O PP xa evita renegar dos pactos nos concellos pero censura os da esquerda

Feijóo, na presentación da súa candidata en Vigo © PP

Ata hai escasos meses o PP, e moi especialmente o PPdeG, teimaba en reformar a lei electoral co principal obxectivo de deixar fóra da legalidade a conformación de gobernos municipais de coalición. Baixo a eufemística denominación de "elección directa" os conservadores lanzaron o proxecto de primar a forza máis votada coa maioría absoluta das corporacións locais. "Non hai quen nos pare", advertía o PP galego, confiado en que a reforma impulsada por Mariano Rajoy frearía o que deu en chamar "coalicións populistas" nas eleccións do vindeiro maio. Pero tras uns meses axitándoo Rajoy deu en retirar un plan de resultado incerto e que, dado o nulo consenso, contradicía o programa do PP tanto en Galicia como no Estado. A renuncia a esa reforma e a fragmentación do panorama electoral fai que os populares pasen agora, tamén en Galicia, a non desbotar os pactos tras o 24-M mentres, non obstante, cargan contra os que se poidan fiar no ámbito da esquerda.

Alén de que exista ou non convicción ou agarimo polos pactos na que, cando menos ata agora, foi casa común da dereita, a mudanza no discurso dáse nun escenario no que as expectativas electorais distan das doutros tempos. Mesmo logrando mantérense como forza máis votada todo apunta a que ficarán lonxe os tempos das maiorías folgadas e non só ao xeito tradicional, o do trasvase de voto do PP cara á abstención e, minoritariamente, cara ao PSOE, senón cara á marca emerxente do conservadurismo español: Ciudadanos. Non en van, o partido nado en Catalunya coa intención de aglutinar o voto españolista semella ter posibilidades de acceder coa súa nova marca en castelán a corporacións locais galegas, especialmente nalgunhas cidades. Ou iso, cando menos, é o que se cre nas filas populares dende as cales, ao tempo, se segue alertando dos pactos da esquerda "contra" os seus alcaldes.

O eventual ascenso de Ciudadanos leva o PP, tamén en Galicia, a modular o discurso sobre posibles pactos

Este é o escenario no que, hai escasos días, o propio Alberto Nüñez Feijóo sinalaba que "se gañamos as eleccións sen maiorías absolutas abriremos unha reflexión para ver con quen pactamos". No caso de Ciudadanos, di, non se pronuncia porque "descoñece" o seu programa electoral". "Alí onde o PP non poida conseguir a maioría abosluta, veremos o que pode pasar", sinalou este luns o voceiro dos populares no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, quen admitiu como "evidente" que o seu partido pode quedar tras o 24-M sen algunhas das súas maiorías absolutas. "Alí onde o PP non poida conseguir a maioría absoluta, veremos o que pode pasar", resolve.

PSdeG e BNG

Mentres o PP comeza a transitar o ata agora inexplorado terreo dos pactos dende as dúas forzas políticas do país con máis bagaxe neste ámbito, PSdeG e BNG, tampouco se lles pecha a porta. Así, este luns o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, apelou a enmarcar estes acordos na "normalidade" democrática, con independencia de que "primeiro deben falar os galegos e galegas". A aspiración das candidaturas BNG-Asembleas Abertas é "liderar a alterantiva ao PP nos concellos" pero "non demonizamos os pactos". Ao contrario, di, "é importante favorecer todos aqueles pactos que permitan poñer fóra gobernos corruptos, que desprezan os intereses da cidadanía, como fai o PP".

Vence: "É importante favorecer os pactos que permitan poñer fóra os gobernos corruptos"

Neste escenario tamén foi cuestionado ao respecto o secretario xeral dos socialistas. Despois de que dende a dirección do PSdeG a súa a secretaria de organización, Pilar Cancela, xa garantizase que o partido impulsaría gobernos "de esquerda" José Ramón Gómez Besteiro subliña que, na actualidade, o único "obsesionado cos pactos é o PP", toda vez que os seus dirixentes se ven "moi sós, acurralados, e teñen esa preocupación". Ese, asegura, é o motivo polo que os populares, "que hai un ano non falaban máis que da lista máis votada, din que falarán con forzas non antagónicas" para manteren gobernos onde sexa posible.

Besteiro: "O obsesionado cos pactos é o PP"

Dito isto, e minutos despois de que, nun almorzo informativo, o candidato socialista en Santiago, Francisco Reyes, declarase que se considera "independente" para decidir pactar ou non no caso de que, por exemplo, dependese del un goberno encabezado por Compostela Aberta, Besteiro resolve que o actual é o "momento" de "expoñer" ante a cidadanía "como se resolven os seus problemas" mentres "outrso se dedican a outras cousas". O PSdeG, afirma, "non vai entrar nesas discusións" nin vai "distraer os cidadáns dos seus problemas" nin da súa "responsabilidade" de votar o 24-M.

Besteiro e Reyes, reunidos este venres coa Rede Galega contra a Pobreza CC-BY-NC-SA PSdeG
Vence, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.