CIG-Ensino alerta de que a redución de docentes en Secundaria que ultima a Xunta "vai máis alá" de retirar reforzos pola COVID

Alumnado nun instituto galego, nunha aula adaptada aos protocolos da COVID CC-BY-SA Xunta

A Consellería de Educación vén advertindo dende hai semanas de que os reforzos de persoal no sistema educativo a causa da COVID foron "extraordinarios" no curso 2020-21 e non serán mantidos de maneira xeral no 2021-22. Así o plasmou, tamén, na primeira versión do protocolo para afrontar o coronavirus nas aulas no vindeiro período académico, que prevé relaxar medidas de seguridade como a distancia interpersoal e tamén diminuír os reforzos de persoal. Especialmente en Secundaria -na ESO e no Bacharelato-, niveis nos que as autoridades sanitarias prevén vacinar o alumnado no comezo do curso.

Educación está a comunicar aos institutos os resultados que, en termos de persoal, ten a redución da distancia de seguridade entre estudantes, entre outras medidas

Á luz destes plans, a CIG-Ensino -sindicato maioritario do sector-, comezou a recompilar datos entre os institutos galegos para coñecer de primeira man os plans que van coñecendo da propia Xunta. A Inspección educativa, lembran, solicitou informes aos centros o pasado maio para "acomodárense a unha redución das distancias" de seguridade entre estudantes a 1,2 metros. Eses informes, lamentan, "teñen agora as súas consecuencias nas comunicacións formais ás direccións sobre a cota de profesorado" para o curso vindeiro.

Mobilización da CIG-Ensino ante a Consellería de Educación antes do inicio do curso 2020-21 CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

Esas comunicacións, indica a central sindical, están a "causar un enorme malestar" por "unhas cifras de profesorado que non só supoñen un risco para afrontar o curso coa máxima seguridade" e minimizar así o risco de posibles contaxios, indican. Tamén porque "van máis alá e implican recortes sobre as cotas de profesorado do curso 2019-20, o último ordinario" antes da pandemia.

A central sindical, tras consultar con institutos de toda Galicia, recompilou xa unha trintena de centros que perderán "máis de cinco docentes" e outros moitos, mantén, cunha redución de "3 ou 4" no seu plantel

O sindicato explica que a información recompilada procede de arredor do 40% dos institutos do país e que estes datos indican que "a redución pode chegar a preto do 10% do profesorado que impartiu docencia nos institutos de ensino secundario no curso 2019/20". A porcentaxe é "superior mesmo á contratación de reforzos COVID, o que implica rebaixar a cira de profesorado do curso anterior". "Nalgúns -abondan- dáse o caso de que a redución de docentes vai acompañada dun aumento de matrícula".

Así, a CIG-Ensino cita case unha trintena de institutos que xa teñen confirmado que perderán "máis de cinco docentes, chegando a superar o dobre nalgúns casos" e afirma que "outros moitos" comunican "perdas de 3 ou 4 docentes". "Un elemento común -reiteran- é que a redución vai máis alá de retirar as contratacións motivadas pola COVID".

Con este pano de fondo, advirten, ahi centros que xa "alegaron á Inspección que coa cota docente imposta non poderán cumprir cos protocolos" de prevención do coronavirus. Tamén, lamentan, que "non poderán manter" algúns programas de mellora da aprendizaxe ou do rendemento, da "imposibilidade de realizar apoios ou desdobres" ou á redución de materias optativas. Neste contexto a central sindical apela á "responsabilidade" da Consellería para reconsiderar estas reducións, mais tamén anima os equipos directivos dos institutos a que, "como aconteceu no comezo do curso 2020/21, tomen parte na resposta con todas as consecuencias, mesmo presentado a dimisión en bloque se non se produce unha rectificación"

A Consellería, pola súa banda, abordaba a cuestión a pasada semana poñendo o foco no Goberno de España. Así, tras a primeira Conferencia Sectorial presidida pola nova ministra de Educación, Pilar Alegría, o conselleiro Román Rodríguez asegurou que "reclamou" que o Executivo central transfira "fondos específicos para a contratación de profesorado de cara ás necesidades que xere o curso 2021-22". "É necesario que se nos informe xa dos recursos adicionais cos que imos poder contar", dixo Rodríguez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.