O alcalde de Becerreá racha co PSOE e dálle a Deputación de Lugo ao PP

Candia, nova presidenta CC-BY-SA Praza Pública

Terremoto político en Lugo. O alcalde socialista de Becerreá, Manuel Martínez, levou este mércores ata o final a súa aspiración para presidir a Deputación lucense, ata o punto de rachar co seu partido e entregarlle a presidencia da institución ao PP. Tras unha mañá de tensas negociacións Martínez evitou apoiar o alcalde da Pontenova, designado polo PSOE como candidato, e provocou que a popular Elena Candia se converta en nova presidenta do ente provincial.

O movemento de Martínez chegou despois de que, poucas horas antes, a comisión federal de listas do PSOE decidise rexeitar a súa candidatura para así salvar o veto do BNG, que desbotara apoiar a súa investidura ao estar imputado no caso das obras dunha estrada en Portomarín, denunciadas polo PP. Os socialistas situaran no seu lugar ao alcalde da Pontenova, Darío Campos, que tivo os votos do 10 restantes membros do grupo socialista e tamén dos dous deputados provinciais do Bloque.

O PSOE designara como candidato o alcalde da Pontenova para lograr o apoio do BNG, que rexeitaba apoiar a Martínez por estar imputado

A investidura de Candia produciuse tras unha accidentada sesión na que un erro do secretario da corporación provocou que a conservadora pronunciase o seu discurso de investidura antes de que se realizase a segunda votación, preceptiva ao non haber maiorías absolutas. Tras votarse a si mesmo na primeira quenda, na segunda Martínez emitiu o seu voto en branco. Deste xeito, seguiu existindo un empate a 12 votos, polo que a lista con máis escanos da corporación, a do PP, puido facerse coa presidencia malia non lograr a maioría absoluta. Previamente, Martínez pedira a palabra para pedirlle ao secretario que aclarase se había algunha causa legal que lle impedise ser elixido como deputado ou como presidente.

Martínez, eterno aspirante á presidencia do ente provincial lucense, deu o golpe definitivo tras uns días marcados por unha enorme tensión negociadora, que se acrecentou despois de que o pasado luns o BNG dese por rotas as negociacións cos socialistas non só en Lugo, senón tamén no que atinxe ás deputacións da Coruña e Pontevedra, nas que o PP tamén perdeu a maioría absoluta despois do 24M. O Bloque xustificou este freo pola "falta de avances reais da negociación dun acordo programático" para "abrir unha nova etapa no funcionamento das deputacións", aínda que dende a banda socialista se veu asegurando que non houbo obstáculos programáticos insalvables.

Candia: "A mellor expresión da democracia témola hoxe aquí"

Este é o escenario no que Candia leu o seu primeiro discurso como, a priori, inesperada presidenta. "A mellor expresión da democracia témola hoxe aquí", proclamou. "O Goberno será sempre da maioría" e, neste caso, "gañou a maioría", di. "A democracia é isto", afirma a tamén alcaldesa de Mondoñedo, quen insta a "esquecer o tempo pasado" e asegura que buscará o consenso.

Besteiro: "Tiñan instrucións claras"

Besteiro anuncia medidas contra Martínez: "A decisión política era continuar co goberno de progreso dos últimos oito anos"

Tras a elección de Candia como nova presidenta o seu antecesor no cargo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ratificou que a "instrución clara" da dirección do PSOE fora apoiar a Campos. "A decisión era continuar co goberno de progreso dos últimos oito anos, esa era a decisión política", subliñou a preguntas da prensa. "Todos os deputados -remarca o líder socialista- tiñan ordes claras" chegadas dende "o máis alto nivel" do partido. "Houbo dez persoas que cumpriron" e unha que non o fixo, constata, nun contexto no que, di, "tomaremos as medidas que o partido considere" sobre Martínez.

O BNG ve "lamentablemente" confirmado "que Martínez non era a persoa axeitada" e amosa "disposición" para "seguir avanzando" co PSdeG nas deputacións da Coruña e Pontevedra

Para o BNG o acontecido confirma, "lamentablemente", que Martínez "non era a persoa axeitada para presidir a institución". En verbas da responsable do Bloque en materia municipal, Goretti Sanmartín, fica claro que Martínez "non só era un candidato imputado, senón tamén unha persoa capaz de antepoñer os seus intereses aos da súa propia organización e aos da institución provincial". A xuízo de Sanmartín tamén resulta "moi elocuente" que o PP "non teña remorsos en acceder á presidencia co apoio dunha persoa capaz de poñer a súa ambición por diante de calquera outra consideración".

Neste contexto, a formación frontista sinala tamén que "valora moi positivamente a responsabilidade política do PSOE" por "dar unha alternativa á presidencia da Deputación de Lugo" e "confía na capacidade do Partido Socialista para reconducir a situación", caso no que o BNG ten "total disposición a favorecer un goberno alternativo". Sanmartín indica, asemade, que o Bloque ve necesario "retomar as negociacións para seguir avanzando" na gobernabilidade das deputacións da Coruña e Pontevedra, onde o PP tampouco ten a maioría absoluta.

Martínez, no pleno da Deputación CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.