Os ecogaleguistas piden ás forzas do novo proxecto común "un compromiso público de cara ás eleccións"

Chus Bóo, nun acto público de Ecogaleguistas © Praza Pública

Os Ecogaleguistas apostan forte polo que xa se denomina como Novo Proxecto Común (NPC) do galeguismo. O encontro prográmatico deste espazo, Novas ideas para o século XXI, celebrado en Oleiros o pasado sábado, abordou "a construción do novo referente político común da esquerda nacional e do galeguismo político", pero non co obxectivo de conformarse como partido, senón co de "diluírse nun novo proxecto único que vaia do galeguismo ao soberanismo". 

"O obxectivo non é ser un partido, senón diluírnos dentro dun proxecto común"

Para Manuel Dios, coportavoz da corrente, o obxectivo é claro: "construír un referente amplo que non se limite aos marcos político-culturais do anterior  nacionalismo galego, conformar un proxecto para o século XXI, desde o galeguismo até o soberanismo altermundista e lograr que todos nos disolvamos nunha forza de novo tipo para mellorar as condicións de vida da xente, que é o verdadeiramente importante". "Non queremos ningunha fronte, senón unha forza de novo tipo, renovadora nas formas, na metodoloxía e no programa. Non nos sentimos herdeiros nin condicionado por experiencias anteriores", insiste Dios, que empraza "a esas forzas que se manifestan a prol dun NPC", ao igual que a resolución aprobada o sábado, "a facer un compromiso público o máis urxente posible ante a cidadanía para pular por unha candidatura unitaria nas vindeiras eleccións". Fala, nomeadamente, de Encontro Irmandiño, Máis Galiza e a corrente Acción Galega, pero "sen excluír a ningunha outra".  

O obxectivo é dar resposta a esa xente que "demanda novas políticas, necesariamente radicais no político pero non dogmáticas no ideolóxico". Nese camiño conxunto, os Ecogaleguistas reclaman "unha metodoloxía conxunta". "Non ten sentido que Encontro Irmandiño ou Máis Galiza fagan as súas asembleas; debemos poñernos de acordo para camiñar nun proxecto común e facelo de abaixo a arriba e de arriba a abaixo", insiste Dios, que destaca que o proceso constituínte do Espazo Ecogaleguista rematará o 26 de maio, logo de aprobar uns documentos fundamentais que seguen abertos a novas achegas. O documento base, elaborado coa participación de varias ducias de persoas, consta de 100 folios estruturados en 5 bloques temáticos e un epilogo.

Durante o acto do pasado sábado interviu a ex-conselleira de Vivenda, Teresa Taboas, que feliciotu a Ecogaleguistas polo traballo de elaboración de ideas feito e salientou que “acudia ao acto xa que o que lle interesa son os problemas da xente”, problemas que hai que “abordar con perspectivas novas” e tal como fai Ecogaleguistas “oucpados na elaboración de propostas e ideas”.

 

Chus Bóo, nun acto público de Ecogaleguistas © Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.