial levado da Policía Nacional de Ferrol" sobre a devandita detención, ademais de ter "encomendado ao seu subordinado a redacción do artigo sobre o acontecido".
A testemuña clave fora posta en liberdade sen figurar no Libro de Detidos e os axentes implicados empregaran a conta oficial de Twitter da Policía local de Ferrol para colgar material supostamente requisado ao traballador do Acuario con frases pouco afortunadas.