Inés Rey mantense na alcaldía da Coruña cun novo goberno en solitario

Inés Rey co bastón de mando de alcaldesa tras a toma de posesión © Concello da Coruña

"A Coruña decidiu que o goberno da primeira muller que acadou a alcaldía en democracia non fose fugaz", di a rexedora tras a toma de posesión

Inés Rey, alcaldesa socialista da Coruña desde hai catro anos, seguirá outro mandato á fronte do concello tras recibir este sábado no pleno de constitución da corporación municipal o apoio dos 11 edís da súa formación e os 4 do BNG, fronte os 12 que obtivo o PP. Porén, o apoio do BNG non se traducirá nunha entrada no goberno municipal, que seguirán exercendo en solitario os socialistas, como no anterior mandato.

O pasado 28M Rey aumentou o apoio nas urnas pasando de 9 a 11 edís, similar incremento que rexistrou o BNG, que medrou de 2 a 4, a costa da desaparición da corporación municipal de Marea Atlántica e Ciudadanos. 

Este sábado, tras tomar novamente posesión do cargo, Rey asegurou que "A Coruña decidiu que o goberno da primeira muller que acadou a alcaldía en democracia non fose fugaz". A rexedora gabou o carácter "cosmopolita e complexo" da cidade, polo que se comprometeu a loitar.

Foto de familia da nova corporación da Coruña © PP

Rey apelou a que A Coruña exerza o "liderado como capital económica, social e cultural" de Galicia

Segundo dixo, A Coruña quere exercer o "liderado como capital económica, social e cultural" de Galicia. "Esta cidade precisa que se aposte por ela ao igual que nós apostamos por Galicia", dixo, para engadir que a Xunta "debe ser sensible á nosa condición". Tamén apelou en varias ocasións ao "coruñesismo 2030", apelando a proxectos para transformar a cidade na próxima década, e asegurou que "coruñesismo e galeguismo deben ir da man".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.