O PP tenta blindarse das mareas e Ciudadanos nos debates electorais nas cidades

Negreira, Feijóo e Mato, nun mitin da campaña de 2012 CC-BY-SA PPdeG

Foi unha proposta a un tempo, durante as primeiras horas da mañá e pola rede social Twitter. Varios candidatos do PP ás alcaldías das cidades galegas propuxeron un debate electoral para a vindeira campaña municipal. Fixérono case en idénticos termos e case todos eles cunha mesma condición: que nel participasen os candidatos "dos grupos municipais" ou "con representación no pleno", o que supón tamén evitar debater cos líderes das diferentes plataformas cidadás que se presentan nas urbes ou mesmo cos de Ciudadanos, aos que as enquisas lles dan opcións nalgúns concellos. 

Catro candidatos do PP nas cidades propoñen debates pero cos "candidatos dos grupos municipais"

"Propoño #debate electoral cos candidatos dos grupos municipais. Lugar neutral, moderador/a xornalista e aberto aos medios". Esa foi a fórmula empregada polos dous ex conselleiros candidatos en Vigo e Ourense, Elena Muñoz e Jesús Vázquez respectivamente. Parecida á de José Manuel Rey Varela, rexedor de Ferrol e candidato a recuncar no cargo, que elixiu o castelán, pero  que non exclúe especificamente ás forzas que non están no pleno ao falar de "candidatos das formacións políticas". Unha delas sería a Marea Ártabra, que mesmo propuxo xa lugar e data: "Aceptamos. No auditorio de Caranza ou no Jofre, pola tarde e aberto ao público. Venres ou sábado, mellor". Tamén BNG, Ferrol en Común e PSOE amosaron a súa disposición a debater. 

Non obstante, fontes do PPdeG xa aclararon que esta estratexia conxunta supón unha oferta "aos partidos con representación municipal" e argumenta que abrir o abano dificultaría onde poñer o límite. "É a forma que temos de facer unha criba", explican as mesmas fontes, que aseguran que sen establecer un criterio poderían incluírse tamén partidos "como a Falange ou os antitaurinos".

Así, Jacobo Moreira, candidato dos populares en Pontevedra, propón especificamente o debate "aos candidatos dos outros dous grupos municipais" e, xa que logo, a BNG e PSdeG pero non, por exemplo, á Marea nin a outras formacións. 

Carlos Negreira limita o debate na Coruña aos "candidatos de partidos con representación no pleno"

Na Coruña, Carlos Negreira, alcalde e candidato a renovar o seu mandato, elixiu a súa propia fórmula, pero case ao mesmo tempo que os seus compañeiros de Ourense e Vigo propoñía un debate "aberto a todos os medios, con candidatos de partidos con representación no pleno". Ao limitalo ás formación con representantes no pleno municipal exclúe tamén a Marea Atlántica, á que as primeiras enquisas dan arredor dun 20% de apoio, e a Ciudadanos, que podería acadar tamén algún concelleiro. 

"Xa levamos semanas debatindo e agardando por ti. Conta coa Marea Atlática para este debate e a moitos outros", respondeulle en Twitter Xulio Ferreiro, candidato do movemento cidadá, en referencia a varios debates organizados por medios locais aos que nunca acode representante ningún do PP nin o propio Negreira. César Santiso, edil na corporación de EU, que confluíu na plataforma, tamén lle contestou asegurando que o seu grupo municipal "acepta o debate" pero "a través de Xulio Ferreiro" ao que considera o seu "candidato" por ser Esquerda Unida "parte da Marea Atlántica". 

EU advertiu na Coruña que aceptaba o debate "a través do candidato da Marea Atlántica" por formar parte dela

O BNG da Coruña amosouse tamén "disposto a participar en todos os debates electorais" a través do seu candidato á alcaldía, Xosé Manuel Carril. "Como sempre fixemos. Estamos abertos a todos os debates", advertiu sobre unha posibilidade que xa se ofreceu a "organizar e difundir" o Colexio de Xornalistas de Galicia. Xa en nota de prensa, a formación nacionalista "defende que nos debates electorais se recollan todas as sensibilidades, tanto as que contan con representación institucional como as que non contan con representación institucional".

Mar Barcón, candidata socialista, tamén amosou o seu compromiso a estar "en todos os debates que se propoñan sen condicións previas". 

O PPdeG aclara que todas as propostas van dirixidas unicamente aos partidos con representación nos plenos municipais

A última hora da mañá uniuse á proposta o candidato popular en Lugo, Jaime Castiñeira, que tampouco excluíu formación ningunha, cando menos polo que expresou na súa conta de Twitter, aínda que o seu partido xa aclarou os límites. "A 39 días non coñecemos ningunha proposta López Orozco. Por iso propoño debate público con todas as forzas para confrontar que queremos cada un", asegurou. 

No caso de Agustín Hernández, cadidato do PP en Compostela, aínda non explicitou a súa oferta por Twitter, pero a oferta será a mesma que a dos seus compañeiros nas outras cidades. No seu caso, o debate excluiría a Martiño Noriega, candidato de Compostela Aberta, e a outras formacións como Compromiso por Galicia. 

Proposta de debate electoral no twitter de Rey Varela Dominio Público Praza Pública
Proposta de debate electoral no twitter de Elena Muñoz CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.