Xuño de 2009. O novo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realiza unha visita á cidade e reafírmase na promesa de trasladar a fábrica de ENCE fóra da ría, unha "decisión persoal" incluída no seu programa electoral. "Non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría", afirmou. Outubro de 2012. O PP volve ganar as eleccións autonómicas e faino cun programa electoral no que explicita a súa "aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento". Ambas promesas, unha lanzada dende a oposición e outra dende o Goberno, foron formuladas en plena recesión económica, a mesma á que agora apela o presidente para abxurar da súa promesa e apoiar que a pasteira siga onde está máis alá de 2018, cando caduca a súa concesión.
Despois de aproveitar a sesión de control do pasado mércores para escenificar por primeira vez o seu cambio de postura Feijóo foi cuestionado ao respecto este xoves pola prensa. Que cambiou dende que formulou a súa proposta? "O que muda son dúas cousas -explicou-: unha profunda recesión económica que castiga duramente o sector industrial da comunidade autónoma" e tamén "a lexislación", que agora fai que "quen ten que decidir se unha industria se mantén é o Goberno de España". Neste contexto, asegura, "non é de recibo escoitar" dende as bancadas da oposición que "desapareza a industria forestal e madeireira en Galicia", di, sen mencionar a posibilidade do traslado que el mesmo prometeu.
Feijóo apoia a súa viraxe na "profunda recesión económica", máis intensa cando prometeu o traslado
Pero, é realmente máis acusada a recesión económica agora que en 2009 ou 2012? Os datos din que non. Cando Feijóo reafirmou a súa aposta por trasladar ENCE, tras tomar posesión, o PIB galego retrocedía a un -4,9% interanual e a un -1,1% intertrimestral, segundo datos do IGE. Cando o fixo por segunda vez, no programa das últimas autonómicas, a recesión era do -1,8% interanual e do -0,5% intertrimestral. Os datos máis recentes do produto interior bruto amosan unha imaxe de avance moi leve, de práctico estancamento, pero, en todo caso, cun crecemento do 0,4% que, obviamente, non representa unha recesión maior que a de 2009 e 2012, cando o presidente prometía que a fábrica deixaría o seu actual emprazamento.
O cambio da lei, anunciado antes da segunda promesa
O PP incluíu o traslado no seu programa despois de que o Consello de Ministros lle dese luz verde inicial á reforma da Lei de Costas
Os datos de crecemento económico non sustentan a afirmación presidencial no que atinxe ás promesas de 2009 e 2012 e o cambio lexislativo non o fai a respecto das de 2012. Se ben é certo que a reforma da Lei de Costas que facilita a permanencia de ENCE na ría non se aprobou definitivamente no Congreso dos Deputados ata maio de 2013, despois das eleccións galegas, non o é menos que o anteproxecto de lei xa recibira o visto e prace do Consello de Ministros en xullo de 2012, dous meses antes de que Feijóo presentase formalmente o programa electoral no que volveu incluír a promesa do traslado. Dado que o PP conta cunha folgada maioría absoluta nas Cortes nada facía indicar que o departamento estatal de Medio Ambiente, na altura dirixido por Miguel Arias Cañete, fose cambiar de criterio durante o trámite parlamentario.
Neste escenario, Feijóo abonda na cuestión para afirmar que "estamos traballando nun contexto de que a Administración Xeral do Estado é a que decidirá ou non" se ENCE pode ficar onde está, e á Xunta só lle corresponde emitir "o informe previo" a respecto de se a factoría cumpre ou non "toda a lexislación medioambiental", algo que, di, o Goberno galego garantirá "ao mil por cen". Así as cousas, o titular da Xunta vén advertir de que o seu Goberno ten unha escasa marxe de manobra para decidir sobre ENCE pero, ao tempo, esixe que os grupos da oposición no Parlamento galego "digan exactamente" cal é o seu "posicionamento económico e social" sobre esta factoría.
En plena 'guerra' co sector da madeira
A patronal do sector madeireiro asegura que ENCE tamén apoia a súa recente ruptura de relacións coa Xunta
A viraxe do tamén líder do PP en Galicia chega a pouco máis dun mes das eleccións municipais, pero tamén en plena 'guerra' da Xunta co sector da madeira. Despois de meses de tensións a patronal do sector, Confemadera, decidiu rachar as relacións co gabinete de Feijóo entre denuncias de "desatención e falta de solucións" ao seus problemas. Nunha entrevista concedida a Campo Galego a secretaria xeral desta organización sectorial, Ana Oróns, advertía de que, alén de posibles discrepancias por cuestións como a extensión do eucalipto, en Confemadera "non se fai nada que non validen os órganos de dirección", no que as decisións son tomadas "por unanimidade". Polo, advirte, "toda a dirección de Confemadera, ENCE incluída", "validou a decisión" de rachar relacións coa Xunta.
Con este pano de fondo dende o atril do Consello da Xunta equipara a súa defensa da factoría pontevedresa coa do sector forestal no seu conxunto. "Estamos a falar de miles e miles de empregos no sector da madeira", asegura o presidente, para quen ENCE é en Pontevedra "o que é Citroën en Vigo ou Inditex na Coruña, facendo todos os axustes"; proclama. "Temos que decidir o futuro do sector forestal galego", afirma, nun contexto no que, ao seu xuízo, reclamar o traslado de ENCE implica pular pola "desparición da industria forestal e madeireira en Galicia".