A Xunta ten ingresadas 593 persoas menores de 65 anos en residencias de maiores por falta de centros específicos

Rueda nunha residencia en Cerdedo-Cotobade e datos de menores de 65 anos ingresados en centros de maiores CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Unha de cada vinte persoas en centros de maiores públicos ou concertados non está neles pola idade, mentres persoal implicado alerta de que o Goberno galego está a convertelos en "psiquiátricos sen psiquiatras"

A 31 de decembro as residencias de maiores da Xunta ou as prazas concertadas en centros privados sumaban un total de 593 persoas menores de 65 anos ingresadas nelas. Un ano antes había preto de 700. Isto é, unha de cada 20 persoas en prazas residenciais de maiores que dependen da Xunta non está nelas pola idade senón por outras circunstancias. Así o vén de recoñecer oficialmente o Goberno galego tras meses de negativa a cumprir coa Lei de Transparencia logo de que Praza.gal formulase unha solicitude oficial ao respecto. 

Hai anos que o persoal das residencias de maiores ou dependencia vén alertando dos problemas que supón o ingreso neses centros de persoas menores de 65 anos con doenzas psiquiátricas ante a inexistencia de centros axeitados para elas. O pasado setembro a agresión a unha traballadora por parte dun usuario de 43 anos dun centro de Vigo provocou novas protestas polo que o persoal cualifica como a conversión das residencias de maiores en "psiquiátricos sen psiquiatras"

Ante estas denuncias Praza.gal quixo coñecer o volume do problema, partindo da premisa de que non todas as persoas menores de 65 ingresadas en residencias de maiores teñen problemas psiquiátricos. De feito, a propia Consellería de Política Social salienta que para asignar unha praza nunha residencia pública ou nunha privada con prazas concertadas a persoa ten que ter o dereito recoñecido pola lei de dependencia ou obtela "mediante o procedemento de emerxencia social" que vai dirixido a "persoas que se atopan nalgún dos tres supostos [legais]: situación de desamparo ou abandono; malos tratos físicos e/ou psíquicos; situación de risco grave inminente para a súa integridade física e/ou psíquica". 

Polo tanto, segundo incide Política Social, "a patoloxía psiquiátrica é unha característica clínica que pode afectar a calquera persoa en calquera momento da súa vida" e non é un criterio asociado á ocupación dunha praza residencial. Por iso, di, non ten o detalle de persoas con problemas psiquiátricos en residencias de maiores.

En Galicia hai 22.000 prazas totais en residencias de maiores, das que preto 4.000 son da Xunta e 10.000 están concertadas ou subvencionadas

Ademais desta premisa hai que ter en conta o volume das prazas totais nas residencias de maiores, 22.000 en toda Galicia, así como a súa titularidade. Preto de 4.000 prazas están en residencias da Xunta ou do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que comparte con algúns concellos, mentres outras mil son doutras administracións e as restantes 17.000 son de titularidade privada. E destas últimas unhas 10.000 están á súa vez concertadas ou subvencionadas pola Xunta, o que leva habitualmente ao Goberno galego a presumir de que en Galicia hai "15.000 prazas públicas" ou que as axudas da Xunta benefician "a máis de 10.000 galegos para o pago dun centro residencial privado".

Ante este panorama do sector, Praza.gal formulou o pasado setembro unha petición oficial de transparencia á Consellería de Política Social para coñecer o "número de persoas menores de 65 anos ingresadas en residencias de maiores", pedindo tamén o detalle de cantas están en centros de titularidade da Xunta e cantas en prazas concertadas de centros privados. A Xunta rexeitou responder argumentando que tería que consultar "diferentes fontes de información", malia que hai dous anos, tras a pandemia da COVID-19, contratou por 800.000 euros o que debera ser un rexistro único centralizado de usuarios de residencias. 

Ante esa resposta este diario formulou un recurso á Comisión da Transparencia de Galicia, dependente da Valedora do Pobo, que lembrou á Xunta a xurisprudencia establecida polo Tribunal Supremo e resolucións previas do Consejo de Transparencia estatal que limitan as situacións nas que as administracións poden argumentar que os datos que se lles reclaman son demasiado complexos para rexeitar atender unha petición de transparencia. 

"Non é por tanto aplicable o concepto de reelaboración nos supostos nos que a Administración ten a información solicitada nunha aplicación informática, na que figuran os datos persoais dos usuarios ou centro no que se atopa, e as prazas autorizadas por tipoloxía, as ocupadas e as libres", di a resolución, que conclúe que "no caso que nos ocupa, non pode entenderse que a extracción dos datos dunha aplicación onde están recollidos sexa motivo de inadmisión por necesidade de reelaboración".

Resposta oficial da Xunta a unha petición de transparencia sobre o número de persoas menores de 65 anos ingresadas en residencias de maiores da Xunta ou prazas concertadas CC-BY-SA Praza Pública

Política Social insiste na "dificultade" de coñecer os datos evidenciando así que carecía dunha visión global do problema

Así que finalmente Política Social viuse obrigada a facilitar os datos reclamados, entregados este martes, máis de catro meses despois de solicitalos, que detallan o número de persoas menores de 65 anos en residencias de maiores da Xunta ou en prazas concertadas a 31 de decembro de cada ano durante os últimos cinco exercicios. Isto é, unha mesma persoa computa en cada un dos anos facilitados mentres non cumpra os 65 anos, faleza ou deixe a residencia. Ademais, a consellería insiste na súa resposta oficial na "dificultade da extracción dos datos solicitados", que "implica unha labor complexa de reelaboración e recompilación tendo en conta que a actual aplicación informática de rexistro de residentes é de recente implantación". Confirma así a consellería que carecía dunha visión global do problema das persoas ingresadas en residencias de maiores malia que a idade non sexa para elas determinante. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.