Pokémon rompe: o caso que convulsionou a política galega encamíñase a unha trintena de incertos xuízos

Imaxe do edificio que acolle os xulgados de instrución de Lugo CC-BY-NC-SA Praza Pública

Xa pasaron máis de sete anos dende que a ata agora titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, lanzara a operación que convulsionou a política galega, que levou por diante cargos de signo político diverso e pola que aínda non houbo condena ningunha, porque aínda non se celebrou xuízo ningún. É o caso Pokémon, a trama de presunta corrupción ligada a contratos públicos cuxa peza central, a ligada á empresa de servizos Véndex, ten agora ante si unha petición da Fiscalía que, de prosperar, levaráo a ser dividido en máis dunha trintena de pezas a repartir por xulgados de toda Galicia.

A Fiscalía pide nun escrito remitido á xuíza, a piques de perder a praza en Lugo pola sanción do Poder Xudicial, que forme ata 32 pezas separadas co asunto central da presunta trama corrupta

Poucos días antes de que o Supremo denegase a suspensión cautelar da sanción que lle impuxo o Consello Xeral do Poder Xudicial -o seu avogado declaraba esta semana a súa intención de chegar a instancias europeas para procurar evitala-, que implica perder a praza no xulgado lucense, á súa mesa chegou un escrito do Ministerio Público a respecto dunha das pezas clave do caso. A mesma mesma que De Lara creou en 2014 para agrupar todas as acusacións vinculadas a Véndex e que tentou, sen éxito, trasladar á Audiencia Nacional en 2015, onde foi rexeitada en 2018.

No escrito remitido pola Fiscalía, datado no pasado 17 de xaneiro e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o fiscal Manuel Lamas argumenta en catro páxinas as razóns polas que, ao seu xuízo, cómpre dividir unha causa que, no caso de chegar a ser axuizado sen arquivos previos, daría lugar a un macroxuízo con máis de duascentas persoas no banco dos acusados. "Tal e como fixo" a propia De Lara con "outros asuntos" da operación, esgrime, "é procedente enviar cada asunto ao lugar onde se cometeu o feito" presuntamente delitivo.

A xuíza Pilar de Lara, nunha imaxe de arquivo da TVG © TVG

No caso galego, indica o escrito, os "distintos contratos e adxudicacións" do grupo Véndex nos que Pilar de Lara considera que existiron presuntos delitos de empresarios, políticos e funcionarios "non terían máis relación entre si" que "a existencia dalgúns imputados comúns" e nin sequera "en todas elas, senón nalgunhas". Ademais, "nin os procedementos son idénticos entre si, nin as autoridades coinciden" e "tampouco é o mesmo acordo" o que derivou "en cada unha das operacións supostamente delitivas".

O Ministerio Público non ve "xustificado" manter unha única causa que derivaría nun xuízo "cuns 250 acusados" sen conexión entre si

É neste punto no que a Fiscalía, como xa fixeran noutrora outros representantes do Ministerio Público, do Poder Xudicial e da Avogacía, censura implicitamente o xeito de proceder da xuíza. "Non está xustificada" a conexión entre presuntos delitos que "xustifique o seu axuizamento conxunto". Ou, o que é o mesmo, non hai razóns para poder chegar a "celebrar un xuízo oral único no que figurarían uns 250 acusados" por asuntos "tan diversos" como a adxudicación dun servizo de guindastre nunha localidade, presunto uso de información privilexiada noutra ou outorgamento dun contrato de limpeza noutra distinta, exemplifica. De facelo, agrega, daríanse situacións "absurdas" como que "se axuícen na Audiencia de Lugo o contrato da ORA de Ourense ou da Coruña".

Trinta e dúas pezas diferentes

Só para Galicia -hai pólas do caso Pokémon que chegan a Catalunya e Balears-, a Fiscalía pide a formación de ata trinta e dúas pezas diferentes das que só unha atinxiría a Lugo, a vinculada a presuntas irregularidades na adxudicación da ORA e do guindastre, a única na que segue imputado o ex-alcalde Xosé López Orozco tras ser absolto noutras pezas. Segundo a información á que tivo acceso Praza.gal, o reparto que realiza a Fiscalía a partir das acusacións sinaladas por De Lara de 2012 a 2015 en diferentes fases do caso do caso sería, por orde alfabética, o seguinte:

Para o fiscal, resulta claro que "se trata de asuntos que non están relacionados entre si dende un punto de vista lóxico argumental" e tampouco "dende unha perspectiva procesual". As autoridades ás que a xuíza acusa non teñen "ningunha relación" e "só habería certa identidade, pero non total, na empresa ou grupo de empresas" supostamente implicadas. "Estamos falando dunha causa que no seu conxunto tería máis de 250 imputados", pero "a maioría deles non están en todos os asuntos" e "non hai unha soa persoa que estea imputada en todos os apartados".

A Fiscalía ve "febles" as conexións que establece De Lara para manter a causa unida e cre que "non xustifican o axuizamento conxunto"; só unha das pezas ficaría en Lugo

Nesta liña, abonda, unicamente existe unha persoa, o que fora delegado de Véndex en Galicia, José María T., que "figura implicado na maior parte" pero "non en todos". E ademais, abonda, "cada un dos asuntos ten unha trama independente" sen "conexión coas demais", nalgúns "aparecen só dúas ou tres persoas imputadas" e noutras, máis de corenta. Este, vén censurar, é o escenario no que a xuíza estableceu unha "feble e parcial conexión" que "non xustifica en absoluto o axuizamento conxunto", porque sería tanto como admitir que un único órgano xudicial "coñeza de asuntos para os que carece de competencia" nunha "soa vista de extensión desmesurada".

Decisión do Xulgado Decano, tamén en Lugo

Esta petición, case sete anos despois, acrecenta as posibilidades de que as persoas acusadas poidan alegar defectos nos procedementos, dilacións indebidas ou prescricións

Por todo isto, o fiscal reclama a formación das devanditas trinta e dúas causas e, unha vez formadas, que sexan remitidas ao Xulgado Decano de Lugo "para o seu reparto entre os xulgados de instrución de Lugo", que á súa vez sexan os que decidan "sobre a competencia e sobre outras eventuais cuestións". Neste sentido, o Ministerio Público lembra un auto da Audiencia de Lugo no que, en xaneiro de 2018, advertiu de que ao "achar un novo feito delitivo non conexo, o xulgado de instrución non pode realizar ningún tipo de investigación, senón simplemente" remitilo ao Xulgado Decano "para que este o reparta" e o asuma "o xuíz determinado por reparto" para decidir se é da súa competencia ou ten que remitilo a outro lugar.

Envíos de cartos da empresa Véndex, nunha imaxe tomada por investigadores do caso © Vixilancia Aduaneira / Sumario do caso

Esta petición da Fiscalía chega cando medran as posibilidades de que Pilar de Lara teña que abandonar o xulgado de instrución número 1 de Lugo, polo que non é descartable que sexa a persoa que a substitúa -se a sanción acaba prosperando, como todo semella indicar que acontecerá- a que resolva ao respecto. Se a peza central de Véndex é distribuída en trinta casos diferentes, cada unha correría unha sorte distinta e medrarían as posibilidades das persoas acusadas á hora de alegaren defectos procedimentais, dilacións indebidas e prescricións de presuntos delitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.