"A carretaxe que é un escándalo noutros lugares, vese natural en Galicia"

Rafael R. Villarino, alcalde de Amoeiro CC-BY-SA Praza Pública

O PSdeG de Amoeiro acudirá á Xustiza para desenmascarar e denunciar a presunta carretaxe de votos e o intento por influenciar na decisión de anciáns impedidos por parte do PP. Os socialistas desta localidade ourensá denunciaron xa á Xunta Electoral por un posible delito electoral, pero o organismo aínda non ditaminou. No caso de que non aprecie irregularidade ningunha ou de que non leve o caso á Fiscalía, será o PSOE quen o faga. 

Así llo asegurou a Praza Rafael Rodríguez Villarino, alcalde socialista de Amoeiro, que nin tan sequera entende a tardanza da Xunta Electoral. "É curioso que aínda non decidira porque parece que o están a pensar moito; deberían actuar e trasladar o caso á Fiscalía, agardemos que o fagan e que o fagan xa; se non o fan eles, farémolo nós", asegura o rexedor, que aposta por continuar a vía xudicial "para que a xente que quere tapar isto non o consiga".

O alcalde de Amoeiro denunciou con dous vídeos as presións e intentos de carretaxe por parte do PP a ancións impedidos

O pasado luns, o PSdeG de Amoeiro presentou unha denuncia ante a Xunta Electoral por un posible delito electoral cometido polo PP da mesma localidade. Para iso achegaron dous vídeos, gravados polo candidato e rexedor. No primeiro deles, a administradora dunha residencia de anciáns conta como tres traballadoras do Concello (dous auxiliares de axuda no fogar e unha administrativa), que á súa vez se presentan nas listas do PP, recomendábanlle que facilitase o voto por correo dos anciáns ao seu cargo, co fin de orientar o seu voto en plena precampaña. 

No segundo vídeo achegado como proba á Xunta Electoral xúntase toda a esencia do mal gusto, da falta de ética na manipulación de anciáns impedidos co fin de orientar o seu voto, pondo ao seu servizo todos os medios da ben engraxada maquinaria electoral do PP. Son dous vellos os que explican como as xa mencionadas traballadoras de axuda no fogar, Silvia Gómez Manso (candidata) e Natalia Vázquez Rodríguez (irmá doutro candidato do PP), presentábanse -fóra do seu horario laboral- na casa de dúas ás que coidan durante a semana para facer descaradamente campaña electoral a favor do PP.

O PP xa anunciou con "denunciar" o PSdeG de Amoeiro, ao que acusa dunha "campaña de desprestixio"

O PP de Ourense reaccionou anunciando que medita "denunciar" o PSdeG de Amoeiro, ao que acusa de intentar promover "unha campaña de desprestixio orquestrada" para "desviar a atención da noticia bomba" nese partido. "O candidato socialista aproveita o día do funeral político do seu mentor, Pachi Vázquez, para desviar a atención da súa inminente morte política", asegurou o voceiro do PP na localidade, José Sampayo. 

"Teño visto escusas moito mellores", di Rodríguez Villarino, que ve curioso que precisamente o PP o acuse de intentar desviar a atención "cando todos os medios estaban pendentes da rolda de prensa de Pachi Vázquez e a nova saíu ao mesmo tempo". "Queren facer pasar a xente por parva", insiste o rexedor, que aclara que a denuncia de carretaxe non foi iniciativa propia, senón que xurdiu tras a chamada da directora da residencia de anciáns. "Estaba consternada e preocupada e comezamos a atar cabos e fomos dándonos conta do que se estaba argallando; foi daquela cando fomos a un domicilio para comprobar o que se denunciaba", explica. 

O rexedor advirte que decidiu denunciar tras a chamada da directora da residencia de anciáns, que advertiu das prácticas do PP

Rodríguez Villarino non destacar, nin moito menos, que haxa máis casos e cre que a nova, que "supón un escándalo en calquera lugar do Estado", é tomada "como algo natural en Galicia". "Esa é a impresión que teño... E isto non é natural, senón algo aberrante, ilegal e eticamente noxento. A xente ten que espertar e empezar a falar, pero hai presións, medo e unha semicultura que parece que nos empurra a pensar que isto é unha tradición que hai que aceptar", denuncia. 

"Isto é un escándalo en calquera lugar pero vese como algo natural en Galicia, e non é, é aberrante, ilegal e eticamente noxento"

"Seguro que hai máis casos, pero outra coussa é que se poida demostrar ou que a xente sexa valente e chos conte", engade o rexedor de Amoeiro, que apunta a máis arriba cando se lle pregunta pola maquinaria de carretaxe e compra de vontades. "Hai quen presume de ser asesor con moita fachenda malia ser colocado a dedo", di. Refírese ao candidato do PP en Amoeiro, que está colocado de asesor do presidente da Deputación, José Manuel Baltar, fillo de José Luis Baltar, condenado hai uns meses por un xuíz a nove anos de inhabilitación por enchufar a dedo a 104 persoas na Deputación ourensá na o ano 2010.

"No inconsciente colectivo está instalado que isto é normal, que que se lle vai facer... E non pode ser", engade, quen agarda que a súa denuncia traia consigo outras. O que si cre é que, cando menos, "a xente xa está moito máis alerta". Aínda así, non confía moito. "Houbo casos e hainos máis escandalosos, como aquel concello onde se empadroaban familias portuguesas en casas baleiras e en ruínas", lembra. "Abonda tirar de hemeroteca", insiste Rodríguez Villarino, que aclara que os vídeos enviados á Xunta Electoral son máis longos e con máis detalle que os que foron publicados por este medio. 

Nun dos vídeos, a administradora da residencia do Cerval, María Manuela Dias da Costa, un núcleo de Amoeiro, denuncia que a administrativa e candidata do PP Beatriz Álvarez Pérez, acompañada das traballadoras de axuda no fogar Silvia Gómez Manso (tamén candidata) e Natalia Vázquez Rodríguez (irmá doutro candidato do PP), ofrecíanse a proporcionar gratis notarios "do partido", insinuando que para iso era necesario que votasen á súa formación política, pois advertían que, pola contra, os gastos de notario ascenderían a 50 euros.

Para enriquecer a oferta daban a entender que a esposa dun dos médicos do centro de saúde de Amoeiro, María Ángeles González Bayón, tamén candidata da súa formación nos próximos comicios, facilitaría que o seu marido estendese sen problemas certificados que xustificasen o estado de saúde dos anciáns para que puidesen votar por correo. Todo vantaxes e facilidades. Un equipo electoral perfecto.

A alcaldesa popular de Sandiás tamén foi denunciada por un presunto delito electoral

No outro vídeo, dous anciáns deixan en evidencia as supostas prácticas caciquís do Partido Popular. Unha de tantas das denunciadas desde hai anos: a última delas en Sandiás, tamén en Ourense. O candidato da Agrupación de Electores de Sandiás, Felipe Traveso, vén de presentar unha denuncia no xulgado de Xinzo contra a alcaldesa, Concepción Méndez (PP) por presunto delito electoral cometido coa colaboración de empregados do Concello. Segundo a demanda, teríase amedrentado os veciños, obrigándoos a solicitar o voto por correo para despois introducir eles mesmos a papeleta. "En Galicia todos escoitamos casos", remata o rexedor de Amoeiro, a última localidade dunha lista interminable de carretaxes e presións políticas. 

Rafael R. Villarino, alcalde de Amoeiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.