0 Gardados para despois

O PP esixe acelerar a transferencia da AP-9 que Rajoy mantivo vetada dous anos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Goberno de España levantou o pasado xullo o veto a que o Congreso dos Deputados debatese a lei enviada dende o Parlamento de Galicia co apoio de todos os grupos para traspasar á Xunta as competencias sobre a autoestrada AP-9. A Cámara galega tivo a pasada semana coñecemento formal dun trámite co que o Executivo que preside Pedro Sánchez daba vía libre de vez ao texto remitido dende o Pazo do Hórreo na primavera de 2016 e que o Goberno de Mariano Rajoy comezou a boicotear cando estaba en funcións, en outubro daquel mesmo ano. O gabinete do PP aínda imporía dous vetos máis: a outra lei remitida dende o Parlamento galego e a unha proposta no mesmo sentido formulada por En Marea no propio Congreso.

Dous anos e innumerables acontecementos políticos e parlamentarios despois -entre eles, un duro informe dos letrados do Congreso que desmontaba o procedemento utilizado para este e outros vetos- o bloqueo á lei xa non existe e a esixencia de présa en que sexa tramitada segue a chegar dende formacións como En Marea e o BNG, pero tamén pola banda do PP. Dez anos despois das, ata agora, últimas transferencias de competencias do Goberno central ao galego, os conservadores galegos instan o Executivo do PSOE a activar xa os "mecanismos" que "permiten que o Estado e a Xunta comecen a facer negociacións" que "despois poidan ter reflexo nas emendas que os grupos parlamentarios no Congreso presenten á proposición de lei remitida polo Parlamento galego", acelerando así o proceso.

O texto desbloqueado é o primeiro que remitiu o Parlamento galego, que incluía unha referencia a un eventual rescate da autoestrada

O procedemento neste caso é clave. Tanto como despexar a incógnita sobre se os socialistas darán ou non o seu voto afirmativo á lei do traspaso no Congreso. A lei desbloqueada polo departamento que agora dirixe a vicepresidenta Carmen Calvo é a primeira remitida polo Parlamento galego, non a segunda. É dicir, a consensuada por todos os grupos a partir dunha proposta inicialmente formulada polo BNG. Aquel texto incluía unha disposición adicional cunha referencia a un hipotético rescate da concesión da autoestrada: se, eventualmente, a Xunta decidise retirarlle a AP-9 a Audasa, sería o Estado o que pagaría a compensación que correspondese porque foi o Estado o que no seu momento aprobou a concesión, viña dicir a lei.

Primeiro veto do Goberno de Rajoy á lei galega, formulado en outubro de 2016 con cálculos económicos erróneos / Praza Pública

Todo semella indicar que se finalmente o PSOE vota "si", a lei aprobada será máis semellante ao segundo texto enviado polo Parlamento, sen referencia ao hipotético rescate da concesión

Esa disposición sobre un hipotético rescate foi unha das escusas empregadas polo Goberno de Rajoy para vetar a lei. Ese rescate, alegaba, custaría máis de 4.000 millóns de euros que o Estado non podía asumir cos orzamentos do ano en curso -daquela, 2016-. Como informou este diario, eses 4.000 millóns eran froito dun cálculo económico erróneo que inchaba o valor real da autoestrada, incluído nun informe oficial que daba por feito nese mesmo ano un rescate que, segundo o texto da lei, podería producirse ou non -dependería dunha decisión política da Xunta negociada co propio Estado-.

Neste contexto, todo semella indicar que se finalmente o PSOE dá o seu "si" á lei galega no Congreso -segundo avanzou a axencia Europa Press, ese debate podería producirse nas Cortes o vindeiro novembro- o proceso de emendas fará que a primeira versión da lei acabe sendo máis ben parecida á segunda, na que os grupos galegos decidiron, orientados polos servizos xurídicos do Parlamento galego, eliminar a referencia á hipótese do rescate para así evitar receos pola banda do Goberno de España. De chegar a ese punto, unha vez aprobada a lei da transferencia o asunto pasaría á comisión mixta Galicia-Estado, onde ambas Administracións terían que acordar os termos exactos do traspaso, o calendario e os seus custos. De producirse sería a primeira transferencia de competencias ao Goberno galego dende o ano 2008.

Documento que confirma o desbloqueo da lei galega por parte do Goberno de Sánchez / Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.