A Xunta gastou cando menos 50.000 euros na gala do Xacobeo que premiou a Ana Rosa Quintana e oculta o procedemento de elección

Rueda entrega un premio á xornalista Ana Rosa Quintana na gala-balance do Xacobeo 21-22 celebrada o 17 de febreiro CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego di que quería “incentivar” os premiados “a seguir condutas exemplares para os intereses públicos” pero evita concretar o custo do evento, con gastos parciais como 8.500 euros polo auditorio ou 4.400 en produtos para cóctel 

O venres 17 de febreiro o Goberno galego organizou no Pazo de Congresos de Santiago unha gala-balance na que premiou 22 entidades e persoas “pola súa contribución ao éxito” do Xacobeo 2021-22. A xornalista e empresaria Ana Rosa Quintana ou o Concello de Madrid recibiron senllos galardóns. 

A Xunta gastou no evento cando menos 50.000 euros -8.500 no alugueiro do espazo ou 4.400 en produtos para cóctel, por exemplo-, pero podería ser moito máis xa que o Goberno galego rexeita detallar todos os custos. Tampouco aclara o procedemento de elección dos galardoados, pero si di que cos premios pretendía “incentivar” os premiados a “seguir condutas exemplares”.

Gala-balance do Xacobeo 21-22 celebrada o 17 de febreiro en Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras a celebración da gala Praza.gal formulou unha petición oficial de transparencia solicitando as actas do xurado ou o procedemento de elección dos galardóns. Tamén se reclamou o custo do evento, con detalle dos diversos gastos por alugueiro do espazo, galardóns ou obsequios físicos, equipamentos audiovisuais, persoal ou viaxes e aloxamentos de persoas galardoadas.

Ante a petición de transparencia que reclamaba as actas do xurado ou o procedemento de elección, a resposta oficial da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, é que "foron premios honoríficos que non tiveron contido económico"

A resposta oficial da Axencia Turismo de Galicia, asinada pola súa directora, Nava Castro, non contesta ás peticións formuladas. Non facilita ningunha acta nin documento oficial coa designación das persoas e entidades galardoadas e limítase a contestar que “foron premios honoríficos que non tiveron contido económico e que se outorgaron coa función de incentivar a quen os recibiu a seguir condutas que se entenden exemplares desde o punto de vista dos intereses públicos”. Isto é, segundo o Goberno galego os premios non recoñeceron o xa feito polos premiados senón que o seu obxectivo era incentivalos a ter condutas exemplares.

Canto ás cuestións sobre o custo da gala, a resposta limítase a concretar un gasto puntual, o do alugueiro do Pazo de Congresos por 8.476,05 euros, IVE incluído. Nese custe, indica a Xunta, “inclúese o alugueiro da sala e o hall no que se celebrou o acto durante tres días para a montaxe e celebración da gala, ademais dun técnico de mantemento e un vixilante de seguridade”. Pero para o resto de custos parciais o Goberno galego remite á web na que a Xunta divulga os seus contratos menores, os que pola súa contía pode entregar a dedo, onde estes son feitos públicos de xeito non sistemático, con semanas de demora e con conceptos incompletos que non sempre permiten identificar o contido dos mesmos.

Resposta oficial da Xunta a unha petición de transparencia sobre a gala do Xacobeo 21-22 CC-BY-SA Praza Pública

Nesa web pode localizarse o contrato de alugueiro do Pazo de Congresos. E entre o resto de contratos a dedo feitos públicos ata agora por Turismo de Galicia -máis de seiscentos só desde o 1 de xaneiro ata Semana Santa- pode identificarse algún máis tamén relacionado coa gala de balance do Xacobeo. 

A web á que remite a Xunta para atopar os gastos do evento inclúe de momento contratos por 50.000 euros, pero poderían ser máis, e nela tamén aparecen outros 90.000 euros a medios de comunicación baixo o concepto "Divulgativo: Balance Xacobeo 21-22"

Hai varios con empresas ou profesionais especializados na organización de eventos ou en servizos gastronómicos con conceptos como “servizos contratados e prestados para o evento Balance Xacobeo” (8.385,30 euros), “servizo catering Balance Xacobeo” (8.930,57 euros), dous contratos co mesmo concepto “adquisición produtos coctel acto balance do Xacobeo 21-22 celebrado o 17 de febreiro” (4.438,73 e 481,53 euros), “presentadora del acto Balance Xacobeo 21-22” (6.432,77 euros), un contrato cunha empresa de viaxes para “gastos presentación acto Balance Xacobeo” (2.102,71 euros) ou contratos cunha empresa de conservas e outra de viños para “conservas acto Balance Xacobeo 21-22” (365,46 euros) e “acto Balance Xacobeo” (628,34 euros). 

No listado tamén se poden atopar un contrato co concepto “servizos contratados e prestados para o evento Balance Xacobeo” por 8.385,30 euros e outro por “trabajos coordinación balance de xacobeo, producción, impresi” (sic) por 10.230,55 euros. 

Contratos que fan referencia ao acto de balance do Xacobeo tirados da web á que remitiu a Xunta na súa resposta oficial CC-BY-SA Praza Pública

En total só estes contratos feitos públicos ata agora suman 50.472,10 euros, que poderían ser máis ante o críptico dalgúns conceptos e a demora con que a Xunta adoita actualizar este tipo de información, obrigada pola lei de transparencia.

Pero a web de contratos menores ou discrecionais á que remite a resposta oficial da Xunta contén outros varios gastos relacionados dalgún xeito co balance do Xacobeo 21-22 do que a gala foi o evento máis rechamante. Previamente, en xaneiro, a Secretaría Xeral de Medios gastou máis de 90.000 euros en varios contratos con distintos medios de comunicación, non só galegos, baixo o concepto “Divulgativo: Balance Xacobeo 21-22”.

Alfonso Rueda intervén no programa de Ana Rosa Quintana en Telecinco, o pasado abril

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.