Marea Atlántica gobernará A Coruña. Podería facelo mesmo en minoría, logo de se converter -polo momento- na lista máis votada na cidade e dar unha das grandes sorpresas destas eleccións municipais. A plataforma cidadá non só liderou a alternativa á dereita, senón que igualou en número de concelleiros o PP, que perde a maioría absoluta e o poder na urbe.
A Marea Atlántica convértese na formación máis votada na Coruña, superando o PP, que perde catro edís
A Marea que lidera Xulio Ferreiro obtén 10 concelleiros co 94,39% escrutado, o que lle daría a posibilidade clara de gobernar. O espazo de confluencia -que xunta EU, Anova, Podemos, Equo, Espazo Ecosocialista e Compromiso por Galicia- superou mesmo as mellores expectativas e lidera o espazo do progresismo na Coruña, que sería claramente maioritario. Socialistas e Bloque sofren o auxe da plataforma cidadá. O PSdeG baixa pero mantén 6 edís, mentres que o BNG perde 3 pero segue no Concello con 1 representante. Ciudadanos, ao que as enquisas lle daban unha importante presenza, queda finalmente sen nada.
O auxe da Marea castiga o PSdeG, que perde dous concelleiros, e ao BNG, que mantén un pero perde tres
Pero a gran perdedora foi a dereita. Carlos Negreira, que confiaba en renovar a maioría absoluta do PP, quedou moi lonxe dela e perdeu case 20.000 votos. Ciudadanos, ao que enquisas lle chegaron a dar tres concelleiros, nin tan sequera entrou na corporación municipal. O partido localista Unión Coruñesa tampouco logrou representación no consistorio. A esquerda, incluíndo o PSOE, supera o 55% dos votos na Coruña e a Marea Atlántica supera en case 10.000 votos a suma de socialistas e Bloque.
Xulio Ferreiro, sen militancia, será o novo alcalde subido a unha marea que foi medrando con forza desde que hai menos dun ano lanzou un manifesto apoiado, entre outros, polo escritor Manuel Rivas. Conseguiu "a maior confluencia do Estado", como adoita presumir a formación, e varreu a dereita na cidade que dera a maioría absoluta a Negreira hai catro anos. Daquela, o Deportivo descendera a Segunda División o sábado o PP accedera á alcaldía ao domingo. A sorpresa do equipo branquiazul trasladouse desta vez tamén ás urnas.
"A Coruña gobernarémola entre todos e entre todas", dixo Xulio Ferreiro
Na súa primeira intervención, Xulio Ferreiro deu as grazas "a todas esas mans que tanto traballaron, fixeron e farán pola Coruña". "Isto é voso", asegurou. "O que imos facer farémolo entre todos, esta cidade ímola gobernar entre todos e entre todas", insistiu o candidato da plataforma cidadá, que quixo "parabenizar a todas as candidaturas de unidade popular do Estado". A candidata do PSdeG, Mar Barcón, asegurou ademais que "o pobo nunca se equivoca" e asumiu a responsabilidade nos malos resultados. "Eu non me presentei para ser terceira forza", dixo.
A falta do escrutinio completo, Negreira asegura que o PP gañou á Marea por 54 votos
Pola súa banda, Carlos Negreira, que non compareceu ata case a unha da madrugada, recoñeceu que os resultados "non eran o obxectivo que se quería". "Os coruñeses quixeron que os distintos partidos se poñan de acordo para gobernar e isto aceptámolo", dixo o aínda alcalde, que malia que o escrutinio non era oficial, asegurou que os datos dos seus apoderados e interventores dábanlle ao PP 54 votos máis que á Marea.
>> HABERÁ AMPLIACIÓN