Mobilización total do PSOE para que Pedro Sánchez non marche

José Ramón Gómez Besteiro, á fronte da delegación do PSdeG desprazada este 27 de abril ao comité federal do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG

Esconxuro no PSOE para tentar frear a dimisión de Pedro Sánchez. A "reflexión" aberta polo presidente do Goberno de España e líder socialista para, ante o "acoso" á súa esposa, Begoña Gómez, valorar se continúa ou non á fronte do Executivo, mudou o eixo do debate político no Estado cara a un escenario inédito. 

O comité federal do partido vira nun acto de apoio incondicional ao presidente do Goberno de España para que siga no cargo

Tamén no seo do propio Partido Socialista, cuxo Comité Federal deste sábado, inicialmente convocado para aprobar a candidatura ás eleccións europeas do 9 de xuño, virou nun acto de apoio incondicional a Sánchez e de reiteradas peticións de que non marche. "Pedro, non te rendas", "Pedro, queda", foron algúns dos lemas deste sábado na madrileña rúa de Ferraz xunto ao outros con ecos históricos como "non pasarán".

María Jesús Montero, na intervención inicial do Comité Federal do PSOE, este 27 de abril en Madrid

Unha notable delegación do PSdeG, que este domingo celebra o Congreso Nacional que ratificará a nova Executiva encabezada por José Ramón Gómez Besteiro, estivo tamén nun encontro acompañado no exterior da sede federal socialista por unha ampla concentración de milleiros de dirixentes, militantes e simpatizantes chegados dende diversas comunidades autónomas. A menor escala, o apoio a Sánchez tamén foi manifestado por militancia congregada fronte a algunhas das principais sedes locais.

"Paga a pena que gañen os bos", clamou a vicepresidenta Montero nun acto ao que o PSdeG acudiu cunha ampla delegación encabezada por Besteiro

No interior do comité, as quendas de intervención abriunas a vicesecretaria xeral e vicepresidenta primeira, María Jesús Montero. "Paga a pena que gañen os bos", clamou Montero, antes de dirixirse a un Sánchez ausente para pedirlle que fique, informa Antonio Ruiz Valdivia para infoLibre

"Estamos contigo, adiante, adiante!", alentou nun contexto no que, afirma, "non hai lodo no mundo que poida ocultar que España avanza cun presidente socialista e cun Goberno progresista". As verbas de Montero foron tamén para Begoña Gómez, esposa de Sánchez: "Basta xa deste acoso, non hai dereito", di.

Dirixentes do PSOE, entre eles Besteiro, saen do Comité Federal para unírense aos manifestantes do exterior CC BY-NC-SA Imaxe: PSdeG | Edición: Praza.gal

O ton emocional da xornada no PSOE amósano ás claras os discursos escoitados pero tamén -ou, se cadra, sobre todo-, o inédito xesto de frear a xuntanza interna, retransmitida ao vivo integramente por primeira vez, para reunírense cos manifestantes do exterior contra as doce e media do mediodía. Bandeiras vermellas do partido ao vento, bágoas, apertas, e mesmo o hit Quédate, de Quevedo, ou o Perra de Rigoberta Bandini -himno oficioso da campaña socialista das pasadas xerais- soando pola megafonía nunha mobilización na que a concorrencia tamén entoou A Internacional.

Besteiro traslada o apoio do PSdeG a Sánchez dende a "experiencia do socialismo galego": "Feijóo chegou á Xunta despois da campaña máis sucia, non esperen nada mellor. Non cabe un paso atrás, senón un paso á fronte, firme"

Neste contexto, Besteiro explica que este sábado quixo achegar ao comité federal "a voz do socialismo galego, cargada de comprensión" e "apoio" a Pedro Sánchez porque tamén está "baseada na experiencia do que vivimos os galegos". E tamén do vivido por el mesmo, di, "en carne propia" sobre o que implica a "política sucia do PP".

En 2009, evoca o secretario xeral electo do PSdeG, "Feijóo chegou ao Goberno da Xunta despois da campaña máis sucia da democracia do noso país". E agora "é o que tamén está achegando aquí, en España: a deslexitimación da política" e o acento na súa "parte máis sucia". "Non esperen nada mellor", advirte o lucense. "Fronte a iso", agrega, "non cabe nin un paso atrás nin ao lado", senón "un paso á fronte, firme".

José Ramón Gómez Besteiro, a ministra Pilar Alegría e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ante a sede federal do PSOE en Madrid, este sábado CC-BY-NC-SA PSdeG

Diante da mobilización socialista, o PP reiterou as súas críticas dos últimos días contra o PSOE e Pedro Sánchez. Alberto Núñez Feijóo introduciu, non obstante, unha novidade no discurso para asegurar que Sánchez está a sinalar a determinados xuíces ou medios o cal, mantén, supón "un tic autoritario que dende Franco nunca víramos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.