O BNG pregunta á Comisión Europea pola sentenza do Tribunal da UE que veta prórrogas como a de Ence sen concurso

A factoría de ENCE dende a Praia de Lourido, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC Diego Portela

O pasado abril o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou contra unha prórroga xeral de concesións a instalacións turísticas que un concello do sur de Italia ditara amparándose en normas que o goberno dese país ditara para favorecer o sector durante a crise da COVID. Alén das cuestións específicas do ordenamento italiano, o TXUE deixaba claro que aplicar este tipo de prórrogas sen concurso público vai contra a Directiva Europea de Servizos do ano 2006 e, polo tanto, está prohibido en territorio da UE.

"Toda Administración ten a obriga" na UE de que as concesións en terreos litorais públicos sexan por concurso, advertía o Tribunal. Ademais, engadu que os Estados membros deben "deixar inaplicadas" as normas estatais que dispoñan o contrario.

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, intervindo durante un pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo © Alexis Haulot / Parlamento Europeo

O pronunciamento do TXUE ten especial importancia para Galicia, porque chega pouco despois de que o Tribunal Supremo, contra o criterio da Audiencia Nacional, avalase a prórroga outorgada polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións a Ence para permanecer nos terreos públicos da ría de Pontevedra ata 2073. Alén doutras cuestións procedimentais e de fondo esgrimidas polos recorrentes (Concello de Pontevedra, Greenpeace e Asociación pola Defensa da Ría), o que resulta innegable é que nesa prórroga non houbo concurso ningún.

Ana Miranda lembra que xa transcorreron os dous meses que a UE deu ao Goberno de España no procedemento de infracción que lle abriu por dar concesións en terreos costeiros sen concurso e subliña que a recente sentenza do Tribunal "deixa sen efecto as normas estatais que dispoñan o contrario"

A argumentación do Tribunal de Xustiza da UE vai na liña da empregada pola Comisión Europea o pasado febreiro para iniciar un procedemento de infracción contra o Reino de España porque a vixente Lei de Costas non garante, precisamente, que estas concesións e as súas prórrogas non se outorguen cun proceso "aberto, transparente e imparcial". Por ambas cuestións vén de preguntar á Comisión a eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Lembra Miranda que, dado que o procedemento de infracción contra España foi aberto o pasado 15 de febreiro, "xa pasaron os dous meses que ten de prazo o Estado para responder o requirimento" e por iso "queremos saber se o Goberno central tomou algunha medida ao respecto". Porque "é totalmente inaceptable que os sucesivos gobernos estatais incumpran a normativa europea que precisamente serve" para "protexer a nosa costa" do "espolio de empresas coma Ence", afirma.

Neste sentido, e na liña do suxerido pola Comisión -que se refería a "empresas papeleiras" como exemplo de incumprimento por parte de España-, Miranda ve claro non só que a prórroga de Ence infrinxe a directiva de 2006 por ser concedida "sen un proceso aberto de selección", senón tamén que a sentenza do TXUE sobre Italia reforza aínda máis a convicción de que a Lei de Costas española vai contra o ordenamento europeo. Máis aínda agora, "cando o propio TXUE deixa sen efecto as normas estatais que dispoñan o contrario".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.