A UE investiga a España por impedir a competencia nas concesións litorais a "por exemplo, empresas papeleiras"

Fábrica de Ence en Pontevedra nunha concesión de terreos do dominio público marítimo-terrestre © Ence

A Comisión di que a Lei de Costas permite outorgar concesións ou amplialas “sen procedemento de selección aberto e transparente”, polo que “infrinxe a Directiva de servizos” de 2006 que vela polo mercado único europeo

A Comisión Europea vén de abrir este mércores 24 procedementos de infracción contra varios estados membros por “infrinxir” a lexislación comunitaria en materia de libre circulación de servizos e competencia no mercado único europeo, a denominada Directiva de servizos de 2006. Entre eses procedementos informa dun contra España porque a Lei de Costas non garante “un procedemento de selección aberto e transparente” para o outorgamento de concesións no litoral ou a prórroga das mesmas a “por exemplo, restaurantes, agrogranxas, empresas papeleiras ou químicas”. 

Sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

A decisión da UE, que non cita expresamente o caso de Ence, chega despois de que a propia Comisión Europea xa advertise hai dous anos ao PP, tras unha pregunta sobre a papeleira pontevedresa, que as concesións e prórrogas debían respectar a Direcctiva de servizos, que esixía un proceso aberto de selección. 

Agora o procedemento de infracción iníciase unha semana despois de que o Tribunal Supremo avalase a ampliación da concesión a Ence outorgada en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy con amparo na anterior versión da Lei de Costas, similar á actual no que respecta aos procedementos para outorgar concesións ou prórrogas, non así no que afecta aos prazos das mesmas. Pola súa banda, a Xunta está a tramitar unha lei do litoral de Galicia coa que quere ser ela a encargada de outorgar e xestionar esas concesións ao tempo que defende a permanencia no tempo de todo tipo de construcións xunto ao litoral.

Segundo o divulgado este mércores pola Comisión Europea, esta decidiu “incoar un procedemento de infracción contra España por non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras”. Segundo di o Executivo comunitario, “a posibilidade de prorrogar as concesións existentes por un período de ata setenta e cinco anos sen xustificación é contraria ás normas da UE”.

Comunicado da Comisión Europea sobre o procedemento de infracción contra España CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión inicia o procedemento de infracción “para garantir a correcta aplicación das normas destinadas a lograr o bo funcionamento do mercado único de servizos”

A Comisión Europea explica que a Lei de Costas española “prevé a posibilidade de adxudicar ‘concesións’ (‘autorizacións’ no sentido da Directiva de servizos) para construír locais permanentes (por exemplo, restaurantes, agrogranxas, empresas papeleiras ou químicas, etc.) no denominado ‘dominio público marítimo-terrestre’, fóra dos portos, sen levar a cabo un procedemento de selección aberto e transparente”. A Comisión tamén salienta que a lei española “permite ampliar a duración de tales concesións por un período de ata 75 anos, unha vez máis sen procedemento de selección algún”, polo que conclúe que “esta Lei infrinxe a Directiva de servizos”, que data de 2006.

Segundo a UE, o procedemento de infracción ábrese “para garantir a correcta aplicación das normas destinadas a lograr o bo funcionamento do mercado único de servizos”, ante o que a Comisión “está decidida a utilizar todas as ferramentas dispoñibles para seguir eliminando os obstáculos aos que se enfrontan as empresas”, que “impiden que o mercado único de servizos desenvolva todo o seu potencial”.

A decisión da Comisión Europea chega despois de que en 2021 se reformase parcialmente a Lei de Costas para reducir prazos das concesións costeiras pero non o seu procedemento de solicitude ou prórroga agora posto en dúbida. Ese procedemento sen posibilidade de concorrencia doutras empresas foi o empregado polo Goberno de Rajoy para prorrogar a concesión de Ence na ría de Pontevedra 60 anos, ata 2073, decisión avalada a pasada semana polo Tribunal Supremo co argumento -á espera de que se faga pública a sentenza- de que contaba con informes ambientais favorables.

A Comisión Europea non aclara a disposición legal concreta que pon en dúbida nin cita ningún caso concreto de concesión costeira, pero si pon o exemplo de “empresas papeleiras”, sector no que o caso de Ence e a súa polémica concesión na ría de Pontevedra é único a nivel estatal.

Resposta de hai dous anos da Comisión Europea lembrando a Directiva de servizos a unha pregunta do PP que se interesaba polo caso de Ence CC-BY-SA Praza Pública

Hai dous anos a Comisión, en resposta a unha pregunta do PP polo caso de Ence, xa salientaba que as concesións deben respectar a Directiva de servizos, cun "procedemento de selección entre varios posibles candidatos" e un límite da súa duración

Por outra banda esta decisión da Comisión Europea chega despois de que hai dous anos ela mesma lembrase, ante unha pregunta do eurodeputado pontevedrés do PP Francisco Millán Mon que se interesaba polo caso concreto de Ence, que as concesións no litoral non poden ser ilimitadas. Naquela resposta oficial adiantada por Praza.gal a Comisión Europea xa avanzaba que de acordo coa súa Directiva de servizos que agora vé vulnerada para o outorgamento de concesións no litoral "debe adoptarse un procedemento de selección entre varios posibles candidatos e debe limitarse debidamente a duración da autorización concedida". Tamén dicía que a renovación ou prórroga das concesións "pode non estar aberta á renovación automática, a fin de garantir a igualdade de trato dos provedores de servizos, e de promover a innovación e a competencia leal".

Agora, tras o inicio dos procedementos de infracción decidido este mércores, os estados afectados teñen dous meses para dar explicacións á Comisión antes de que esta decida se continúa cos mesmos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.