Así atacou a Xunta o préstamo de libros de texto que agora recupera

Feijóo e o exconselleiro de Educación, Jesús Vázquez © Xunta

Hai quen di que os libros de texto foron as 'tropas de Irak' do goberno bipartito na Xunta. Igual que José Luis Rodríguez Zapatero quixo simbolizar en 2004 o inicio do cambio político no Estado coa retirada de tropas no seu primeiro día de mandato o Executivo de coalición de PSdeG e BNG apostou por que o modelo de préstamo e, polo tanto, de gratuidade dos manuais escolares, fose un emblema da súa xestión. Alén do simbólico, o certo é que o gabinete encabezado por Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana xeralizou o modelo de préstamo de libros e o PP eliminouno ao retornar ao poder. A medida estivo acompañada por múltiples críticas a un sistema que agora o propio Goberno do PP recupera parcialmente.

Apenas dous meses despois da chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia o novo goberno do PP desvelou como concretaría a súa promesa electoral de "cambiar o sistema de préstamo de libros de texto para garantir a gratuidade e titularidade dos mesmos". O novo modelo, alcumado como "gratuidade solidaria", consistía en que todo o alumnado tería que volver mercar os libros e unha parte recibiría unha axuda económica parcial para a adquisición.

Segundo a Xunta, o plan non tiña máis ca vantaxes económicas e mesmo "pedagóxicas". "A modalidade elixida pemite unha maior solidariedade, centrando as axudas nas familias con menos recursos", aseguraba daquela a Consellería de Educación, que cualificaba "o modelo anterior" como "café para todos", unha "enganosa medida universal" que "non reparaba nas necesidades específicas das familias" e "provocaba un gasto moi elevado por parte da Administración". As axudas parciais, aseguraba, permitiría destinar máis fondos a outras áreas educativas e, ademais, outorgaban "maiores vantaxes aos alumnos e pais, permitindo a creación de bibliotecas familiares nos fogares e a mellor conservación dos libros". "Tamén facilita o labor dos profesores, xa que se eliminan os procesos de recepción, catalogación e revisión dos libros", acrecentaban.

Feijóo apelou á "lóxica" para que o estudantado tivese "a propiedade dos libros" e formase unha "biblioteca" con eles

Apenas dous días despois de anunciar a fin da gratuidade era o propio presidente quen glosaba a nova medida. "É a proposta máis solidaria e progresista", aseguraba ante a prensa antes de proclamar que "os que teñan dificultades poderán acceder" aos libros con "propiedade e gratuidade total". O seu sistema, afirmaba Feijóo, era mellor porque axudaba a quen "máis" o precisaba e porque lograba algo que para o xefe do Executivo era "lóxico": que os estudantes "obteñan a propiedade dos libros" e non como co bipartito, que promovía "un préstamo, porque ninguén tiña os libros na casa" e impedía que o estudantado sentise os manuais como "seus" e formase unha "biblioteca" de libros de texto. "Por iso se cambia un sistema de préstamo por outro de propiedade", razoaba.

Educación insistiu na necesidade de que o alumnado acumulase libros na casa porque aumentaba "o rendemento académico"

Cando xa transcorrera un ano dende o cambio a Xunta afondou no novo modelo, aumentando a súa dotación económica para aplicar o denominado "decreto do plurilingüismo" e pagar os libros que deixaban de poder ser utilizados en galego. Daquela a Consellería reiteraba que estaba permitir que o alumnado tivese "libros en propiedade, que se converterán en ferramentas de traballo que pasarán a formar parte das súas bibliotecas familiares". O daquela conselleiro, Jesús Vázquez, profundaba na tese dende o Parlamento aludindo a "vantaxes educativas e pedagóxicas" da acumulación de libros nos fogares. "Este modelo permite aumentar o rendemento académico do alumnado", afirmaba.

Máis gasto e menos alumnado con axudas

Malia ás excelencias auguradas dende a Administración o certo é que cando o sistema de axudas parciais estivo completamente implantado deixou de ser máis barato que o préstamo universal. Mentres sindicatos, ANPAS, oposición parlamentaria e mesmo UNICEF reclamaban a volta á gratuidade real a Xunta comezou a reducir o alumnado que se podía beneficiar das axudas parciais. Aínda así, este recorte non impediu que, en sucesivas ocasións, tivese que recorrer a ampliacións de crédito para poder atender todas as demandas de subsidios.

Educación imita agora os bancos de libros creados por ANPAS e concellos para paliar os recortes da propia Xunta

Neste contexto asociacións de pais e nais, concellos e direccións de centros educativos comezaron a organizar bancos de libros solidarios e iniciativas semellantes para paliar o recorte imposto pola Xunta. Cando a comunidade educativa xa tomara a iniciativa para sortear as retalladas foi a propia Consellería de Educación, a partir dunha iniciativa do PP no Parlamento, a que comezou a apelar á "solidariedade" na xestión dos libros. A viraxe vén de culminar coa promulgación da orde que regula o novo "fondo solidario" de manuais escolares, que no período 2015-2016 substituirá en catro cursos o modelo de axudas parciais por un sistema de préstamo no que as familias con rendas baixas terán prioridade, toda vez que se prevé que non haxa libros para todos.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na feira do libro de Santiago © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.