Pontón erixe o BNG en "goberno alternativo" e ofrece acordos en sanidade, vivenda, enerxía e "rexeneración democrática"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, intervindo no seu discurso no debate de investidura de Rueda, este 11 de abril © Parlamento de Galicia

"Traballar a prol de Galiza, a prol dos galegos e galegas pensen como pensen, votasen o que votasen e vivan onde vivan". Ana Pontón estreou este xoves, no seu discurso de resposta á candidatura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, o seu rol como voceira do grupo máis amplo da historia do BNG. E fíxoo procurando combinar o ton de oposición coa promesa de actuar como "goberno alternativo".

Para a portavoz nacional do Bloque, á súa formación correspóndelle achegar ao debate parlamentario e á política galega da nova lexislatura as correspondentes doeses de "realidade" fronte á "demagoxia" do PP. Dende cuestións concretas como a xestión económica ou a política lingüística a, en xeral, a tendencia que observa nos conservadores de limitarse a "arremeter contra quen non pensa coma o PP".

Treitos da intervención de Ana Pontón no debate de investidura, este 11 de abril CC BY-NC-SA Praza.gal

Neste sentido, tras o que considera relevantes ausencias no discurso de Rueda como "mínimas referencias a avanzar en autogoberno" ou ante "insultos á intelixencia" como a posición sobre a instalación de Altri en Palas de quen se dispón a ser presidente electo, Pontón sinala que o Bloque, cos seus 25 escanos, "está aquí para traballar a favor de Galiza" e por iso ofrece un "pacto de país en catro asuntos prioritarios": "sanidade, acceso á vivenda, modelo enerxético e rexeneración democrática".

A líder do Bloque pide a Rueda non "desprezar a man tendida" dun grupo parlamentario que procurará "política de luces longas, "lonxe da crispación que o PP está instalando na vida pública"

"Un novo modelo de Atención Primaria" con maiores dotacións e menos esperas nos centros de saúde, 6.000 vivendas de alugueiro "a prezo taxado" mediante un plan de compras de vivenda baleira ou a constitución dunha empresa eléctrica "100% pública" son algunhas das patas dese pacto que, en materia de "rexeneración democrática", principiaría polos medios públicos. Trataríase, indica, que a CRTVG "deixe de ser o aparello de intoxicación e propaganda do PP e se poña ao servizo da cidadanía", principiando por elixir unha nova dirección xeral por concurso público.

Un "goberno alternativo"

Eses catro ofrecementos son a base empregada por Pontón para afirmar que "a cidadanía pode ter a seguridade de que imos facer un rigoroso labor de control" na nova lexislatura, pero "ao mesmo tempo", actuaren coma ese "goberno alternativo". "A cada crítica achegaremos unha solución explicando que faría un goberno do BNG para mellorar a vida da cidadanía".

Un intre do discurso de Ana Pontón no debate de investidura, este xoves © Parlamento de Galicia

Neste sentido, a líder do Bloque sinala que o grupo parlamentario da formación soberanista "vén coa intención de facer política de luces longas" e de de situarse "lonxe da crispación que o PP está instalando na vida pública, enlamando o debate" nunha "confrontación permanente" na que "a lexítima discrepancia é substituída polo insulto". "Aí nunca me atopará, nin a min nin ao BNG", pero si "terá a man tendida" para "defender Galiza".

"Os seus acertos redundarán en beneficio deste país e desde o BNG queremos o mellor para Galiza"

"Pídolle que non desprece a nosa man tendida", reiterou Pontón a Rueda. "Por unha vez escoite, dialogue, negocie e teza acordos". O Bloque, pola súa banda, vai "traballar con enerxía e entusiasmo para defender a sanidade pública, un ensino de calidade, unha vellez tranquila ou oportunidades para a xente moza". 

Por iso, concluíu, tamén desexa a Rueda "acertos como presidente". Porque alén das "evidentes discrepancias políticas, os seus acertos redundarán en beneficio deste país". "E desde o BNG -rematou- queremos o mellor para Galiza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.