Corina Porro, a muller que o foi todo en Vigo, engade agora o cargo de ex-política

Corina Porro na súa toma de posesión como alcaldesa de Vigo en 2003 © Concello de Vigo

A popular, que non foi incluída nas listas do PP para as eleccións do 18F, anuncia que deixa a primeira liña política tras 30 anos pasando por todo tipo de cargos públicos

Ex-conselleira de Fraga, ex-alcaldesa de Vigo, ex-presidenta do Porto desa cidade, ex-senadora, ex-vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, ex-presidenta do Consello Económico e Social, ex-delegada da Xunta en Vigo, ex-secretaria da Mesa do Parlamento. E desde o vindeiro luns 18 de marzo, ex-política

Así o vén de anunciar Corina Porro. A muller que o foi todo en Vigo pon como data da súa retirada da primeira liña o día en que deixará de ser deputada do Parlamento de Galicia coa constitución dunha nova Cámara logo de non ser incluída nas listas do PP para as eleccións do 18 de febreiro.

Corina Porro (Ferrol, 1953), enfermeira, comezou na política local viguesa como concelleira en 1995, co popular Manuel Pérez como alcalde. En 1999 foi nomeada directora xeral de Servizos Sociais da Xunta de Manuel Fraga, que en 2001 a ascendería a conselleira do mesmo departamento. Unha plataforma desde a que en 2003 se presentaría ás eleccións municipais en Vigo. Malia ser a máis votada non logrou a alcaldía xusto tras os comicios senón medio ano máis tarde, en decembro, a través dunha moción de censura contra o PSdeG de Ventura Pérez Mariño facilitada polo BNG.

Como rexedora correspondeulle ocupar ao tempo a presidencia do Consorcio da Zona Franca da cidade. No posto foi máis alá do institucional para enfrontarse co director executivo da entidade, o delegado do Estado, nomeado polo daquela Goberno central do PSOE. 

Durante esa etapa como alcaldesa, na que anunciou todo tipo de proxectos urbanísticos que nunca se concretaron, decidiu trasladar o despacho da alcaldía da sede central da administración local na Praza do Rei a un edificio señorial xunto á ría, na privilexiada rúa Areal, para dar maior visibilidade á institución. Os socialistas sacaron tempo despois á luz facturas que evidenciaban que só o mobiliario daquel despacho supuxera 377.000 euros.

Porro e Feijóo na toma de posesión da primeira en 2011 como presidenta do CES, cargo no que estaría ata 2019 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nas municipais de 2007 Porro volveu ser a candidata máis votada pero perdeu a alcaldía a mans dunha coalición de PSdeG e BNG encabezada por Abel Caballero, que chegou ao cargo desde o seu anterior posto de presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. Porro intentou unha estratexia similar para recuperar a alcaldía a partir doutro posto público e, tras ser senadora e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, en 2009 foi nomeada pola Xunta de Feijóo presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo. Pero nas municipais de 2011, malia ser por terceira vez a candidata máis votada na cidade, a alcaldía volveu ser para Caballero co apoio do BNG.

O cargo no que máis tempo estivo Porro foi o de presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, desde 2011 ata 2019, posto no que obtivo o segundo soldo máis elevado dos altos cargos dependentes da Xunta, só por detrás de Feijóo

Feijóo deulle daquela a Porro a presidencia do Consello Económico e Social, o principal órgano “de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta”. Foi o posto no que estivo máis tempo, oito anos, desde 2011 ata 2019, período no que obtivo o segundo soldo máis elevado dos altos cargos dependentes da Xunta, só por detrás do presidente galego e sen ter en conta os trienios que lle correspondesen como funcionaria de carreira.

Alí permaneceu ata que en 2019, tras unha nova derrota do PP vigués ante Caballero, Feijóo recuperouna para a cidade. Deulle a delegación da Xunta alí, ao tempo que a encargaba da xestora da cada vez máis maltreita agrupación local do partido.

Corina Porro como delegada da Xunta en Vigo coa camiseta do Celta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pero menos dun ano máis tarde, nas eleccións galegas de 2020, Porro deixaba novamente Vigo para ocupar un escano no Parlamento de Galicia, no que sería secretaria da Mesa da Cámara. Alí estivo ata agora, pero non foi incluída na lista do PP para o 18F. Así que como membro da Mesa, cesará no momento en que se constitúa o novo Parlamento, o vindeiro luns 18 de marzo. E ese será o momento no que, segundo ela mesma, deixará a primeira liña política.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.