O globo de Ciudadanos en Galicia desínchase antes de botar a voar. A fuxida de militantes e líderes locais de UPyD hai tan só uns días coa intención de sumarse ás candidaturas da formación de Albert Rivera nalgunhas das principais cidades galegas e as boas expectativas electorais que as enquisas lle daban xa nalgunha urbe situaron o partido no foco. Os dirixentes locais adiantaron a presentación de listas en cando menos quince concellos galegos, incluídos os sete grandes, pero a dirección estatal xa botou atrás as candidaturas da Coruña, Ferrol e Ourense, tres das localidades onde máis posibilidades tiñan de obter representación.
Ciudadanos ten previsto presentarse en doce concellos, pero non en Ferrol, A Coruña nin Ourense
Finalmente, e co luns como data límite para presentar as candidaturas, Ciudadanos ten previsto presentarse en 12 concellos. Todas as cidades agás Ourense, Ferrol e A Coruña, ademais de Cee, Negreira, Ames; Ribeira, Boiro, A Lama, Ribadeo e Burela.
O partido, desde a súa sede en Barcelona, insiste na falta de madurez das candidaturas, as présas, o conflito pola admisión de militantes de UPyD e a ausencia dunha bagaxe previa para xustificar os vetos, mentres en Ferrol ou na Coruña agardan que a dirección recapacite e acepte a presentación dunha lista a última hora. Só na cidade departamental parece haber opcións para unha solución satisfactoria.
No caso coruñés, unha enquisa da Facultade de Socioloxía da UdC outorgáballe ata tres concelleiros, mesmo antes de ter confirmado a súa candidatura e sen un número un decidido. Quen se postulaba era Lola Prieto, pero a estreita relación dela e doutros futuros membros da lista co PP local acabou case definitivamente coas súas opcións.
O diario Público desvelou esta semana conversas vía whasapp na que Prieto recomendaba ao PP a inclusión dunha ex militante do partido de Albert Rivera, Begoña Vila, nas listas populares. "Os traería un montón de votos. Siempre viene bien algún sanitario en las listas", dicía Prieto a Juan de Dios Ruano, deputado no Congreso pola Coruña.
O diario 'Público' desvelou a estreita relación entre os líderes de Ciudadanos na Coruña e o PP local
Ademais, o mesmo xornal desvelou que o coordinador de Ciudadanos na Coruña, Antonio García-Plata, que tiña previsto ser o número dous do partido laranxa na cidade, foi membro do PP e mesmo integrara a lista dos conservadores en Cambre en 2011, achegándose incluso fotografías con Alberto Núñez Feijóo. As sospeitas de que a formación fose unha marca branca dos populares na cidade fixo dar marcha atrás desde Barcelona a unha posibilidade nunha localidade onde tan só conta con 150 afiliados.
Ciudadanos-Ourense presentou a súa candidatura e o seu programa malia o veto da dirección estatal
Menos hai aínda en Ourense -outra cidade onde finalmente non parece que haberá lista-, con arredor duns trinta afiliados. No entanto, e malia o veto desde Barcelona, o arquitecto Rafael Castro presentou a súa candidatura e o seu programa na cidade das Burgas á espera dunha marcha atrás nesta fin de semana. De non "rectificar" a dirección estatal, como piden na formación ourensá, a lista non se presentará tampouco como independente. A última hora deste venres, mesmo desapareceran as referencias á presentación das súas medidas para o Concello nas redes sociais, vetadas tamén por unha dirección que lles revogara os poderes para evitar que presentaran a candidatura. Toda a executiva local abandonou a formación.
Xa que logo, a presumible ausencia de Ciudadanos nas eleccións municipais na Coruña, Ferrol e Ourense supón ao tempo un alivio para o PP, que vía como outra formación de dereita podería roubarlle votos, pero tamén un contratempo, porque o partido de Albert Rivera podía ser quen recollese os votos de desencantados populares e quen facilitase tamén o goberno conservador en varias localidades.