"Non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría". Esta "decisión persoal" de Alberto Núñez Feijóo resume a promesa que o PP galego mantivo durante máis de media década e que plasmou nos seus programas electorais de 2009 e 2012, formulados respectivamente dende a oposición e dende o goberno. Coa proximidade das eleccións municipais do vindeiro 24 de maio os populares comezaron a escenificar o retorno á súa posición inicial, a de apoiar que despois de 2018, cando remata a súa concesión, a pasteira siga onde está dende 1957. Pouco despois foi o propio Feijóo quen se engadiu con entusiasmo ao apoio á factoría. Unha vez consumada a viraxe o presidente da Xunta ubica na "demagoxia" a posibilidade de formular o traslado.
Dúas semanas despois de escenificar o cambio de posición na sesión de control do Parlamento o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, aproveitou a propia sesión para cuestionalo ao respecto. "De verdade considera que a solución aos problemas de Galiza é que ENCE siga contaminando na ría de Pontevedra?", preguntou. "Un pouco de seriedade", esixiu o presidente, que esgrime a autorización ambiental integrada outorgada polo bipartito á fábrica en 2008 para xustificar a súa propia mudanza. "Pontevedra é a cidade onde máis se incrementou o paro", engade ademais Feijóo, despois de que os últimos datos da EPA -escasamente fiables a nivel municipal, segundo o IGE- lle impedisen seguir mantendo que se trata da cidade "con máis paro de Galicia".
Jorquera lembra que o PP prometeu o traslado "en termos moi claros"
"Ten palabra?", retrucou Jorquera, aludindo aos "termos moi claros" dos programas do PP de 2009 e 2012 a respecto do "compromiso" neste ámbito, que non era outro que "garantir o traslado de ENCE" a outro punto da comarca de Pontevedra. "Se de verdade quere poñer en valor a industria forestal cuestione un modelo onde nós poñemos a materia prima e outros, as actividades que xeran valor engadido" e no que ENCE promove o "monocultivo e o monopolio", "impón os prezos e arruina os produtores".
"Non empecemos a enganar a xente outra vez, a alternativa non é o traslado, é o peche", di agora o presidente
Neste contexto o presidente di "manter" o seu programa pero abxura del na práctica. "Non hai termo medio", "ou ENCE fóra de Galicia ou ENCE en Pontevedra coas máximas garantías", di. "Non empecemos a enganar a xente outra vez", acrecenta, porque "a alternativa de ENCE non é o traslado, é o peche", di agora. "Hai que dicilo en Pontevedra e en Galicia", porque "non hai espazo para a ambigüidade nin a demagoxia"; ou ENCE se mantén "ou lles dicimos a 800 familias que van quedar sen traballo".
Feijóo reprocha que o Concello de Pontevedra vaia "recoller premios a Dubai e Nova York"
Sobre este argumentario o presidente da Xunta aproveita tamén para baixar á area preelectoral. O voceiro do BNG, reprocha, di que "non coñezo a realidade de Pontevedra", pero "como a coñez, fago esta proposta". Mentres, reprocha sen mencionalo, o goberno local pontevedrés "vai recoller un premio a Dubai, un dos países máis protectores dos dereitos humanos do mundo, ou a Nova York, que é un dos países máis socialistas do mundo", di, en referencia aos recoñecementos recibidos polo goberno local a conta do seu modelo urbano nos últimos meses. "Mentres van a Dubai e a Nova York, a min me preocupan as familias galegas", proclama.