Ferreiro convoca para o sábado o pleno da cuestión de confianza na Coruña

Xulio Ferreiro, nunha comparecencia pública © Concello da Coruña

Xulio Ferreiro vén de convocar para o vindeiro sábado ás 12.30 horas o pleno extraordinario no que se votará a cuestión de confianza sobre a súa xestión e, xa que logo, a continuidade do goberno da Marea Atlántica vinculada aos orzamentos. Así o confirmou o alcalde da Coruña, que tamén deixou claro que malia asinar o decreto aínda é posible chegar a un pacto co grupo do PSOE tras a ruptura do preacordo da pasada semana

Ferreiro convoca o pleno da cuestión de confianza para o sábado "canso" de que o "tomen como o pito do sereno"

No caso de que Ferreiro perdese a cuestión de confianza, a oposición tería un período dun mes para formar un goberno alternativo na cidade. De non ser así, os orzamentos quedarían automaticamente aprobados. En declaracións aos medios, o alcalde negou que a ruptura do preacordo fose debido á inclusión da concelleira socialista Mar Barcón na lista dos edís destinados a coordinar un dos proxectos propostos polo PSOE. Con todo, e aínda sen citala, lembrou que no seu momento lle asegurara que se ela era "un obstáculo" daría un paso ao lado, polo que a convidou agora a "dar un paso atrás polo entendemento".

O alcalde da Coruña convida a Mar Barcón a "dar un paso atrás" para propiciar "o entendemento"

Este martes, precisamente, a asemblea da Marea Atlántica reúnese para tratar a situación logo de que se rachasen as negociacións entre PSOE e o goberno local. Sobre os motivos de tomar a decisión de non agardar máis e ir á cuestión de confianza, Ferreiro asegurou que está "canso de que o tomen polo pito do sereno". E tómase, segundo aclara, para o caso de que "non se chegue antes a un acordo", aínda que advirte que "as circunstancias non cambiaron desde o pasado venres e non hai convocada xutntanza ningunha da comisión negociadora". "Non pechamos a porta a que a situación se reencamiñe", engadiu. 

"O PSOE deberá demostrar que vai en serio á hora de establecer que podemos traballar xuntos, e demostrar que se vai comportar con lealdade”, insistiu Ferreiro, quen sinalou que, en calquera caso, na sesión plenaria do sábado “tamén se pode pechar un acordo presupostario, chegar ata aí, se estamos de acordo nos orzamentos –como parecía que estabamos– e seguir falando despois”.

Xulio Ferreiro, nunha comparecencia pública © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.