Marcha un dos baróns do PP. O aínda presidente en funcións da Deputación de Pontevedra e líder provincial do PP, Rafael Louzán, anunciou xa que non será deputado no vindeiro mandato de, tal e como está previsto, confirmarse o pacto entre PSdeG e BNG. O acordo situará a socialista Carmela Silva á fronte dun organismo que o aínda dirixente abandona máis dunha década despois.
Rafael Louzán abandona a Deputación logo de máis dunha década como presidente
Desde 2003 levaba Louzán á fronte da Deputación, virando así nun dos máximos expoñentes dese poder provincial omnipresente que antes representaban Cacharro ou Baltar pai e que agora tan só mantén Baltar fillo. Perde o PP o organismo que controlaba desde épocas de Mariano Rajoy ao baixar de 17 a 12 deputados, polos 10 que ten o PSdeG, os 4 do BNG e un das Mareas, que completaron a desfeita popular xunto á fortaleza de Lores en Pontevedra e a enorme maioría absoluta de Caballero en Vigo.
Asegura Louzán que non porá atrancos a un traspaso de poderes que se realizará "sen problemas". Abandona a cadeira de mando pero desde o pasado mes de decembro ocupa xa outra, a da Federación Galega de Fútbol (FGF), que acadou logo de vencer nas eleccións ao alcalde -reelixido este 24M- de Cerceda, José García Liñares... E despois tamén de 70 campos de fútbol pagados con fondos públicos da Deputación, sempre moi interesada e implicada no mundo do fútbol. O aínda presidente anunciou a súa despedida do organismo provincial na sinatura dun convenio co Pontevedra CF.
Louzán abandona a cadeira de mando na Deputación cando xa está sentado na da Federación Galega de Fútbol
Foi un dos seus últimos actos como cargo público dun home que leva vinte na política. En 1995 foi elixido tenente de alcalde en Ribadumia, onde traballaba como funcionario, logo de que se presentase aos comicios co PP local. Xa daquela entrou como deputado na Deputación polo Salnés e un ano despois accedeu á vicepresidencia. En 2003, entrou como presidente en substitución de Manuel Abeledo López, pero xa era o home forte do PPdeG na provincia, presidente do partido desde 2000, lugar ao que accedeu como solución de urxencia do daquela secretario xeral da formación, Xesús Palmou. Pero prestoulle o posto, sobre todo o do organismo provincial. Tanto que o tentou amarrar de calquera maneira.
Logo das eleccións locais de 2007, Louzán -e o PP- mantívose á fronte da Deputación de Pontevedra por unha escasa marxe de pouco máis de 200 votos. Fora clave daquela o traballo que o presidente realizara para xuntar ao PP numerosas listas independentes de dereitas, que acabaron integrándose ao partido. De 42 que existían pasaron a 20. A estratexia continuou de cara aos seguintes comicios, en 2011, pero entón mobilizou non só independentes, senón tamén tránsfugas.
A unión de grupos independentes ao PP e a mobilización de tránsfugas foron claves para manter o seu poder na Deputación
Aproveitou unha viaxe de Feijóo a América para presentar unha moción de censura en Mos que vetara o partido e entregar a alcaldía a Nidia Arévalo, suspendida de militancia. En Silleda tirou de tránsfugas socialistas para darlle o bastón de mando a Ofelia Rey, o que acabou rachando a formación local; e en Tui manobrou cun independente inimigo do imputado rexedor popular. En Porriño, desaloxou o nacionalista Raúl Francés e deulle a alcaldía a un independente, Nelson Santos, que fichou polo PP e aí segue. Son só exemplos (e hai máis como en Nigrán ou Ponteareas) dalgúns métodos que adoitaban ir acompañados de importantes achegas da Deputación a eses mesmos municipios.
Moitas desas axudas chegaron en formas de campos de herba artificial. Uns 676.000 euros en Marín, 442.000 en Vilaboa, 342.000 en Cotobade, 354.000 en Covelo, un millón en Moraña e outro en Cuntis. Son só algúns dos concellos da lista na que figuran nomes como A Sangriña, San Amaro, O Pombal, Monte da Lomba, O Salgueirón, Camballón, A Bouza ou A Seca, uns poucos exemplos dos campos de fútbol que, durante os últimos anos, foron tapizados con herba artificial grazas aos fondos públicos da Deputación de Pontevedra.
Arredor de 40 millóns de tería gastado a Deputación en campos de herba artificial para concellos da provincia
Calcúlase que arredor de 40 millóns de euros da administración provincial pontevedresa foron parar xa nos últimos anos a estas instalacións deportivas. A súa construción e financiamento respondía a unha estratexia exposta abertamente pola Deputación: "Dispoñer de, cando menos, un campo na práctica totalidade dos concellos", o que non impide que en municipios como Ribadumia, concello natal de Louzán, se acumulen xa catro destes campos. Os diferentes céspedes, en todo caso, eran utilizados polos clubs que, maioritariamente, lle deron despois o apoio nas eleccións á Federación Galega de Fútbol (FGF).
No mundo do fútbol sospéitase que Louzán ten como obxectivo presidir a Federación Española de Fútbol
O presidente do PP de Pontevedra logrou 80 votos na asemblea da FGF celebrada a finais do pasado mes de decembro, compostos por representantes de todos os ámbitos do fútbol, fronte aos 65 de Liñares. O alcalde de Cerceda reclamara incluso que a Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta, investigase se Louzán incorrera en "conduta delitiva" durante a carreira electoral ao utilizar, asegura, medios da Deputación, e "armas de convicción poderosas". "Cargos e persoal da Deputación foron interventores no proceso electoral despois de que, en moi poucos días, pasasen a formar parte de directivas de clubes como o Ribadumia e o Umia", denunciou.
O ruxe-ruxe, xa daquela, indicaba a posibilidade de que Louzán abandonase a Deputación, independentemente do resultado electoral das eleccións municipais. O xa ex presidente decidiu non seguir de deputado e dedicarse en plenitude á FGF, aínda que no mundo de fútbol son moitos os que pensan que o seu obxectivo é substituír algún día a Ángel María Villar, presidente da Federación Española. Que ninguén o descarte.