Feijóo di que non había tanta pobreza enerxética como prevía

Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

O presidente insiste en que a Xunta atendeu todas as peticións de axuda que recibiu, pero obvia os impedimentos para solicitalas e di que ampliar os criterios facilitaría que máis xente o pedise por “interese”

Se a Xunta non outorgou máis axudas para pagar as facturas eléctricas aos fogares que non son quen de asumilas non é porque o procedemento para pedilas supoña unha traba nin porque só poidan recibilas as vivendas onde residan menores de idade ou persoas con discapacidade. O Goberno galego deixou sen gastar 8 de cada 10 euros que orzamentou para ese cometido “probablemente porque non había esa dificultade de pobreza enerxética que inicialmente tiñamos prevista”, segundo asegurou este xoves o presidente da Xunta.

A Alberto Núñez Feijóo preguntóuselle este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, polo feito de que a Xunta só gastase un 20% de todo o orzamentado o pasado ano para combater a pobreza enerxética. A resposta do presidente foi a seguinte: “Pensabamos, dado que había bastantes noticias nos medios de comunicación e había preocupación na sociedade, que había moita xente con pobreza enerxética, en consecuencia, puxemos ese percentil de renda [o limiar de ingresos para solicitar as axudas] en relación con escasísimos recursos económicos, e comprobamos que non esgotabamos o crédito probablemente porque non había esa dificultade de pobreza enerxética que inicialmente tiñamos prevista”.

En varias ocasións o propio Feijóo cifrou en 40.000 as familias ás que pretendía chegar cunha axuda eléctrica que finalmente recibiron pouco máis de 5.000

O presidente insistiu na súa resposta en que, cos requisitos actuais, “atendemos a todas as solicitudes, non atendemos máis porque non se presentaron máis, polo tanto esa dificultade [a pobreza enerxética en Galicia] non estaba dimensionada de forma correcta inicialmente”. Un sobredimensionamento ao que tería contribuído el mesmo, xa que en varias ocasións o propio Feijóo cifrou en 40.000 as familias ás que pretendía chegar cunha axuda eléctrica que finalmente recibiron pouco máis de 5.000. Ante esta situación, a solución que achegou Feijóo é que agora a Xunta estudará que modificacións introducir nas axudas, “probablemente revisar á alza a renda para poder obter unha”.

Oposición e entidades sociais veñen criticando os obstáculos que atopan as familias necesitadas para poder solicitar as axudas

Na súa resposta, nada dixo Feijóo dos obstáculos que os grupos da oposición e as entidades sociais atopan tanto noutros requisitos contemplados nas axudas á marxe do nivel de ingresos como nas dificultades para solicitalas. Por unha banda, as axudas só se poden solicitar por vía informática, o que dificulta que persoas sen formación ou equipamento informático as poidan solicitar. Por outra, só teñen dereito ao denominado tícket eléctrico os fogares nos que non residen menores de idade ou o persoas con algunha discapacidade igual ou superior ao 33%.

Estas dificultades foron obviadas por Feijóo, quen, ante a posibilidade de subir o límite de ingresos para que máis persoas poidan acceder ás axudas, valorou que “sempre que subamos a renda, sempre nos podemos atopar con máis xente á que lle interesa que lle paguemos unha parte da luz”.

Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.