Outro manifesto aprema a crear unha candidatura unitaria que evite que Galicia "fique atrás"

A Praza da Quintana, durante a manifestación CC-BY-NC-SA GZFoto

Un novo manifesto a prol dunha candidatura unitaria galega. E unha nova chamada ao acordo das formacións políticas nacionalistas, galeguistas e de esquerda do país de cara ás eleccións xerais. Logo do documento que impulsou a manifestación unitaria do pasado 25X, do chamamento á Marea Galega ou da petición que chegou da mocidade activista, desta vez varios escritores, artistas, activistas ou economistas galegos insisten en apostar Pola Unión, tal e como se encabeza o documento, que emprega o título do poema de Curros Enríquez, o mesmo que se leu tras a mobilización do Día Nacional.

"Na unión dos bos galegos está da patria o porvir!", adianta o escrito "en prol dunha candidatura galega de unidade nas eleccións xerais". Uxía Senlle, Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Murado, Lois Diéguez, Xabier Paz, Miguel Anxo Fernán Vello, Marica Campo, Quico Cadaval, Joám Lópes Facal, Víctor F. Freixanes ou Vítor Vaqueiro, entre outros, asinan este manifesto que ve "inadiábel" para o país "a consecución dunha Candidatura Unitaria Galega encamiñada a obtermos un grupo parlamentar que, con personalidade xurídica propia, reivindique para a nosa Terra con decisión e sen inxerencias alleas, o dereito a decidir todas as cuestións que atinxan o seu futuro e que defenda a lingua e a identidade dun pobo que hai case un milenio xerou unha literatura e unha cultura que asombrou Europa". 

Uxía, Álvarez Cáccamo, Murado, Cadaval ou Freixanes asinan un manifesto que cre "inadiábel" que se constitúa unha candidatura unitaria

As vindeiras eleccións xerais do mes de decembro e a nova configuración das Cortes traerán consigo unha "posíbel mudanza constitucional" e celebraranse "nunha situación marcada por unha das máis profundas crises que atravesaron Europa despois da II Guerra Mundial". Segundo o manifesto, no Estado esta crise ten características de seu, como a que ten que ver coa "corrupción que percorre institucións públicas e privadas", así como outra "de esixencia democrática, fornecida polos movementos soberanistas, nomeadamente os de Cataluña e Euskadi".

O manifesto pide un grupo parlamentario galego para "defender a economía e recursos produtivos propios" ou "garantir os servizos púbicos"

Ante esta situación, os asinantes apostan pola unidade que facilite a creación dun "Grupo Parlamentar Galego" no Congreso dos Deputados que "traballe sen acougo na defensa da economía e os recursos produtivos dunha nación que, cando non se pon freo ás súas capacidades, chega ás máis altas cotas". E poñen como exemplo os mariñeiros que "pescan en mares de medio mundo", os atletas medallistas olímpicos ou os investigadores galegos "en universidades dos cinco continentes". 

'Pola unión' aposta por que "a representación propia evite o risco real de Galiza ficar atrás"

Segundo o documento, ese grupo parlamentario debe "perseguir que se garantan os servizos públicos nunha sociedade libre, igualitaria, xusta e democrática, capaz de se relacionar en pé de igualdade con mulleres e homes, pobos e nacións, culturas e tradicións de todo o planeta e respetuosa co medio ambiente". Ademais, pulan por esta representación propia "que evite o risco, real, de Galiza ficar atrás e que, en resumo, combata pola nosa dignidade colectiva e polo que ninguén ten pensado regalarnos", din, "tendo ben presente que, ao longo da Historia, a unidade foi, é e será a nosa forza, a nosa inmensa forza como pobo".

Entre os asinantes do manifesto está tamén Encarna Otero; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; Adela Figueroa; Pilar Fernández ou Alba Cuba, triatleta e adestradora, que foi unha das persoas que leu o manifesto final da manifestación unitaria do 25 de Xullo na Quintana. 

Uxía Senlle, na presentación de 'Corasóns' na Coruña © Kalandraka
Víctor F. Freixanes Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.