Imputados no caso da Fundación Cela o ex conselleiro Dositeo Rodríguez e a súa filla

Sede da Fundación Cela, en Iria Flavia (Padrón) © Ministerio de Educación

A xuíza que investiga o caso da Fundación Camilo José Celta vén de imputar o ex conselleiro con Manuel Fraga Dositeo Rodríguez pola súa vinculación co despedimento do que fora director xerente da entidade. Xunto ao actual conselleiro de Contas na área de Conta Xeral, a titular do xulgado de instrución número 2 de Padrón chamou tamén a declarar outras catro persoas, todas elas como "presuntos autores dun delito de malversación de fondos públicos".

A xuíza imputa o ex conselleiro no goberno de Fraga e a súa filla, actual directora xerente da Fundación Cela

Entre elas está Covadonga Rodríguez, filla do ex membro do goberno da Xunta e actual directora xerente da entidade investigada, así como Marina Castaño, viúva do escritor e neste caso imputada ademais por fraude de subvencións e apropiación indebida. No caso da citación da presidenta honorífica da entidade, a xuíza solicita no auto que acuda presencialmente polo volume da información recollida no sumario. 

Dositeo Rodríguez, antigo patrono da Fundación entre 2011 e 2014 por petición de Camilo José Cela, xa asegurou que o cesamento de Tomás Cavanna, ex director xerente, foi "validamente aprobado polo Padroado da Fundación e co visto e prace da Xunta". Fíxoo nun comunicado en El Correo Gallego no que debulla todo o proceso que levou á destitución do anterior director. 

Marina Castaño tamén foi imputada por presunta malversación, fraude de subvencións e apropiación indebida

Actualmente, a Fundación Cela pertence á Xunta logo do rescate que levou a cabo hai agora tres anos. A entidade privada, constituída polo escritor nos anos 80 do século pasado para preservar o seu legado e cuxa sede en Iria Flavia permanece aberta dende 1991, pasou a ser integramente pública co obxectivo fundamental de frear en seco o proceso de degradación que viña sufrindo durante os últimos anos, especialmente dende a morte en 2002 do Nobel, momento dende o que a entidade estivo dirixida pola súa viúva, Marina Castaño.

A oposición xa daquela criticara o "trato escandalosamente privilexiado" recibido pola fundación, que recibira da Xunta máis de 400.000 euros a través de dous convenios, un de 154.000 euros e outro de máis de 265.000, como solución de urxencia para a súa delicada situación, que a levou á creba tras a desfeita de xestión dos seus responsables. Ademais, e desde aquela, o organismo salvouse ano a ano dos constantes recortes orzamentarios da Administración galega no ámbito cultural. En 2015, ao igual que nos anos anteriores, recibe 257.294 euros das arcas públicas galegas.

A Xunta rescatou a fundación, 'nacionalizouna' e manteuna á marxe dos continuos recortes á cultura nos Orzamentos

A actual directiva da fundación, Covadonga Rodríguez, fora nomeada a dedo en substitución do xerente de xempre, Tomás Cavanna, e xusto cando a Xunta empezaba a coller o temón da entidade. Foi mantida no posto pola Xunta, tamén desde que a institución se converteu en completamente pública. 

 

Unha historia de múltiples irregularidades na xestión

De entre as múltiples irregularidades descubertas e investigadas, a última que se soubo foi a dunha entidade ligada a Castaño que se tería quedado co IVE das obras na Fundación Cela. Lengua y Literatura, Agrupación de Interés Económico (AIE), constituida co capital da fundación (ao 80%) e a viúva do escritor (20%), absorbeu o IVE das obras de rehabilitación de dous inmobles pertencentes á entidade que honra o premio Nobel. Concretamente, os traballos nas casas dos canónigos números 5 e 8, que foron subvencionados con fondos públicos.  

Unha entidade ligada a Marina Castaño tería quedado co IVE das obras na Fundación Cela

Non foi a única polémica. As denuncias dos empregados sacaron á luz a irregular xestión da Fundación desde hai máis dunha década. Dennciouse o trato aos traballadores ou o dispendio nos gastos, como o soldo de 10.000 euros ao meso do anterior xerente ou o uso da sede para usos particulares de Marna Castaño ou do daquela director. Todo sen que por aqueles anos, sendo parte do padroado da entidade a Xunta, a Casa Real, a Universidade de Santiago e as deputacións, se fixese nada. 

O xulgado de Padrón abriu a investigación en xaneiro de 2012 logo de que a Fiscalía de Santiago presentase seis meses antes unha denuncia contra Marina Castaño e Cavanna. O fiscal, co apoio da Axencia Tributaria, levaba meses investigando as actividades económicas dentro da fundación da viúla do escritor e do xerente que ela e Camilo José Cela trouxeran da empresa Ford. Logo de medio ano de pescudas, concluíuse que abría probas dabondo para presentar unha demanda por estafa, apropiación indebida, fraude fiscal e malversación de caudais públicos. En outubro dese 2012, a policía fiscal e a Garda Civil rexistraron a sede da institución e levaron abundante documentación contable e correos electrónicos. 

O xulgado de Padrón abriu a investigación hai máis de tres anos logo de que a Fiscalía denunciase a Castaño e Cavanna

Todo partira algo antes dunha denuncia inicial de Lola Ramos, veciña de Iria Flavia, coa que intentou sacar á luz todas as presuntas irregularidades que Marina Castañño levaba cometendo desde habíai anos. Toda a documentación que achegou, moita dela conseguida a través de envíos anónimos de persoas que coñecían o que se cocía na fundación, foi posta en coñecemento de partidos e persoeiros políticos e administracións. Nela advertíase da presunta creación de sociedades interpostas para aproveitar subvencións e obter millonarias devolucións de IVE que corresponsían á entidade por ser unha institución sen ánimo de lucro. 

Núñez Feijóo e Dositeo Rodríguez © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.