Política Social non é quen de dicir cantas persoas menores de 65 anos hai ingresadas en residencias de maiores

Unha coidadora, xunto a un home nunha residencia de maiores CC-BY-NC-SA Mathias Zommer

O Goberno galego sinala nun documento oficial que para sabelo tería que consultar "diferentes fontes de información" tras contratar hai dous anos por 800.000 euros o que debía ser un rexistro único centralizado de usuarios de residencias

Cando a pandemia da COVID-19 chegou a Galicia a comezos de 2020 e impactou directamente nas residencias de maiores a Xunta atopouse con que carecía dun rexistro único de persoas residentes neses centros, fosen privados ou públicos. Tivo que recorrer a listados revisados "manualmente", segundo ela mesma admitiu, para coñecer a situación en cada momento. Non foi ata máis dun ano despois da chegada da pandemia que encargou como "urxente" a posta en marcha dun "centro de datos único e fiable", un traballo ao que destinou preto de 800.000 euros e que adxudicou hai case dous anos cun prazo de execución de 18 meses. 

Pasado ese tempo e case catro anos despois de que a chegada da COVID deixase en evidencia as eivas do control da Xunta sobre as residencias de maiores, a Consellería de Política Social di agora oficialmente que para saber un dato tan xeral como o número de persoas menores de 65 que hai ingresadas en residencias de maiores tería que facer uso "de diferentes fontes de información" e reelaborala.

Resposta oficial da Xunta a unha petición de transparencia sobre o número de persoas menores de 65 anos en residencias de maiores CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Hai anos que o persoal das residencias de maiores ou dependencia vén alertando dos problemas que supón o ingreso neses centros de persoas menores de 65 con problemas psiquiátricos. O pasado setembro a agresión a unha traballadora por parte dun usuario de 43 anos dun centro de Vigo provocou novas protestas polo que o persoal cualifica como a conversión das residencias de maiores en "psiquiátricos sen psiquiatras"

Este diario formulou nese momento unha petición oficial de transparencia para coñecer o "número de persoas menores de 65 anos ingresadas en residencias de maiores" , pedindo tamén o detalle de cantas están en centros de titularidade da Xunta e cantas en prazas concertadas de centros privados. Ademais dese dato xeral sobre a idade das persoas residentes, tamén se pediu o detalle sobre se esas persoas están ingresadas por algunha patoloxía psiquiátrica ou por outro motivo.

A resposta oficial da Xunta, ao límite do prazo legal, rexeita admitir sequera a trámite a petición co argumento de que para coñecer eses datos tería que reelaborar previamente a información da que dispón. Malia que a Lei de Transparencia esixe ás administracións facilitar á cidadanía cando menos datos parciais cando non poida responder a todo o que se lle pide, neste caso o Goberno galego argumenta que non pode sequera dicir o número de persoas menores de 65 anos que hai nas residencias galegas porque esa sería unha información que "debe elaborarse expresamente para dar unha resposta, facendo uso de diferentes fontes de información". 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nun acto nunha residencia con persoas dependentes nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os órganos que velan pola transparencia en Galicia e o Estado veñen incidindo en que obter cifras dunha base de datos non pode considerarse un proceso de "reelaboración" para así denegar unha petición de información

Catro anos despois da chegada da pandemia e case dous anos despois de adxudicar un rexistro único de persoas usuarias deses centros, Política Social di que obter información tan xeral esíxelle "unha labor específica para recabala, ordeala e poñela a disposición". Unha resposta que contrasta con reiteradas resolucións tanto da Comisión da Transparencia de Galicia como do estatal Consejo de Transparencia que veñen incidindo en que obter cifras dunha base de datos non pode considerarse un proceso de "reelaboración", excepción contemplada pola Lei de Transparencia para que as administracións non faciliten a información demandada se lles supón un traballo significativo de reelaboración dos datos de que dispoñen.

A resposta oficial da Xunta á petición de transparencia tamén lembra que Política Social asigna prazas residenciais a persoas que teñen dereito recoñecido pola lei de dependencia "ou ben mediante o procedemento de emerxencia social a persoas que se atopan nalgún dos tres supostos [legais]: situación de desamparo ou abandono; malos tratos físicos e/ou psíquicos; situación de risco grave inminente para a súa integridade física e/ou psíquica". Polo tanto, engade, "a patoloxía psiquiátrica é unha característica clínica que pode afectar a calquera persoa en calquera momento da súa vida e non é un condicionante para o acceso a unha praza pública segundo a normativa vixente". 

Nada di sobre se, á marxe de que sexa ou non un condicionante para acceder a unha residencia, ten ou non un rexistro das persoas con ese problema e nin tan sequera da idade das persoas residentes.

Descrición da Xunta do proceso de identificación de persoas usuarias de centros de maiores durante a pandemia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.