Fronte da Xunta coas inmobiliarias contra os concellos que buscan limitar os alugueiros ao abeiro da lei estatal

Edificios de vivendas no centro de Lugo © Concello de Lugo

"As comunidades autónomas do PP non aplicarán o índice de prezos de alugueiros". A dirección central do Partido Popular advertiu a pasada semana, inmediatamente despois de que o Ministerio de Vivenda fixese oficial no BOE esta ferramenta para desenvolver a lei estatal do sector, que os seus gobernos non van aplicar esta ferramenta concibida para limitar os prezos dos arrendamentos nas denominadas zonas tensionadas.

A vicepresidenta Vázquez redobra a oposición á norma estatal nun "encontro informativo" no que a Xunta deu voz a administradores de fincas e axentes da propiedade inmobiliaria

O rotundo anuncio da cúpula que encabeza Alberto Núñez Feijóo chegou mentres, cando menos a efectos de declaracións públicas, a Xunta vén mantendo que non aplicará "de oficio" a lei e as súas ferramentas nesta materia, pero que si permitirá que os concellos o fagan se "argumentan moi ben" mediante diversos informes a declaración de zonas tensionadas. A Coruña e Santiago xa expresaron a súa vontade de facéreno e Lugo está a valoralo mentres o actual Executivo en funcións redobra a súa fronte común co sector inmobiliario contra a lei.

Con este pano de fondo e cos gobernos locais coruñés (PSdeG) e compostelán (BNG-CA) inmersos na elaboración dos informes que esixe a Xunta, a vicepresidenta segunda en funcións e conselleira con competencias en materia de Vivenda, Ángeles Vázquez, encabezou este pasado martes un "encontro informativo" sobre a cuestión. Celebrouno na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo, onde advertiu de que os gobernos locais interesados en declararen zonas tensionadas terán que cumprir aínda máis requisitos dos previstos.

O Goberno galego fai tamén responsables aos concellos que queiran declarar zonas tensionadas de trazar plans de vivenda social para 20 anos. Faino apoiándose nunha disposición da lei estatal que non encomenda este labor aos municipios, senón á "administración territorial competente" en vivenda

Ademais da conselleira e do director xeral do IGVS, no evento interviñeron senllas representantes do Colexio Oficial de Administradores de Fincas e do Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, Teresa Suárez e Patricia Vérez, respectivamente. Ambas, salienta a propia Xunta, "mostraron a desconformidade" de cadanseus organismos "coa lei de vivenda estatal e a declaración de zonas tensionadas" na liña do Goberno galego do PP.

Porque segundo a vicepresidenta Vázquez, esa declaración "lonxe de mellorar a situación do mercado da vivenda, pode complicala", xa que "moitos propietarios preferirán vender as súas vivendas, destinalas ao alugueiro turístico, arrendalas por cuartos ou mesmo mantelas baleiras", teoriza. É neste punto no que advirte dos novos requisitos que o gabinete de Rueda formulará aos concellos, como presentaren plans a 20 anos vista cos seus proxectos para abordaren os prezos do alugueiro e a política de vivenda en xeral.

A vicepresidenta Vázquez, o director do IGVS e as representantes do sector inmobiliario, no "encontro informativo" organizado pola Xunta sobre as zonas tensionadas que fixa a lei estatal CC-BY-SA Xunta

"Teñen que destinar o solo da súa titularidade para a construción de vivendas sociais ou dotacionais e acadar no prazo de 20 anos un parque mínimo de vivendas para políticas sociais equivalente ao 20% dos fogares do concello", di a conselleira en funcións. Para lanzar esta afirmación apóiase -sen evidencialo- na disposición transitoria segunda da lei estatal. Que en realidade non indica exactamente iso e, sobre todo, non fai responsables aos concellos.

A lei fixa que, nos concellos con zonas tensionadas, en dúas décadas un "mínimo" do 20% de fogares terían que ser de "vivendas destinadas a políticas sociais"

O que estipula esa disposición é que, se cando a lei estatal leve un ano en vigor -isto é, o vindeiro maio-, as "administracións territoriais competentes" en materia de vivenda non "estableceron marcos temporais e metas específicas" para ampliar o parque de vivenda pública, "se establece como referencia xeral o compromiso de acadar, no prazo de 20 anos, un parque mínimo de vivendas destinadas a políticas sociais do 20% respecto do total de fogares que residen naqueles municipios nos que se declarase zonas de mercado residencial tensionado".

Nun contexto no que a vivenda está entre as competencias exclusivas do Goberno galego -artigo 27 do Estatuto de Autonomía-, da literalidade da lei estatal de vivenda non cabe tirar que sexan os gobernos locais os responsables de aplicar esta lexislación en solitario, aínda que no seu radio de competencias tamén estea a vivenda e outras clave na materia, como o urbanismo. Pero a Xunta ten claro que non o vai facer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.