O goberno de Santiago cifra en 3 millóns o custo das sentenzas por decisións de anteriores mandatos

Parcela de depósito de vehículos da antiga concesionaria da ORA e do guindastre, cuxas dimensións están na orixe da anulación da adxudicación © Concello de Santiago

Arredor de 3 millóns de euros. É o impacto que, segundo os cálculos do goberno local de Santiago, tiveron xa nas súas arcas  as sentenzas xudiciais ditadas durante este período municipal contra decisións de mandatos anteriores. A máis recente, unha indemnización de 620.000 euros á empresa adxudicataria da ORA e do guindastre no ano 2012, é para o gabinete que encabeza Martiño Noriega a tradución a euros da "incorrecta adxudicación" do contrato deste servizo en tempos do PP. Mentres, dende a oposición municipal atribúena a unha mala xestión do goberno de Compostela Aberta durante o proceso de municipalización do servizo, que culminou o pasado 2018.

O tribunal sentenciou que o Concello compostelán debe indemnizar con 620.000 euros á empresa Doal, do grupo Véndex, tras a anulación en 2015 da adxudicación da ORA de 2012

A empresa que recibiu a concesión da ORA e do guindastre foi Setex Aparqui. Foi adxudicada a comezos de 2012, xa co popular Gerardo Conde Roa na alcaldía, para culminar un proceso administrativo que comezara en 2011, aínda no mandato do socialista Xosé Sánchez Bugallo. Pero contra aquela adxudicación reclamou unha empresa que pouco despois sería habitual dos titulares da prensa por motivos ben diferentes: Doal, compañía do grupo Véndex, considerada cerna da trama Pokémon segundo a investigación do caso.

Antes da contratación Doal advertiu por escrito ao consistorio compostelán de que a parcela proposta por Setex como depósito de vehículos do guindastre non tiña as dimensións ofrecidas pola empresa para cumprir co concurso -faltábanlle 67 metros- e que, daquela, non cumpría o prego de condicións. Pero a mesa de contratación desbotou esa advertencia, Setex gañou o concurso e Doal levou o conflito ata o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en outubro de 2015 lle deu a razón e anulou a concesión.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, flanqueado por Rubén Cela (BNG) e Francisco Reyes (PSdeG) durante un pleno infantil da corporación © Concello de Santiago

Interpretacións políticas dispares

É neste punto onde difiren as interpretacións políticas e administrativas dos grupos da oposición e do actual goberno local, que tras a anulación da adxudicación en 2015 decidiu emprender a municipalización. O equipo de Noriega subliña que a asesoría xurídica municipal indicou tras a sentenza que non existía a obriga de dar o contrato á filial do grupo Véndex, empresa que emprendeu un novo litixio. 

O goberno local subliña que a orixe do pagamento a Véndex está na "adxudicación irregular xa advertida" en 2012, mentres que a oposición a atribúe a unha mala xestión do proceso de municipalización da ORA e do guindastre

Esoutro proceso xudicial rematou en 2017 noutra sentenza do TSXG, que instou o consistorio a adxudicar a Doal cando xa tiña en marcha a municipalización e o servizo, prorrogado. Daquela o procedemento, lembran ademais fontes municipais, estivo atrancado porque a documentación do contrato de 2012 estaba nos xulgados de Lugo, incautada polos investigadores da trama Pokémon. Así e todo, o Concello "tentou" adxudicar o servizo, pero Doal dilatou os tempos. "Non quixo asumir a xestión", relatan.

No mesmo 2017, non obstante, o propio Tribunal admitiu que non era posible executar a súa propia sentenza porque xa transcorreran os anos do contrato e as súas prórrogas. A esas "dez prórrogas", precisamente, alude dende a oposición o BNG local para sinalar o goberno de Compostela Aberta como responsable de ter que indemnizar a Doal. "Se en 2015 executasen aquela sentenza, hoxe non habería que indemnizar esta empresa", afirma o edil Rubén Cela. O alcalde, pola súa banda, cre "moi curioso" que "teñan a inconsciencia de tentar xogar ao despiste e dicir que o problema foi proceso de municipalización e non a adxudicación irregular xa advertida" en 2012.

Estrutura do que ía ser o novo parque de bombeiros de Santiago, cuxa construción nunca rematou CC-BY-SA Praza Pública

Outras sentenzas con impacto nas arcas públicas

Se non prospera o recurso do Concello contra a sentenza que o obriga a indemnizar a Doal con 620.000 euros -576.000 deles polo "lucro cesante", o que deixou de gañar pola adxudicación de 2012, irregular segundo o TSXG- este importe engadirase ao doutros ditames xudiciais que afectaron o consistorio da capital galega nos últimos anos. 

O consistorio tivo que pagar 1,5 millóns á construtora Extraco polo acordo de 2008 sobre o edificio do parque de bombeiros que nunca chegou a ser rematado

O máis cuantioso, de 1,5 millóns de euros, foi para compensar a empresa construtora do parque de bombeiros de Salgueiriños, obra que apenas pasou do esquelete do edificio polo desvío dos seus custos. O Concello acordara esa compensación coa construtora Extraco en 2008, pero non chegara a pagar. Tampouco o fixo o gabinete do PP e unha sentenza de 2016 obrigou ao pagamento.

Dunha contía semellante á indemnización á empresa da ORA foi a compensación que outro xulgado decidiu que lle correspondía a Tralusa, a empresa do grupo Monbus responsable do transporte urbano, que reclamara ao non estar conforme cos importes fixados para calcular o custo do combustible dos autobuses entre 2007 e 2011. Segundo destacou o Concello esta semana, as sentenzas ditadas en 2016 o Concello santiagués implicaron pagar uns 600.000 euros adicionais. Fontes municipais agregan que outras dúas sentenzas correspondentes aos anos 2013 e 2014 suman 330.000 euros máis para Tralusa, compañía que, vén lembrando a oposición, segue a prestar o servizo mediante prórrogas tras a finalización do correspondente contrato polo atraso da nova concesión.

O Concello compostelán recordaba tamén esta semana que en 2016 chegaron dúas sentenza máis, nas que dous xulgados da cidade condenaron o Concello a devolver uns 395.000 euros, xuros incluídos, a dúas empresas inmobiliarias pola paralización dunhas obras no barrio do Castiñeiriño. Ambas sentenzas consideraran que a empresa municipal Emuvissa "incumpriu a obriga contractual" de urbanizar as parcelas "nun prazo razoable", polo que o xulgado atendeu a reclamación de resolver os contratos de compra dos predios asinados en 2010 e condenar o consistorio a devolver os cartos.

Conflito aberto co Adif cuns 10 millóns en xogo

Dende o Pazo de Raxoi advirten ademais de que a factura dos devanditos 3 millóns de euros derivados de sentenzas contra decisións orixinarias noutros mandatos aínda pode dispararse máis. Sucederá se o Goberno de España non accede a frear o proceso xudicial no que reclama uns 7 millóns de euros máis xuros polo incumprimento do convenio ligado á construción do viaduto ferroviario de Cornes. 

O pacto, asinado en 1998, prevía que o Adif puidese desenvolver usos lucrativos -como comerciais ou de vivenda- en terreos da contorna das vías, preto da estación do tren santiaguesa. Para que isto sucedese, cumprían modificacións urbanísticas e outros procesos que nunca chegaron. Os usos lucrativos nunca se produciron e o ente estatal entende que, daquela, é o Concello o que ten que asumir o custo do viaduto cun montante total que, contando xuros, roldaría os 10 millóns. O consistorio discrepa no litixio tanto da argumentación como dos custos aludidos polo Adif.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.