Ferreiro e a Marea rebordan ilusión na súa investidura: "A praza entrou no pazo"

Xulio Ferreiro recibe o bastón de mando de mans de Carlos Negreira © Andy Pérez

Co bastón de mando en alto, dirixíndoo cara aos centos de persoas que seguían desde fóra do palacio municipal a sesión de investidura, co Grândola, Vila Morena de fondo ao son das gaitas e con concelleiros e cidadáns emocionados e entre bágoas. Así acabou Xulio Ferreiro o acto no que foi proclamado novo alcalde da Coruña, unha cidade que, dixo, "comeza un tempo novo", ao igual que un Concello que "deixa de ser un coto privado e o patio traseiro dos señores da desigualdade" para se "converter nunha ferramenta ao servizo das persoas". ‏"Nunca máis unha cidade que distinga aos seus veciños entre os descoñecidos e os demasiado coñecidos", apuntou. 

Concelleiros e moitos veciños acabaron emocionados na praza tras a investidura de Ferreiro, que di que "comeza un tempo novo"

Foi un día "alegre e histórico para a Coruña", repetiu en varias ocasións Ferreiro, en alusión ás palabras que Domingos Merino, o primeiro alcalde da actual era democrática, dirixira aos cidadáns xa en 1979. Repetiuno dentro -e varias veces- no salón de plenos e volveuno dicir fóra, ante centos de cidadáns, nun discurso que quixo compartir o novo goberno da Marea Atlántica con varios veciños que simbolizaron as diferentes xeracións de coruñeses. Desde un ancián que lembrou emocionado a represión que se vivira xa en 1936, ata unha rapaza que apelou á ilusión e á "loita polos soños", pasando por unha muller co seu bebé que destacou "o oasis de poder cidadán" que xorde "en medio de tanto deserto". Choraron moitos dos novos edís e chorou moita xente da que se achegou a María Pita

Porque "hoxe por fin a praza entrou no pazo", advertiu Ferreiro, que asegurou  que "agora o pazo debe entrar tamén na praza, en todas as prazas da cidade". "De nós depende que non volva saír". Díxoo no seu discurso oficial no salón de plenos e fóra ante unha veciñanza que berraba "que si nos representan", "hai marea!" ou "o pobo unido xamais será vencido". Hai catro anos, na investidura de Negreira, a policía vixiaba ante as protestas do 15M, daquela aínda acampado nas prazas. Desta vez, a xente aplaudía o cambio e moita agardou en ringleiras para entrar nun palacio que quedou pequeno. "Nunca tal se viu", recoñecía unha veciña da zona media hora antes de que comezase o acto. 

Logo, Ferreiro lembrou tamén que A Coruña volve "estar de novo na vangarda do cambio" e forma parte xa, agora oficialmente, desa "rede de cidades rebeldes de todo o Estado". "Ada Colau dixo un día que nos preguntarían quen somos; agora preguntarannos por que non chegamos antes", rematou o xa rexedor, tras volver ofrecer o bastón de mando á xente e logo de lembrar que "isto é voso" en referencia á cidadanía. "Non estamos sós, temos a axuda de milleiros de veciños porque este é o goberno da xente; nós somos continxentes, pero vós sodes necesarios. Temos que estar todos e todas xuntas", finalizou. 

"Que si nos representan" ou "o pobo unido xamais será vencido", cantaba a xente que seguía o acto desde a praza de María Pita

Antes, dentro do pazo municipal, Ferreiro apostou por "unha nova maneira de gobernar" despois de se converter en novo alcalde da Coruña. Emocionado, dunha das súas xa tradicionais camisas de cadros, foi investido rexedor logo de que a súa candidatura fose apoiada polos dez concelleiros da Marea Atlántica, os seis do PSOE e o único do BNG, 17 en total. O que até o de agora era alcalde, o popular Carlos Negreira, recibiu o apoio dos dez edís do seu partido. 

