Consello ás mareas: "Enfróntense ao poder, serán moi populares"

Noriega e Ferreiro, tras unha conferencia de Vicenç Navarro © Antía García Sendón

"Aquelas autoridades que se enfronten ao poder serán moi populares, non o dubiden porque a xente está farta". Rematando xa o seu relatorio, o profesor Vicenç Navarro non dubidou en lanzar algunha recomendación aos movementos triunfantes neste 24M. O que fora catedrático de Economía Aplicada, agora catedrático de Ciencias Políticas na Universitat Pompeu Fabra e docente en The Johns Hopkins University dos EUA díxoo diante de Xulio Ferreiro e Martiño Noriega, futuros alcaldes da man desas plataformas cidadás que, para o prestixioso profesor, "son o que máis asusta ao establishment".

"Ao establishment' éntralle o pánico ante as plataformas cidadás porque piden algo factible e non a revolución", di Vicenç Navarro

"Éntralle o pánico porque se pedisen a revolución non se asustaría, pero si o fai se o que se pide é máis democracia, algo factible; o 15M pediuno e foi máis aló, creáronse partidos e coalicións moi fortes e pasaron cousas como as da Coruña ou Barcelona", dixo Navarro durante a clausura do ciclo de debates organizados co gallo do 25º aniversario da Universidade da Coruña. 

Foi na Facultade de Dereito, a mesma na que dá clases Xulio Ferreiro, líder da Marea Atlántica, que foi saudado polo secretario xeral da UDC, Carlos Amoedo, presentador do debate. "É un orgullo institucional que un dos membros desta Universidade vaia ser investido alcalde da cidade", dixo, antes de que Vicenç Navarro definise como "unha situación única e de enorme importancia histórica" o momento que vive o Estado tras o 24M. "Quen nos ía dicir hai seis meses que Ada Colau ía ser alcaldesa de Barcelona ou que na Coruña unha persoa que o establishment nin tan sequera coñecía ía gobernar a cidade?", preguntouse tras chamar a aproveitar este "tsunami" que as mareas e as plataformas teñen creado en España ante unhas elites "sorprendidas". "E iso que esta é a xente real, o seu pobo", insistiu. 

Navarro chamou a "unha alianza de clases populares" e dos movementos xurdidos na Coruña, Compostela ou Barcelona

O profesor Navarro, ante un auditorio ateigado, foi máis aló e chamou a "unha alianza entre as clases populares" que implique tamén unha colaboración entre eses novos suxeitos políticos. "Teñen que aliarse eses movementos xurdidos en Santiago, na Coruña, en Barcelona ou en Madrid... Crear alianzas a nivel de Estado, pero tamén a nivel europeo", dixo quen ante o "escepticismo" dalgúns lembrou que "a Historia ás veces móvese en dous segundos; e senón pensen no de Ada Colau", insistiu. "Non tiren a toalla", recomendou quen situou no 15M o inicio deste "terremoto" positivo que sacudiu a política e que daquela foi "excelente" por "tomar o punto clave da xustificación do sistema". "Pedían algo factible e reclamaban alternativas porque sabían que as había". 

Precisamente, os líderes de Compostela Aberta e Marea Atlántica, Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, aproveitaron o acto de Navarro para manter un encontro informal. Os dous futuros alcaldes coincidiron nesa cooperación e o que será rexedor coruñés avanzou a intención de organizar no verán na Coruña unha "xuntanza" do que dan en chamar "rede de concellos rebeldes, de iniciativas cidadás do país e do Estado, para falar do novo ciclo político que se abre e consolidar as alianzas que foron construíndose nos últimos meses”, unha proposta que o próximo alcalde compostelán saudou "positivamente". 

Noriega e Ferreiro insisten na "cooperación" e anuncian un encontro da "rede de concellos rebeldes" na Coruña este verán

"Compartimos coa Marea fórmulas como a unidade popular e tamén obxectivos que van máis alá dun cambio de caras, senón que buscan mudar as políticas de fondo", asegurou Noriega, que recoñeceu o "contexto pouco favorable", pero tamén que lles "sobra ilusión e apoio da xente, polo que é moi importante intercambiar experiencias e atopar lugares de encontro”. "Procesos como Marea Atlántica e Compostela Aberta, así como outros do país e do Estado, colaboramos desde o principio, compartimos códigos e propostas e imos seguir así: unha boa relación entre concellos resultará positiva para Galicia; falamos de Compostela, da Coruña, de Ferrol e máis alá, iso é ao que nos referimos cando falamos de aplicar novas políticas, por exemplo ao substituír a competición pola colaboración”, engadiu Ferreiro. 

 

Políticas públicas e loita contra a especulación

Os dous, uturos alcaldes atenderon a un completo relatorio de Vicenç Navarro sobre as causas sociopolíticas e económicas da crise en España e mesmo escoitaron as recomendacións dun profesor recoñecido -pero afastado do discurso dominante neoliberal- e que foi asesor de importantes figuras políticas non só no Estado, senón tamén nos EUA e a UE. Malia asumir que as competencias dos concellos son "moi poucas comparadas coas que hai noutros países europeos", o catedrático de Economía Aplicada instou a apostar polas política públicas e, máis concretamente, "polos servizos de axuda familiar, que están moi pouco desenvolvidos"

Navarro recomendou ás mareas apostar nos concellos por escolas infantís, servizos de axuda familiar e "ser moi duros contra a especulación do solo"

Así, sitou na proliferación das "escolas infantís" no ámbito municipal unha das claves para crear benestar, emprego e desenvolvemento, ao ser unha política "clave para que a muller se incorpore ao mercado de traballo". "Cada muller que entra a o mercado laboral crea a necesidade de máis postos de traballo para atender os labores que elas xa realizaban", dixo, tras instar a Ferreiro e Noriega a "tomar este tema moi en serio" e lembrar o éxito que iniciativa semellantes tiveron en Nova York. 

Ao tempo, animou a aumentar a progresividade fiscal e a "ser moi duros en canto á especulación do solo", xa que, como lembrou, "a base da burbulla inmobiliaria estivo baseada na maridaxe entre concellos e construtoras". Así, insistiu en que as autoridades "se enfronten" a ese poder, a ese 1% ao que as plataformas cidadás tamén fixeron referencia durante a campaña. Preguntado por Xulio Ferreiro e o seu futuro na alcaldía da Coruña, Navarro dirixiuse ao auditorio. "Coñecéndoo, creo que están vostedes en moi boas mans", rematou. 

Xulio Ferreiro, Vicenç Navarro e Martiño Noriega, na Coruña © Antía García Sendón

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.