A Marea Atlántica chega chea de "ilusión" á beira da campaña electoral

Manuel Rivas, na presentación da Marea Atlántica © Marea Atlántica

"Grazas á xente acadamos o noso obxectivo mínimo de financiamento para a campaña, sen ter que depender dos bancos". Con esta mensaxe nas redes sociais, a Marea Atlántica celebraba ter superado os 12.000 euros que a través dunha colecta popular solicitara á cidadanía para afrontar a última carreira electoral de cara ás municipais. “

"A magnífica resposta da cidadanía a este chamado convértese noutra proba de que as xentes da Coruña ven con ilusión este proxecto e están dispostos a colaborar para que vaia adiante e chegue a María Pita, incluso facendo achegas do seu peto en momentos economicamente complicados", di o candidato Xulio Ferreiro. Máis de 300 mecenas que achegaron unha media duns 42 euros, "moitas pingas xuntas que fan un mar enteiro" para unha plataforma cidadá que aparece nas enquisas como seria alternativa para liderar un goberno alternativo ao PP na Coruña. "Sen hipotecas dos bancos ou doutros intereses". 

A Marea Atlántica recadou máis de 12.000 euros entre a cidadanía para financiar a campaña electoral

Foi a primeira das mareas -nada aló polo mes de xullo pasado- e a que marcou o camiño en Galicia, situándoa como referente que logo seguiron moitas cidades e vilas do país. Pero o resultado non foi o agardado en todas as localidades, nin moito menos. Desde a plataforma coruñesa presúmese de ser "o proceso de confluencia máis potente de todo o Estado" e no Estado vese nel un exemplo de entre os proxectos municipalistas xunto a Málaga Ahora ou a Barcelona en Comú que lidera Ada Colau. Será a catalá unha das que que participará este mércores 6 en Madrid nun acto de peche de precampaña. Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica, compartirá acto tamén con Manuela Carmena, de Ahora Madrid e os cabezas de lista de Zaragoza en Común e Terrassa en Comú.

“A Coruña, por medio da Marea, está na vangarda do cambio no Estado español, xunto a persoas de coñecida traxectoria polos dereitos sociais. Se o PP de Negreira converte A Coruña en nova a nivel estatal por casos de corrupción; a Marea converte A Coruña en nova a nivel estatal por liderar o cambio e a esperanza”, defende Ferreiro. O feito de que a plataforma sexa considerada referencia noutros lugares é recoñecido polos impulsores do espazo como un síntoma de que as cousas se fixeron ben. As mareas por barrios e sectoriais, os diferentes actos pola cidade ou o xornal gratuíto O 15, onde se explica o programa, fixeron espallar o proxecto, pero son conscientes de que agora falta referendar este traballo nas últimas semanas previas ao 24 de maio e nesa xornada electoral. 

A Marea participará nun acto en Madrid xunto a BCN en Comú ou Ahora Madrid e Pablo Iglesias viaxará á Coruña para apoiar a plataforma

Para logralo, contarán con importante apoio. A Marea prepara un grande acto para o vindeiro 12 de maio que pretende ser "o máis multitudinario da campaña na cidade", segundo fontes da plataforma. Terán protagonismo os candidatos independentes -que ocupan os primeiros postos da lista electoral- pero chegará o pulo de líderes das diferentes formacións que se dilúen proceso. Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, será un deles, no único acto no que amosará apoio explícito e en persoa a un espazo de confluencia en Galicia. Tamén haberá representación de Equo, das forzas de AGE, de Compromiso por Galicia e de todos os partidos que apostaron polo proxecto. 

"O principal valor que temos é que somos un espazo onde os partidos apoian e conflúen pero teñen pouca presenza, non como noutras plataformas onde lideraron o proceso", destacan desde a Marea, que lembran que o primeiro membro da lista con carné de partido sitúase no cuarto posto. "Ademais, fomos dos primeiros procesos de confluencia cidadá que xurdiron no Estado, ao ronsel de Barcelona en Comú", insisten.

Aló por mediados de xullo lanzouse o manifesto e unha semana despois xuntáronse máis de 300 persoas na Ribeira do Cómaro, a onde volveu a plataforma nove meses despois para as fotos dos carteis electorais. "A presenza de Manuel Rivas, o seu apoio e as súas palabras foron tamén moi importantes para nós", lembran impulsores da Marea que se recoñece herdeira de diferentes movementos sociais coruñeses. "Aquí na Coruña ese movemento social, en forma de colectivos ou centros, sempre foi moi importante, mentres en Vigo, por exemplo, a fortaleza recaía máis no movemento obreiro", destacan. O acto con Ada Colau, que ateigou o paraninfo da UdC, deulle máis pulo á plataforma. 

O impulso dos movementos sociais e a ampla confluencia dos partidos son dous dos valores que máis destaca a Marea

A masiva confluencia e a ausencia de polémicas que si se deron noutras plataformas cidadás acabaron por asentar o proxecto. "Non hai precedentes en todo o Estado, cando menos en cidades importantes. Na Marea xúntanse desde o último socio do PNV nas eleccións europeas, CxG, ata a FPG a través de Anova, pasando por EU, Podemos, EQUO, Espazo Ecosocialista ou ata o Partido Humanista e movementos sociais e veciñais", destacan. Nin en Barcelona en Comú, lembran, se logrou tal apoio dos partidos á confluencia cidadá. 

E o caso de Podemos reforzou tamén a Marea. Mentres os círculos doutras cidades rexeitaban a participación en procesos de confluencia ou a escasa participación dos seus militantes facía imposible referendar esa opción, na Coruña os afiliados á formación de Pablo Iglesias participaron masivamente para apoiar o proceso. Presentaron lista ás primarias e os seus candidatos quedaron relegados a postos testemuñais, pero o partido apoiou e apoia a Marea como exemplo.  

As enquisas sitúan a Marea Atlántica na posibilidade de liderar unha alternativa ao PP de Negreira

A última enquisa da rolda semanal que elabora a Facultade de Socioloxía para Radio Coruña outórgalle á Marea Atlántica arredor dun 20% dos votos e 6 concelleiros, mantendo a posibilidade de liderar un goberno alternativo ao PP de Negreira e malia que todos os inquéritos destacan tamén o escaso coñecemento aínda do candidato Xulio Ferreiro. "Unha expectativa de seis edís nun escenario que aínda deixa moitas opcións de mellora. cada día somos máis as persoas que nos sumamos a este proxecto común para traballar pola cidade que queremos. Con ilusión. Porque queda moito que dicir", advirten. O precedente das últimas eleccións europeas, onde o bipartidismo non chegou ao 50% dos votos na cidade e Podemos e AGE superaron o PSOE, mantén o optimismo nun espazo que cre que a unión de tantas sensibilidades pode "multiplicar" o apoio cidadán. 

Silvia Cameán, Xulio Ferreiro e Rocío Fraga, da Marea Atlántica © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.