Nun acto cargado de simbolismo, os concelleiros da Marea Atlántica prometeron o seu cargo "por imperativo legal" en canto ao que se refire á fórmula imposta para todos os edís e que inclúe a promesa de "cumprir fielmente" as súas funcións na institución municipal, así como "lealdade ao Rei". Os novos edís da plataforma cidadá decidiron "tamén" prometer "poñer o Concello aos servizos dos coruñeses e coruñesas" e "cumprir o programa e o código ético da Marea, así como os principios de transparencia e participación cidadá".

Ferreiro e os edís da Marea prometeron "por imperativo legal" e engadiron a promesa de "poñer o Concello aos servizos dos coruñeses e coruñesas"

A única concelleira do BNG, Avia Veira, prometeu tamén "por imperativo legal" o cargo e cunha man sobre un exemplar do Sempre en Galiza prometeu tamén "ser das boas e xenerosas e a defender os intereses xerais da Coruña e do pobo galego". Tanto populares como socialistas -estes últimos cunha rosa na man- cumpriron basicamente co texto protocolario, aínda que houbo tamén engadidos como o de Miguel Lorenzo (PP) que decidiu "xurar ante dios e ante os homes".

O PP reclamara "por transparencia" que a votación fose "a man alzada", unha petición que foi rexeitada polo resto de grupos. Produciuse como estaba previsto, con papeletas en urna, e sen sorpresas, vixiado o proceso en todo momento polos dous membros da mesa de idade, curiosamente, o ex alcalde Negreira, ao que lle tocou por ser o máis vello, e Silvia Cameán, concelleira da Marea, como a máis nova da corporación. 

"É un día alegre e histórico. Esta cidade recuperou a ilusión e temos outra vez un sorriso na cara", dixo Ferreiro

"É un día alegre e histórico. Esta cidade recuperou a ilusión e temos outra vez un sorriso na cara", comezou o seu discurso de investidura Ferreiro, que aludiu a unha praza que "está chea de xente que ve ante si unha oportunidade  histórica para facerse cargo do presente e construrír un futuro mellor para todos e todas". Ademais, fixo referencia a unha corporación plural "que se parece como ningunha outra á Coruña que eu coñezo, á que vexo no barrio da Gaiteira ou na bancada de General". 

Ademais, Ferreiro insistiu moito na idea de abrir o Concello "á xente", á cidadanía. Un pazo municipal ao que, recoñeceu, "era a segunda vez que entraba". "Na primeira, hai unhas semanas, sentinme un intruso", repetiu, algo que quere cambiar desde o goberno local que agora dirixe porque, como insistiu, "a praza debe entrar no pazo e o pazo na praza, en todas as prazas". Prometeu "honestidade e ética" e dixo que "se a xente do común chega ás institucións é para seguir sendo xente do común". "Así entramos e así sairemos e no camiño deixaremos a pel pola xente do común", insistiu logo de aclarar que os "xefes", agora, son os "os veciños e veciñas da Coruña", engadiu quen situou como obxectivo do seu goberno “garantir, para todas as coruñesas e todos os coruñeses as condicións básicas dunha vida digna”. "Con sentidiño e unidade". 

Foi nun discurso con referencias a Suárez Ferrín, alcalde asasinado polo fascismo no 36, a Lois Pereiro, a Curros Enríquez, a Manuel Rivas, a Domingos Merino, ao Nunca Máis e ao 15M. E que rematou coa interpretación emocionada do himno galego e coa encomenda de Luísa Villalta: "Cidade tatuada na pétrea pel do mar. Se o Atlántico nos chama, nós imos navegar". Fóra, veciños, concelleiros e bailadores mesturábanse botando unha peza. E as gaitas e os bombos soaban mentres o ceo aguantaba da chuvia, que non chegou ata que xa había un novo alcalde. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Xulio Ferreiro, co bastón de mando © Andy Pérez
Ferreiro cede o bastón de mando ante a cidadanía © Andy Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.