A dirección dos institutos públicos de secundaria aos que están adscritos os privados seguirá supervisando xestións destes, cuxa liberdade non é “ilimitada” segundo lembra o alto tribunal
Os centros privados galegos que imparten bacharelato e educación secundaria obrigatoria seguirán estando tutelados pola Xunta -a través dos centros públicos aos que están adscritos- para decisións administrativas como o cambio de modalidade ou itinerario educativo ou a anulación dunha matrícula. Así o vén de establecer o Tribunal Supremo nunha sentenza do 1 de febreiro na que desestima un recurso de dúas organizacións de centros privados galegos, aos que lembra que “nos atopamos ante o potente interese público que late no servizo público educativo, e que determina que haxa de ponderarse a necesidade de establecer mecanismos de enlace e coherencia nos centros da zona”. Unha sentenza que chega tras as críticas dos centros privados e a dereita contra a nova lei educativa estatal por supostamente poñer fin á liberdade de ensino.

Foron a Federación de Centros Educación e Xestión da Comunidade Autónoma de Galicia (Escolas Católicas) e a Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado (CECE Galicia) as que recorreron á xustiza para que anulase a obriga de que as decisións das direccións dos centros privados sobre o cambio de modalidade ou itinerario do seu alumnado ou a anulación de matrícula do mesmo deban ser ratificadas pola dirección do instituto público de educación secundaria ao que estean adscritos.
En maio de 2019 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso dos centros privados, pero estes recorreron ante o Tribunal Supremo, que admitiu a cuestión a trámite para analizar, como elemento de interese casacional, “se en Galicia o control por parte das persoas directoras dos institutos de educación secundaria de titularidade pública, na supervisión das decisións académicas, vulnera os dereitos e as facultades dos directores dos centros de titularidade privada”. E a conclusión á que chega o Supremo é que “a intervención do director do centro público” en relación á anulación de matrícula ou cambio de itinerario no centro privado “garda máis relación coa xestión que coas funcións académicas e coa autonomía pedagóxica, que non resultan limitadas”.
O Tribunal Supremo lembra que "o dereito á educación, en xeral, e o dereito á creación de centros coas facultades de dirección que iso comporta, en particular, non son dereitos absolutos nin ilimitados”
Pero o Supremo vai máis alá e lembra que “o dereito á educación, en xeral, e o dereito á creación de centros coas facultades de dirección que iso comporta, en particular, non son dereitos absolutos nin ilimitados”. Sobre esa dirección de centros docentes, a sentenza engade que “non pode descartarse, con carácter xeral e en todo caso, a intervención da Administración, toda vez que o exercicio da liberdade de creación de centros docentes ten o que o Tribunal Constitucional denomina unha ‘limitación adicional’ que impoñen principios constitucionais, como os do título preliminar da Constitución (liberdade, igualdade, xustiza, pluralismo, unidade de España, etc.)”.
O alto tribunal considera que o que fan as determinacións da Xunta “é propiciar a coordinación entre os centros” e “non superaron o limiar que establecen os principios de adecuación e proporcionalidade para establecer unha limitación ao dereito de dirección que, como xa sinalamos, non é ilimitado”. É nese punto no que o Supremo salienta o “potente interese público” da educación que permite á administración establecer mecanismos de coordinación “evitando disfuncións nocivas para o recto funcionamento do sistema educativo en xeral”.