A Xunta recortou 3.000 empregos en educación e sanidade en cinco anos

Accesos do HULA CC-BY-NC-SA CIG

O devalo sufrido nas eleccións municipais do 24M impulsou o PP galego nas últimas semanas a lanzar múltiplos anuncios en materia social, algúns deles destinados a parchear recortes que os propios populares aprobaron e aplicaron dende os gobernos galego e central. No mesmo sentido, por boca do seu xefe de filas e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a formación conservadora vénse gabando nos últimos meses dos "avances sociais" que, din, impulsaron nos seus mandatos. Alén das valoracións o certo é que os datos orzamentarios veñen contrastando dende hai tempo uns recortes sociais que tamén tiveron a súa tradución no persoal que achega estes servizos á cidadanía. Nomeadamente, no caso galego a sanidade e a educación perderon 3.000 profesionais nos últimos anos.

A Secretaría de Estado de Administracións Públicas, dependente do Ministerio de Facenda, vén de facer públicos os seus datos máis recentes de cifras de persoal ao servizo das diferentes institucións do Estado. No caso da Xunta constata que en xaneiro deste 2015 traballaban para a Administración pública galega un total de 86.108 persoas, 3.191 menos que cando Feijóo chegou ao poder, na primeira metade de 2009. O groso deste recorte, atendendo aos datos, concéntrase no ensino non universitario e no Servizo Galego de Saúde.

A Administración galega prescindiu nos últimos anos de 1.500 docentes e de 1.700 profesionais do Servizo Galego de Saúde, segundo o Ministerio de Facenda

Mesmo excluíndo os datos do primeiro trimestre de 2010 -que, segundo sinalou Feijóo en 2014, son produto dun erro de cálculo ao contabilizar como prazas distintas as de docentes substitutos- o recorte de persoal nestes dous ámbitos sociais é obvio. No caso da educación cando o PP retornou a San Caetano había máis de 35.000 docentes, que chegaron a ser 35.600 no verán de 2010. Dende aquelas datas a tendencia foi descendente ata chegar aos 34.032 docentes de comezos deste ano, a cifra máis baixa da última media década produto da perda de 1.573 traballadores e traballadoras.

No que atinxe aos servizos sanitarios o Goberno popular tomou as rendas cun plantel de 35.079 persoas. Dende ese momento a tendencia descendente foi practicamente constante e a comezos de 2012, no inicio da segunda lexislatura de Feijóo, o Sergas xa traspasara a barreira dos 34.000 profesionais. Dous anos despois, en 2014, a cifra caeu por baixo dos 33.000, recuperándose levemente a mediados de 2014 para volver caer a comezos deste ano, ficando polo momento en algo máis de 33.300 persoas, o que implica unha redución de 1.700 nos últimos cinco anos.

Estes números dan lugar a un cadro de persoal total ao servizo da Xunta composto polos devanditso 86.108 traballadoras e traballadores. Esta redución de algo máis do 3,5% -en sanidade aproxímase ao 5% e en educación rolda o 4%- levou o plantel ao servizo da Administración autonómica ata o punto máis baixo da serie analizada. Polo tanto, no ano presentado como o do "inicio da recuperación" o actual Goberno galego ten ao seu servizo menos persoal ca nunca.

Aula dun centro educativo galego © Consellería de Educación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.