A primeira votación da nova lexislatura constata que Feijóo non suma maioría e dá a presidencia da Mesa ao PSOE

Francina Armengol recibe os aplausos da bancada do PSOE e do Goberno en funcións tras ser elixida presidenta do Congreso, este 17 de agosto © Congreso dos Deputados

A socialista Francina Armengol é a nova presidenta do Congreso para a lexislatura que comeza con 178 votos a favor. Neste escenario queda en evidencia que as opcións de Feijóo para chegar á Presidencia do Goberno pasan por unha repetición electoral

Tras unha noite de negociacións de última hora, o PSOE e Junts per Catalunya acadaron un acordo que se concretou poucas horas antes do comezo da sesión constitutiva do Congreso dos Deputados, ás dez da mañá deste xoves. Eses acordos, que tamén involucran a Sumar, ERC, EH Bildu, PNV e BNG, posibilitaron que a socialista Francina Armengol sexa a nova presidenta do Congreso para a lexislatura que comeza con 178 votos a favor, maioría absoluta. 

A ex-presidenta balear, a popular Cuca Gamarra e o deputado de Vox Ignacio Gil Lázaro son os tres candidatos a presidir a Mesa do Congreso que obtiveron votos. A continuación da escolla da presidenta, nunha votación separada se escolle aos catro vicepresidentes e catro secretarios do órgano parlamentario. A maioría progresista reflíctese na composición final da Mesa, coa vicepresidencia primeira para Alfonso Rodríguez Gómez de Celis do PSOE e a terceira para Esther Gil de Sumar, a segunda e terceira son para José Antonio Bermúdez de Castro e a galega Marta González do PP. A secretaría primeira queda en mans de Gerardo Pisarello (Sumar), a segunda é para Isaura Leal (PSOE) e as outras dúas son para Guillermo Mariscal e Carmen Navarro do PP. 

Esta sesión é o primeiro paso para chegar a unha sesión de investidura na que o candidato do PSOE é o único con posibilidades para acadar unha maioría, tras evidenciarse a falta de apoios do PP na votación deste xoves. Honestidade, rigor, empatía e respecto pediu a socialista Cristina Narbona, presidenta da mesa de idade da sesión constitutiva do Congreso por ser a deputada de maior idade. "Estamos para traballar polo interese xeral", lembrou nun breve discurso inicial no que se referiu á violencia machista e á crise climática. 

Os 350 deputados e deputadas votaron persoalmente cun sobre no que levaban escrito o nome da súa candidata ou candidato. Unha papeleta na que escriben a man e que certificou a victoria da socialista Francina Armengol como presidenta da Mesa do Congreso. 178 votos confirman a maioría progresista no Congreso, a popular Cuca Gamarra obtivo 139 votos (os 137 do PP e o apoio de UPN e Coalición Canaria), mentres que o candidato de Vox, Ignacio Gil Lázaro, obtivo 33 apoios.

O pacto do PSOE con Junts e ERC inclúe o uso das linguas oficiais do Estado na Cámara e a creación dunha comisión de investigación do 'caso Pegasus'

Nesta primeira votación da lexislatura os representantes de Vox optaron por non apoiar a candidata do PP Cuca Gamarra e votaron o seu candidato, Gil Lázaro, polo que a popular quedou sen opcións. Segundo o partido de extrema dereita, o sentido do seu voto obedeceu á negativa do partido de Feijóo a apoiar a súa presenza nos outros cargos da Mesa para esta lexislatura.  

Neste escenario queda en evidencia que as opcións de Feijóo para chegar á Presidencia do Goberno pasan por unha repetición electoral. O PP anunciou na tarde do mércores que a súa candidata para presidir a Mesa do Congreso sería Cuca Gamarra, portavoz parlamentaria popular na pasada lexislatura, e ata que comezou o reconto das papeletas non se coñeceu que Vox non lle daría o seu apoio. 

A socialista Francina Armengol no momento de recoller a súa acta como deputada no Congreso © PSOE

Puigdemont asegurou que dito acordo para a constitución da Mesa non está relacionado cun respaldo á investidura de Sánchez

O pactado polo PSOE con Junts e ERC para lograr o respaldo nesta primeira votación inclúe o uso das linguas oficiais do Estado na Cámara baixa, a creación dunha comisión de investigación parlamentaria sobre o 'caso Pegasus' e rematar coa xudicialización do conflito catalán

O propio Carles Puigdemont asegurou tras a votación no Congreso que dito acordo para a constitución da Mesa non está relacionado cun respaldo á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado. 

"Se chegan acordos futuros será porque levan incorporado o seu cumprimentos de manera comprobable. Como foi o caso", sinalou Puigdemont en relación coa petición formal de España na UE para poder empregar o catalá, o galego e o euskera na institución. O uso de todas as linguas oficiais do Estado tamén será posible no Congreso, como se comprometeu a súa nova presidenta. 

O Senado, con maioría do PP

Este xoves tamén se levou a cabo o proceso de constitución do Senado. O candidato popular Pedro Rollán obtén a maioría absoluta de apoios na primeira volta das votacións tras acadar o respaldo do seu partido. No PSOE decidiron votar en branco, como o resto de formacións, salvo os tres senadores de Vox, que apostaron polo seu candidato. 

Tras a constitución de ambas Cámaras, a portavoz popular Cuca Gamarra interpelou o PSOE polos acordos asinados cos partidos catalás e pediu "luz e taquígrafos" para coñecer o seu contido: "Se hoxe o independentismo, con menos forza parlamentaria, ten na súa man o futuro do noso país é porque Pedro Sánchez está disposto a iso". "Intentar gobernar custe o que custe é algo ao que os españois xa lle dixeron que non o pasado 23 de xullo", asegurou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.