A oposición pide novos criterios no tícket eléctrico da Xunta tras non chegar ás familias 8 de cada 10 euros

Unha factura da electricidade CC-BY-NC-SA eldiario.es

A Xunta reduciu neste 2017 un 62% a dotación orzamentaria do seu tícket eléctrico, a axuda de 180 euros ao ano para contribuír ao pagamento da factura da luz de fogares con poucos recursos -300 euros, no caso das familias numerosas-. Esta mingua prodúcese só un ano despois de que o Goberno galego incrementase a achega destes subsidios un 40% ata acadar 2,1 millóns de euros dos que apenas o 20% acabaron pagando axudas, mentres que un 40% foron transvasados a outros gastos da Administración, dende programas de comercio xa previstos a pleitos xudiciais, un estudo sobre publicidade e mesmo o alumeado da Cidade da Cultura. Con este pano de fondo a oposición parlamentaria esixiu este martes, sen éxito, que a Xunta flexibilizase os criterios do tícket para poder beneficiar a máis poboación.

A proposta chegou ao pleno da Cámara a través dunha moción de En Marea e no marco dun debate máis amplo sobre pobreza e enerxía eléctrica, toda vez que chegou xusto despois doutra iniciativa do BNG a prol dunha tarifa eléctrica galega. Ambas propostas foron retrucadas dende o PP pola deputada ourensá Marta Nóvoa, quen censurou que o Bloque formulase a súa iniciativa dende unha "ideoloxía separatista" e desdeñou a proposta de En Marea considerando que "as mareas non queren solucións nin para a xente de Galicia nin para o resto de España", xa que os representantes da formación no Congreso "votaron en contra" da nova formulación do bono eléctrico social.

"Será responsabilidade das mareas -ironizou no seu retruque o deputado Antón Sánchez- que vostedes saquen unha orde", a do tícket eléctrico, "e que en vista de que non chega a suficiente xente, en vez de ampliar os criterios recortan o orzamento". Nomeadamente, a moción tamén apoiada por PSdeG e Bloque apostaba por modificar a última orde de convocatoria das axudas, ditada o pasado xaneiro, para elevar a renda das familias que poden acceder a elas de 9.600 a 11.500 euros, eliminar requisitos como a esixencia de que nos fogares solicitantes convivan menores de idade ou persoas con discapacidade e, ademais, elevar a contía de 180 a 240 euros. Adicionalmente, a moción propuña tamén modificar as axudas de emerxencia que a Xunta presentou como vía para evitar os cortes de luz durante un mes.

A proposta de En Marea, apoiada por PSdeG e BNG, propuña ampliar o limiar da renda para acceder ás axudas non limitalas a fogares nos que vivan menores de idade ou persoas con discapacidade

Estas reformas, coida Sánchez, permitirían simplemente "que as súas ordes, que non chegan, cheguen a máis xente" e, en última instancia, "para chegar ao número de persoas que vostedes propuxeron". No entanto, censura, o rexeitamento dos conservadores significa, ao seu xuízo, que as accións da Xunta contra a chamada pobreza enerxética son simplemente "un fracaso, publicidade e propaganda".

A proposta de En Marea recibiu o apoio do Bloque, que a través da deputada Noa Presas instou a Xunta a non limitarse a constatar que "non houbo máis solicitudes". O voto a prol chegou tamén da banda do PSdeG, que a través de Abel Losada puxo tamén o foco na, dende o seu punto de vista, escasa "conexión coa realidade" do Goberno. Un "exemplo metafórico", afirma o parlamentario, é que a vía para solicitar estas axudas sexa unicamente internet. "Como vai haber demandas se a xente non ten nin acceso á información" sobre como solicitalas? Pregúntase. Finalmente, os votos do PP rexeitaron ambas propostas.

Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea, no pleno © Parlamento de Galicia
Noa Presas, deputada do BNG © Parlamento de Galicia
Abel Losada, voceiro do PSdeG en materia de industria © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.