O PP, denunciado por "carrexar" anciáns con demencia para votar por correo en Riotorto

Concello de Riotorto CC-BY-NC-SA Xas

O pequeno Concello de Riotorto, de apenas 1.400 habitantes, é un dos marcados en vermello no taboleiro electoral do PP lucense. Actualmente está gobernado por unha coalición do BNG -4 concelleiros- e o PSdeG -1 concelleiro-, mentres que a oposición está formada por 4 edís do PP. Malia ás súas escasas dimensións, Riotorto é unha praza relevante para outra batalla, a cobizada Deputación de Lugo. Se cadra por iso este sábado Alberto Núñez Feijóo acode persoalmente a ofrecer un mitin alí. Para o alcalde e candidato á reelección, Federico Gutiérrez, a presenza do presidente da Xunta equivale a un "aval" ás prácticas que vén de denunciar ante a Xunta Electoral: a "carretaxe" de anciáns con "demencia" para tramitaren o voto por correo malia non estaren capacitados, di.

"Presentamos unha denuncia ante a Xunta Electoral porque temos testemuñas", explica Gutiérrez en declaracións a Praza Pública. Nas últimas semanas, asegura, "os candidatos do PP andan movendo persoas anciás", das que "nos consta que están solicitando certificados médicos" por tratarse de "xente que ten demencia". Lévanas, di, a oficinas de Correos como a do concello veciño da Pastoriza -a de Riotorto comparte edificio coa casa consistorial- para solicitar o voto postal nas eleccións do 24 de maio. Fano malia "ser xente que non saben onde están, que non se poden nin mover" e que, na súa maioría, habitan en residencias de maiores por non poderen valerse por si mesmas.

O alcalde de Riotorto afirma que "os candidatos do PP andan movendo" persoas "con demencia" para que tramiten o voto por correo

Ao contrario do denunciado polo alcalde socialista do concello ourensán de Amoeiro, neste caso non existe ofrecemento dos servizos dun notario para facer o trámite. "Se teñen que facerse cun poder notarial élles un proceso máis complicado", e neste caso ao PP local resúltalle "moito máis operativo o coche, levalos á oficina de Correos, arranxarlles os papeis, e listo". Isto sucede, entre outros motivos, asegura, porque un dos candidatos populares "ten un taxi e xa se encarga el de mover as persoas". Este xeito de actuar mesmo "provocou algún enfrontamento con traballadores de Correos", dadas as dificultades das persoas transportadas para comprenderen os documentos.

Feijóo ofrece este sábado un mitin na vila, o que para Gutiérrez supón un "aval" a estas prácticas

"Aquí coñecémonos todos", resume Gutiérrez, para constatar que isto "non é nada que non fixesen sempre". A única diferenza, mantén, é que "desta volta é máis intenso". O caso xa está na mesa da Xunta Electoral e "xa se lle comunicou á Garda Civil", aínda que o alcalde teme que "quede en nada". "Polo menos", que se saiba, reflexiona, mentres lamenta que Feijóo vaia servir, coa súa presenza, de "aval a este tipo de prácticas". "Non creo que os vaia reprender" durante o mitin, no que tamén está prevista a presenza do presidente provincial e portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro.

A denuncia e a presenza de Feijóo na campaña de Riotorto chega despois dun mandato municipal no que o alcalde deste pequeno Concello mantivo enfrontamentos directos coa Xunta en varios asuntos, especialmente no que atinxe ao copagamento de medicamentos. Así, despois de que o Ministerio de Sanidade anunciase a exclusión de varios medicamentos do financiamento público o goberno local desta vila anunciou que se faría cargo do custo dos fármacos e o movemento de oposición a este recorte sanitario chegou a ser alcumado como "espírito de Riotorto".

Concello de Riotorto CC-BY-NC-SA Xas

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.