Outro atranco para o clan Baltar. Mentres o patriarca da saga ourensá, José Luis Baltar, se enfronta a senllos procedementos xudiciais por presuntos enchufes na Deputación e supostos subornos na Pokémon, o seu sucesor na institución provincial e no PP, o seu fillo Manuel Baltar Blanco, afronta unha herdanza de xestión complexa. A última dor de cabeza chega da Unión Europea canalizada a través do Ministerio de Facenda, que dende a Secretaría de Estado de Orzamentos que dirixe a ex conselleira Marta Fernández Currás lle reclama á Deputación a devolución de 10,1 millóns de euros de subvencións procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para un plan de depuradoras. A causa: "irregularidades graves" na súa xestión.
Este procedemento, ante o que o propio Baltar Blanco xa anuncia recurso, remóntase a unha denuncia perante a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) no ano 2010. Como informou Praza Pública en 2012, paralelamente o PSOE comezou a realizar xestións en Bruxelas para instar as autoridades comunitarias a acreditar se Baltar pai xestionara correctamente estes fondos e, en abril do mesmo ano, a OLAF confirmáballe á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que estaba a investigar a Deputación ourensá por "sospeitas fundadas de fraude e corrupción" en, entre outros proxectos, as devanditas depuradoras. Naquela altura Baltar fillo restoulle importancia ao asunto, acusando á "eurodeputada española dos Verdes" -en referencia a Miranda- de "fabricar unha noticia que non existe".
En 2012 Baltar acusou a Ana Miranda de "fabricar unha noticia que non existe" por consultar á OLAF sobre o caso
Pero tal "noticia" era máis ca iso, a xulgar polo polo procedemento de reintegro de fondos que ten en marcha o departamento que dirixe Cristóbal Montoro. Facenda reclámalle os fondos a Deputación de Ourense -Orense, segundo o documento do Goberno de España- porque fai súa a apreciación da "concorrencia de irregularidades" no financiamento destas depuradoras. Como xa publicara este diario, estes cartos comunitarios pagaron 107 máquinas que foron parar a 62 concellos aínda que inicialmente estaban concibidas para seren instaladas en barcos da mariña de Noruega. As depuradoras nunca chegaron a funcionar como se prevía por ser demasiado custosas poñelas en marcha, chegando a supoñer uns 8.000 euros mensuais só en electricidade.
Os argumentos da Oficina contra a Fraude
Alén da escasa utilidade desta maquinaria, as "irregularidades" detectadas pola OLAF e que o Goberno de España asume céntranse no xeito en que foron adquiridas pola Deputación. Así, a OLAF coida que o ente ourensán estableceu "especificacións técnicas excesivamente detalladas" ou outros "requisitos non directamente vinculados co obxecto do contrato e que restrinxen a capacidade para concorrer á licitación". Por exemplo, os planos que a Deputación daba como referencia axustábanse ás dimensións "das plantas subministradas por un licitador", isto é, por unha empresa concreta. Asemada, impuña a obriga de "ter oficina en Ourense" e de prestar o servizo de mantemento.
A OLAF observa un contrato a medida dun licitador e tamén ve "irregularidades" nas asistencias técnicas
A OLAF coida tamén que algúns dos criterios que a Deputación fixou para valorar as ofertas eran "indeterminados" ou contribuían a "aumentar a subxectividade na valoración". Outros, directamente, di, eran "irregulares", tales como "aceptar como mellora un elemento que non estaba previsto no prego de condicións". O paquete de desviacións complétase, segundo o organismo comunitario, con que unha das empresas que optaban ao contrato manexaba de antemán "información confidencial relativa ao proxecto" e con "irregularidades nos procedementos de contratación de asistencias técnicas para a redacción de fichas técnicas, redacción de proxectos de obra civil e dirección técnica das obras".
Facenda desoe as alegacións e Baltar recorre
Ante estas acusacións o Ministerio desoe as alegacións formuladas pola Deputación, que van dende a "inexistencia de irregularidades" á "prescrición da acción de reintegro". Para o Goberno español o caso non prescribiu e as irregularidades existiron, polo que toca devolver os devanditos 10 millóns e facelo antes do próximo 20 de agosto. A Deputación tentará parar o proceso cun recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. Faino, di Baltar, porque "os técnicos" do ente provincial entenden "que non existiron as supostas irregularidades que se citan no expediente e que neste proceso se actuou conforme á legalidade".
"A Deputación ten dereito a establecer as prescricións técnicas que considere", di Baltar
Aínda que Facenda advirte de que cómpre devolver os cartos e que é "irrelevante" que o acontecido sexa ou non delito Baltar pon o acento en que "este proceso de adxudicación xa fora obxecto de investigación por parte da Fiscalía de Ourense no ano 2008" e que "ditas dilixencias foron arquivadas -o caso foi reaberto, precisamente, ao iniciárense as actuacións da OLAF". "Os argumentos da Deputación -informa a entidade- baséanse en que as prescricións técnicas do prego respectan escrupuosamente a lei" e, ademais, di, "a Deputación, como calquera outra Administración pública, ten dereito a establecer as prescricións técnicas que considere máis convenientes para garantir a máxima calidade dos subministros que adquire".