Ferreiro e Noriega rexeitan participar na ofrenda de Galicia ao santísimo sacramento

Ofrenda de Galicia ao santísimo sacramento en Lugo © Concello de Compostela

Nin Xulio Ferreiro nin Martiño Noriega participarán este vindeiro domingo na Ofrenda ao Santísimo Sacramento do Antigo Reino de Galicia, un acto católico ao que adoitaban acudir os alcaldes das sete antigas capitais de provincia galegas e no que se celebra unha procesión baixo palio e unha ofrenda que, como aclaran a Marea Atlántica e Compostela Aberta, "resultan contrarias" ao seu "principio de neutralidade relixiosa". 

Os que serán alcaldes da Coruña e Compostela din cumprir así coa "defensa do laicismo" que as súas formacións incluíron no programa

Tanto o futuro alcalde da Coruña como o de Santiago veñen de anunciar que agradecen pero rexeitan o convite para participar o sábado 13, na Catedral de Lugo, nas “nas Vésperas Solemnes da Oitava do Corpus Christi” e o día 14 -un día despois da súa investidura- na “solemne misa pontifical", tal e como explicita a invitación. Fano cumprindo "coa defensa do laicismo" que as súas respectivas formacións incluían no seu programa electoral e advertindo tamén do seu "máximo respecto pola cidade de Lugo e por esta ofrenda e a súa tradición". "Mais tamén desde o máximo respecto ao programa electoral co que a candidatura de unidade popular se presentou ás eleccións, onde se manifesta, sen ambigüidades, a defensa da laicidade para as institucións civís da capital de Galiza", explica Compostela Aberta nun comunicado. 

Noriega e Ferreiro amosan o seu "máximo respecto por Lugo, a ofrenda e a súa tradición" pero lembran que cumpren co "respecto á laicidade do Concello"

Do mesmo xeito, Xulio Ferreiro expresa o seu “respecto ás persoas crentes e, por suposto, á cidade de Lugo e os seus habitantes e institucións municipais”. E lembra que no programa electoral da Marea incluíase o compromiso de "respectar a laicidade da institución municipal, de acordo ao principio de neutralidade relixiosa"." O Concello da Coruña, en canto administración pública, e os cargos da Marea, en canto representantes públicos da cidadanía, axustarán a súa práctica ao principio de neutralidade ideolóxica e relixiosa, garantindo a súa independencia e a efectiva aplicación do principio do laicismo", engade. 

Compostela Aberta, ademais, lembra que impulsará, desde o Concello de Santiago unha "mudanza substancial nas normas de participación dos edís de goberno, nos actos relixiosos -procesións, misas ou ofrendas-, situando os actos públicos municipais dentro dun cadro exclusivamente civil".  O futuro alcalde Martiño Noriega, ademais, explica a postura do grupo municipal nun artigo en Praza no que adianta a súa decisión. 

Noriega lembra a defensa feita por Compostela Aberta, durante a campaña, “por unha institución laica para Santiago, posición xustificada na separación Igrexa-Estado (artigo 16.3 da Constitución) e na necesidade de que todos os actos institucionais onde participe o Concello teñan unha natureza civil”. Unha posición que parte “da crenza da liberdade relixiosa de calquera cargo público e tamén da crenza de que o espazo do relixioso non debe atoparse nos actos institucionais participados polas administracións públicas que representan a todos e a todas”, esclarece.

Martiño Noriega liga a súa posición á "tradición do republicanismo galego" e lembra que o Concello xa non participou entre 1931 e 1936

No artigo, Martiño Noriega adianta a vontade do grupo municipal de Compostela Aberta non participar na Ofrenda de Galicia ao santísimo sacramento, unha posición que liga directamente coa "tradición do republicanismo galego", tal e como lembra o candidato, “a non participación da institución compostelá nesta Ofrenda xa aconteceu durante os anos da República (1931-1936) durante os cales a ofrenda non foi presentada polos concellos, senón polo Consello Diocesano de Adoración Nocturna (1931 e 1932) e polo “católico pueblo de…” (1933, 34, 35 e 36)”. 

Curiosamente, será a segunda ausencia consecutiva dun representante institucional do Concello de Santiago, logo de que o pasado ano tamén se ausentase, aínda que nesta ocasión fora debido á crise de goberno. Na data da ofrenda, o executivo local só contaba co dimisionario alcalde Ángel Currás e tres concelleiros máis.

A crise de goberno do ano pasado en Compostela tamén provocara a ausencia dun representante institucional

O grupo municipal de Compostela Aberta, independentemente das responsabilidades derivadas da sesión plenaria do día 13, anuncia que lle comunicará ao Vigairo Xeral da Diocese de Lugo esta decisión e resalta a "necesidade do diálogo do Concello cos estamentos que condicionan o día a día da cidade como a Universidade, a Xunta, o Estado e a Igrexa". "Un necesario diálogo no que cada unha das institucións debe asumir as súas responsabilidades. Desde o respecto, a colaboración e a lealdade, mais cada un asumindo as súas esferas de actuación", finaliza. 

 

Un acto "eminentemente relixioso"

A Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento é un acto "eminentemente relixioso", tal e como explica a Xunta na súa web, que se celebra cada ano o domingo seguinte á festividade do Corpus. Nel participan os mandatarios das cidades do Antigo Reino (A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui) e consiste nunha ofrenda ao santísimo e unha procesión polas rúas da cidade. 

A Catedral de Lugo acolle esta ofrenda que se vén celebrando dende 1669. As autoridades eclesiásticas e civís acompañan o santísimo sacramento polas rúas de Lugo e a comitiva é ornada co lanzamento de pétalos de flores.

Xulio Ferreiro e Martiño Noriega CC-BY-SA Óscar Corral / CA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.