"Non é casual que ao pai do galeguismo que dá nome a este galardón, lle debamos unha das definicións máis fermosas da tradición. A tradición é a eternidade, di Castelao (...) Esa brillante pléiade de patriotas nunca esqueceu a tradición, nin moito menos pretendeu destruíla. Nese amplo abano de tradicións civís, relixiosas, mitolóxicas ou populares, non viron nunca un atranco a remover senón un punto de apoio no que impulsarse". No seu discurso do acto de entrega das Medallas Castelao, o presidente da Xunta botou man do rianxeiro para defender as tradicións, para as que pediu "respecto", en referencia implícita á decisión dos alcaldes da Coruña e Compostela de non acudir á cerimonia do Santísimo Sacramento e á probable ausencia na ofrenda da Casa Real ao Apóstolo.
Alberto Núñez Feijoo fixo referencia á "humildade" de Castelao e dos galeguistas da súa xeración, "unha humildade que debemos seguir tendo presente. Humildade para aceptar tradicións ancestrais que non foron impostas por ninguén, senón cultivadas polo conxunto do pobo como resposta a inquedanzas, esperanzas e devocións". "Non entendelas ou non compartilas, non exime de non respectalas como parte do acervo común. Respectar o que non se entende ou comparte, sempre foi unha das mellores manifestacións do espírito democrático", engadiu.
Núñez Feijoo: "A Galicia de hoxe está erixida sobre institucións que apelan a unha lexitimidade popular e outra tradicional"
O presidente da Xunta afirmou que "a antítese do tradicional non é o moderno, senón o fugaz" e que "cómpre non esquecelo nunha época en que as correntes sociais son vertixinosas e no que o novo e o bo se asocian automaticamente". E salientou, finalmente, que "a Galicia de hoxe está erixida sobre institucións que apelan a unha lexitimidade popular e outra tradicional. Gozamos da consideración de nacionalidade histórica, e recoñecémonos en símbolos que proceden de tradicións".
O presidente da Xunta pediu "humildade para aceptar tradicións ancestrais que non foron impostas por ninguén, senón cultivadas polo conxunto do pobo como resposta a inquedanzas, esperanzas e devocións"
Núñez Feijoo estirou a metáfora das tradicións ata mesmo ligala aos recentes atentados yihadistas: "Galicia e o resto do mundo civilizado asisten con estupor a unha ofensiva do fanatismo contra as tradicións culturais, artísticas e sociais das súas vítimas. Máis alá do horror que sentimos diante desa barbarie, ese holocausto está alertándonos da importancia de preservar ese tesouro da memoria que se agocha en cada tradición". "A tradición fainos libres. A tradición incorpóranos a un pobo con maiúsculas do que non soamente forman parte os coetáneos, senón tamén os nosos devanceiros e os que virán despois de nós. A tradición fainos tolerantes, e limita a tentación de pensar que antes non houbo nada apreciable", finalizou.
Cristiáns de base dan a "benvida" a uns "xestos" que, ao seu xuízo, contribúen a avanzar cara a unha "rigorosa separación" entre política e relixión
A decisión de varios rexedores de non asistir como representantes das súas institucións e da cidadanía a actos relixiosos, garantindo así a separación entre Igrexa e Estado, así coma o principio de aconfesionalidade, foi aplaudida hai uns días pola Coordinadora de Crentes Galegos e Galegas. Esta entidade, que agrupa varias asociacións de cristiáns de base, ve "axeitado e responsable" que os alcaldes non vaian "oficialmente" a actos relixiosos e dan a "benvida" a uns "xestos" que, ao seu xuízo, contribúen a avanzar cara a unha "rigorosa separación" entre política e relixión que, din, seía "enormemente positiva tamén para a propia Igrexa".