O PP certifica que a Xunta non rehabilitará o pazo de Lourizán se non é controlado por ENCE

Cargos da Xunta a visitar o Pazo de Lourizán, nunha imaxe de arquivo © Xunta

En febreiro de 2017 a sede da Deputación de Pontevedra acolleu unha xuntanza pouco habitual. O vicepresidente da Xunta e líder do PP na provincia, Alfonso Rueda, e mais a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, reuníronse cos responsables do goberno provincial para tentar convencelos de que cedesen o histórico pazo de Lourizán a ENCE. Tratábase de que o gabinete que encabeza a socialista Carmela Silva en coalición co BNG cedese o emblemático edificio para que a pasteira instalase alí un centro tecnolóxico e, a cambio, o rehabilitase. A Deputación retrucou que estaría disposta a "colaborar" coa rehabilitación do degradado espazo, pero coa Xunta e non con ENCE. Un ano despois, o PP certifica que a Xunta non realizará actuación ningunha se non é da man da empresa.

Esta semana, máis dun ano despois daquel desencontro institucional, o asunto regresou ao Parlamento da man do PSdeG, que a través dunha iniciativa da deputada Patricia Vilán reclamaba á Xunta a rehabilitación do inmoble en cumprimento da lei de patrimonio. O pazo é propiedade da Deputación, pero a Xunta ten o dereito de usalo en virtude dun convenio asinado en 1991, actualizado no 2000 e quenon remata ata 2021. Ese convenio, resaltou Vilán, "establece literalmente que as obras de conservación da zona nobre do conxunto de Lourizán corresponde á Xunta". Pero o Goberno galego, lamenta, opta por "escaquearse" e gañar tempo ata a fin do convenio.

O pasado ano a Xunta intercedeu por ENCE ante a Deputación de Pontevedra para pedir a cesión do pazo

A resposta ás peticións socialistas chegaron da man do deputado e voceiro do PP no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira, quen deixou claro que non existirá rehabilitación se non é con ENCE. "A culpa de que ese pazo non estea recuperado" é dos socialistas, acusou, porque "dende o Goberno da Deputación rexeitaron o proxecto de rehabilitación proposto pola Xunta" a través do "pacto asinado coa empresa ENCE". O acordo coa pasteira, mantén Moreira, era "bo economicamente, bo tecnicamente, bo en canto á axilización de prazos e bo para a Administración pública, que en ningún caso perdía a titularidade do edificio".

O PSdeG insta o Goberno a rehabilitar o histórico edificio en virtude da lei de patrimonio e os populares deixan claro que non o fará se non é da man da pasteira

Como en anteriores intervencións públicas Moreira asegura que a negativa de PSdeG e BNG a ceder o pazo a ENCE provocu a perda de 10 millóns de euros, "cinco para a rehabilitación e outros cinco para proxectos de investigación". O "pacto" aludido polo parlamentario e edil é o asinado pola pasteira coa Xunta despois de que o Goberno de España prorrogase o permiso para que a factoría continúe á beira da ría de Pontevedra ata finais de 2073. No apartado destinado á creación dun "centro de investigación" e "fixar a súa sede mediante rehabilitación de edificio ou construción dun de nova planta", a empresa inclúe o compromiso de investir 5,6 millóns de euros e non fai referencia a ningunha cantidade adicional.

Neste sentido, Vilán resalta ademais que as actuacións necesarias en Lourizán son moito máis custosas. O servizo de arquitectura da Deputación, salienta, "estima en 14 millóns de euros" o custo da actuación. A deputada socialista advirte de que tras anos de abandono o edificio está nun "estado lamentable, con varias zonas nas que non se pode garantir a súa seguridade estrutural", algunhas "invadidas pola maleza" e partes da cuberta "a caer". "A estrutura nalgún momento vai caer e non é responsabilidade da Deputación", asegura nun contexto no que, advirte, "alguén que teña interese pode acudir aos tribunais" para forzar a Xunta a cumprir a lei de patrimonio e rehabilitar o pazo.

Jacobo Moreira (PP) e Patricia Vilán (PSdeG) © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.