A Valedora obriga a Política Social a detallar cantas persoas menores de 65 anos hai ingresadas en residencias de maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita a un centro de maiores CC-BY-SA Xunta

A Xunta rexeitara responder a unha petición oficial de transparencia argumentando que tería que "reelaborar" os datos que posúe, pero a Valedora desbota que poda esgrimir ese obstáculo ante unha simple "extracción dos datos dunha aplicación"

Hai anos que o persoal das residencias de maiores ou dependencia vén alertando dos problemas que supón o ingreso neses centros de persoas menores de 65 anos con doenzas psiquiátricas ante a inexistencia de centros axeitados para elas. O pasado setembro a agresión a unha traballadora por parte dun usuario de 43 anos dun centro de Vigo provocou novas protestas polo que o persoal cualifica como a conversión das residencias de maiores en "psiquiátricos sen psiquiatras"

Nese momento Praza.gal formulou unha petición oficial ao amparo da Lei de Transparencia para coñecer o "número de persoas menores de 65 anos ingresadas en residencias de maiores", pedindo tamén o detalle de cantas están en centros de titularidade da Xunta e cantas en prazas concertadas de centros privados. Ademais dese dato xeral sobre a idade das persoas residentes, tamén se pediu o detalle sobre se esas persoas están ingresadas por algunha patoloxía psiquiátrica ou por outro motivo. 

Resolución da Comisión da Transparencia de Galicia obrigando a Política Social a facilitar o número de persoas menores de 65 anos en residencias de maiores pero permitindo que non detalle cantas teñen problemas psiquiátricos se non o pode saber facilmente CC-BY-SA Praza Pública

A Consellería de Política Social rexeitou hai dous meses responder a petición esgrimindo unha das excepcións contempladas pola lei, a de que para facilitar a información solicitada haxa que realizar unha "reelaboración" de datos dispersos. Este diario recorreu esa resposta ante a Comisión da Transparencia de Galicia, dependente da Valedora do Pobo, e agora esa entidade vén dicir que non se pode considerar "reelaboración" a simple "extracción de datos dunha aplicación". 

As explicacións de Política Social á Valedora dan a entender que carece dunha visión global da magnitude do problema das persoas menores de 65 anos con problemas psiquiátricos ingresadas en residencias de maiores  

Tras pedirlle a Valedora explicacións pola súa negativa a atender a petición de transparencia, Política Social respondeulle que a posible patoloxía psiquiátrica dunha persoa "non é un condicionante para o acceso a unha praza pública, polo que a información solicitada require unha labor específica de elaboración dun documento ad hoc e ademais, coñecer as patoloxías clínicas das persoas usuarias de prazas públicas residenciais implica o acceso a bases de datos clínicos que a Consellería de Política Social e Xuventude non posúe". 

E engade que a Xunta "conta con máis de 7.200 prazas públicas de atención residencial en máis de 100 centros, polo que a acción de elaboración implicaría un tratamento manual individualizado de cada un deses expedientes e solicitar os datos clínicos de cada unha desas persoas". Isto é, Política Social carecería dunha visión global da magnitude do problema das persoas menores de 65 anos con problemas psiquiátricos ingresadas en residencias de maiores. 

A Xunta encargou hai dous anos un rexistro único informatizado de persoas residentes en centros de maiores CC-BY-SA Xunta de Galicia

Porén, a petición deste diario non só preguntaba polos casos con problemas psiquiátricos senón tamén en xeral polo número de persoas menores de 65 anos. Un dato que a Xunta debera ter dispoñible, especialmente despois de que hai dous anos encargase un rexistro único informatizado de persoas residentes en centros de maiores logo de que a pandemia da COVID-19 deixase en evidencia a falta de control dos sistemas anteriores. 

Ante o recurso deste diario, a Valedora lembra a xurisprudencia establecida polo Tribunal Supremo e resolucións previas do Consejo de Transparencia estatal a respecto do que se pode esgrimir como "reelaboración" de datos ou non, de xeito que non pode aceptarse baixo ese concepto "a mera agregación, ou suma de datos". "Reelaboración", salienta a Valedora, é "volver a elaborar a partir dunha información pública dispersa". 

"Non é por tanto aplicable o concepto de reelaboración nos supostos nos que a Adinistración ten a información solicitada nunha aplicación informática, na que figuran os datos persoais dos usuarios ou centro no que se atopa, e as prazas autorizadas por tipoloxía, as ocupadas e as libras", di a resolución, que conclúe que "no caso que nos ocupa, non pode entenderse que a extracción dos datos dunha aplicación onde están recollidos sexa motivo de inadmisión por necesidade de reelaboración".

Descrición da Xunta do proceso de identificación de persoas usuarias de centros de maiores durante a pandemia que a levou a contratar un sistema informático mellor CC-BY-SA Praza Pública

Así que a Valedora establece que se para dar resposta á petición de Praza sobre as patoloxías psiquiátricas a Xunta ten que consultar "cada un dos máis de 7.200 expedientes" porque ese dato non figure na ficha informatizada de cada doente, non ten por que responder a esa cuestión. Pola contra, non pode esgrimir ese obstáculo para obter as simples cifras de persoas de menos de 65 anos ingresadas en residencias de maiores en cada provincia galega, información que agora terá que facilitar a Praza.gal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.