O 5 de outubro de 1993 produciuse en Galicia un fito histórico. Nesa xornada o presidente da Xunta, Manuel Fraga, e o candidato do PSdeG, Antolín Sánchez Presedo, puxéronse ante as cámaras de Antena 3 Televisión para debateren como principais candidatos ás eleccións autonómicas. Tiveron que pasar dezanove anos ata que os debates ao máximo nivel volveron ás campañas das eleccións ao Parlamento de Galicia. Foi en 2012, con tres encontros a dúas bandas dentre PP, PSdeG e BNG que se produciron tras intensas negociacións e se celebraron notablemente encorsetados polas esixencias duns e doutros. Polo medio houbo case dúas décadas de negativas e esixencias previas chegadas maioritariamente de quen gobernaba na Xunta. Esta circunstancia regresa neste 2015 no ámbito municipal, no que o PP vén de amosarse aberto a debater pero, de novo, con condicións.
Para chegar a aquel debate do día de San Froilán de 1993 Fraga e o seu equipo puxeran múltiples condicións. Quen daquela aspiraba a presidir Galicia por segunda vez consecutiva chegou, por exemplo, a advertir á canle organizadora de que non acudiría se o debate non se celebraba en galego e se non era emitido só para Galicia. Durante as seguintes lexislaturas as condicións foron substituídas por unha absoluta negativa que chegou a 2005, as derradeira campaña de Fraga, que culminou coa súa saída da Xunta e na que evitou sentar á mesma mesa que o socialista Emilio Pérez Touriño e que o nacionalista Anxo Quintana. Ante un ofrecemento de debate 'a tres' lanzado por TVE o patrón da dereita española asegurou que só debatería con "eses dous señores" cando PSdeG e BNG presentasen un "programa común".
Cambio de actitude do PP na oposición
A actitude dos populares galegos cara os debates televisados mudou momentaneamente durante a súa etapa na oposición. Así, antes das eleccións municipais de 2007, cuxa campaña e precampaña o PP aproveitou para presentar o seu novo líder polos concellos do país, a dirección conservadora accedeu de bo grao ao convite do programa Hai Debate!, da TVG, que ofrecera o seu plató para que os líderes das tres principais forzas políticas contrastasen os seus programas locais. Así, Alberto Núñez Feijóo acudiu a aquel programa e tamén o fixo quen daquela era portavoz nacional do Bloque, Anxo Quintana. O PSdeG, pola súa banda, enviou ao alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, toda vez que Touriño argumentou que o "respecto" ao proceso electoral municipal lle impedía participar. Aquel debate celebrouse sen especiais polémicas e mesmo sen apenas interrupcións entre os contendentes.
O actual presidente accedeu a debater 'a tres' nas municipais de 2007 e nas xerais de 2008
Menos dun ano despois, a comezos de 2008, a TVG volveu poñer outro convite para debater sobre a mesa, naquela ocasión coa vista posta nas eleccións xerais de marzo. Os emprazados eran, de novo, Touriño, Quintana e Feijóo, e neste caso accederon os tres. Así, o plató habilitado no claustro do convento compostelán de San Francisco acolleu a inédita imaxe do presidente, o vicepresidente e o líder da oposición contrastando candanseus programas políticos ante as cámaras. O debate logrou un 24% de audiencia, superando a dun partido de fútbol que outra canle emitiu á mesma hora.
Feijóo, só 'cara a cara'
As facilidades de Feijóo para acudir aos debates desapareceron nas primeiras eleccións ás que se presentou como cabeza de cartel, as autonómicas de 2009. Menos dun ano despois de comparecer ante a audiencia con Touriño e Quintana o actual presidente negouse a facelo de novo antes das eleccións ás que concorrían os tres. Naquel ano o plan de cobertura das eleccións previsto pola Televisión de Galicia incluía un debate 'a tres' de 70 minutos de duración que se emitiría nun dos horarios de máxima audiencia, toda vez que substituiría a emisión do programa Luar. Os populares negáronse por considerar, en verbas de Feijóo, que ese debate non era máis ca un "teatrillo amañado" co que se pretendía ocultar que Touriño era un "covarde" que non quería debater con el en solitario.
Nas primeiras eleccións ás que se presentou como cabeza de cartel Feijóo negouse a debater na TVG con PSdeG e BNG por ser un "teatrillo amañado"
A seguinte gran cita electoral tras as autonómicas de 2009 foron as municipais de 2011 e nesas o debate entre líderes dos partidos nin chegou a formularse. No seu lugar a TVG organizou debates entre candidatos das cidades aos que accederon todos os candidatos dos grupos con representación municipal agás a viguesa Corina Porro. Ao ano seguinte, en 2012, houbo de novo eleccións galegas e Feijóo mantívose inamovible na posición de non debater con PSdeG e BNG e, menos aínda, de darlles entrada a forzas sen representación parlamentaria. Naquela ocasión foron socialistas e nacionalistas quen cederon e si se celebraron tres debates a dúas bandas con Feijóo, Pachi Vázquez e Francisco Jorquera como protagonistas.
Esta é a bagaxe coa que o país chega a estas municipais, nas que a dirección galega do PP tomou a iniciativa para transmitir, a través dos seus candidatos nas cidades, a súa disposición a debater. Neste caso os populares non piden encontros a dúas bandas pero si impoñen outra restrición: só debaterán con quen obtivo edís nas anteriores municipais, pechando así as portas a forzas novas ou emerxentes como as 'mareas', CxG ou Ciudadanos, entre outras.