O chamamento galego "a baleirar de competencias a Madrid" fai 25 anos entre riscos de recentralización

Constitución do Parlamento da cuarta lexislatura, o 16 de novembro de 1993 © Parlamento de Galicia

Na apertura da cuarta lexislatura galega o daquela presidente do Parlamento considerou que "non sería arriscado dicir, sen quen ninguén se escandalice, que vai sendo hora de baleirar de competencias a Madrid en beneficio das comunidades autónomas"

O 27 de novembro de 1993, hai agora vinte e cinco anos, os xornais galegos recollían imaxes e verbas da sesión solemne de apertura da cuarta lexislatura autonómica, que botara a andar coas eleccións nas que o PP de Manuel Fraga ampliara o seu dominio cunha esmagadora maioría absoluta -52% dos votos e 43 escanos tras a reforma electoral que puxo máis barreiras a formacións minoritarias-. O encargado de abrir o novo período lexislativo fora o presidente da Cámara, o xa falecido Victorino Núñez, quen lanzara no seu discurso un alegato a prol do incremento do autogoberno que, un cuarto de século despois, contrasta notablemente co discurso oficial da dirección do PP, que clama xa abertamente pola recentralización do Estado.

Núñez, antigo membro de Centristas de Ourense e Coalición Galega -a súa saída da presidencia da Deputación ourensá cara ao Parlamento propiciara en 1990 a chegada de José Luis Baltar ao poder provincial-. Nun clima marcado pola incipiente crise económica o xefe do lexislativo explicara, entre citas de Alexandre Bóveda sobre a necesidade da "autonomía económica", que "non sería arriscado dicir agora que sopran xa aires federalizantes sen que ninguén se escandalice" que "vai sendo hora de comezar a baleirar de competencias a Madrid en beneficio das comunidades autónomas". 

"O aumento de teito competencial deberíase completar cunha auténtica fervenza descentralizadora", sinalara o xefe do lexislativo galego en 1993

Despois de que, na década anterior, o propio Parlamento aprobase as leis para despregar algunhas das competencias básicas da autonomía a partir dos traspasos competenciais aprobados polos gobernos de España da UCD -á que el pertencera- e o PSOE, Núñez sinalara que "o aumento do teito competencial, que a experiencia aconsella e a eficacia demanda", deberíase "completar cunha auténtica fervenza descentralizadora, transferindo competencias cara a abaixo, aplicando o principio de subsidiaridade e tratando de conseguir obxectivos mesmamente impostos polo sentido común", isto é, "achegar a Administración aos administrados para gañar en eficacia" e evitar "duplicidades" priorizando a autonomía.

Naquel ano, electoral en Galicia e en España, a Xunta non recibira ningunha competencia. Si o fixo nos seis seguintes, cando tanto o derradeiro goberno de González como o primeiro de Aznar estiveron aguilloados polo PNV e Convergència i Unió, que reclamaron descentralización a cambio dos seus votos no Congreso, transcendentais para a gobernabilidade. 

Vinte e cinco anos despois o argumentario do novo PP de Pablo Casado aposta abertamente pola recentralización; tras dez anos sen novas competencias, o reto máis inmediato para Galicia é o debate do traspaso da AP-9

Vinte e cinco anos despois aquel discurso de Victorino Núñez, encadrado en boa medida na defensa da "xanela única" da Administración sobre a que teorizara o propio Fraga, dificilmente encaixa no argumentario oficial do novo PP de Pablo Casado. Aínda máis atenuado por estar fóra da convocatoria electoral autonómica do vindeiro maio, tamén na política galega ecoan as proclamas recentralizadoras de Casado. A máis recente vai ligada ao anuncio dunha proposición de lei no Congreso "para que as competencias educativas sexan de ámbito nacional", isto é, para retirar esta competencia da Xunta e do resto de gobernos autónomos, que ficarían como meros "xestores" das directrices do Goberno de España, ao que Casado denomina neste caso "Estado".

Este, previsiblemente, será o discurso que despreguen os populares o vindeiro 11 de decembro no propio Congreso cando chegue o agardado debate sobre o traspaso a Galicia das competencias sobre a autoestrada AP-9, reclamación que chegou ás Cortes avalada pola unanimidade de todos os grupos do Parlamento galego. No caso de que o PSOE si vote a prol e, daquela, a lei saia aprobada por xuntar votos dabondo, o traspaso da AP-9 sería o primeiro incremento competencial para Galicia en dez anos. A "fervenza" de autogoberno que reclamaba Victorino Núñez naquel novembro de 1993 leva seca dende 2008.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.