Do 18F á pugna contra a anestesia

Sesión constitutiva da Deputación Permanente do Parlamento da XII Lexislatura, este 1 de abril CC-BY-SA PPdeG

No momento de redactar a presente crónica pasaron xa 43 días dende as eleccións galegas que, o pasado 18 de febreiro, permitiron ao Partido Popular bater o seu propio récord de maiorías absolutas ao lograr a quinta consecutiva. O reconto definitivo, unha vez escrutado o sufraxio exterior, ratificou que os populares contarán con 40 escanos, dous máis dos precisos para investir a Alfonso Rueda como presidente da Xunta.

43 días despois das eleccións, o calendario e a continuidade emanada das urnas contribuíron a reducir as pulsacións da esfera política e institucional galega a practicamente cero

Como estaba estipulado na propia convocatoria electoral, o pasado 18 de marzo celebrouse a constitución do Parlamento da duodécima lexislatura e con ela comezaron a rodar os trámites e prazos previos á investidura. Pero fixérono a un ritmo lento, máis aínda por cadrar a Semana Santa nos días finais de marzo e aínda máis, segundo puido confirmar Praza.gal, pola inaudita interferencia no proceso da data da voda do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, cita inescusable nas axendas de diversos dirixentes conservadores para este vindeiro sábado, 6 de abril, manexado inicialmente por Rueda como posible día da toma de posesión do presidente.

Alfonso Rueda e o voceiro parlamentario do PP, Alberto Pazos, este 1 de abril no Parlamento CC-BY-SA PPdeG

Ambos factores e a propia continuidade emanada do resultado electoral contribuíron a reducir a practicamente cero as pulsacións da esfera política galega tras a alta tensión da campaña. Dunhas eleccións de alta mobilización e notable impacto -mesmo a nivel estatal- cara a un ton próximo á anestesia que tamén marcou este luns outro dos trámites do inicio do novo mandato no Parlamento: as constitucións da Deputación Permanente -órgano que substitúe ao pleno nos períodos inhábiles- e das comisións -órganos sectoriais nos que se tramitan as leis e iniciativas dos grupos-.

Tras as constitucións da Deputación Permanente  e das comisións, celebradas este luns, o presidente do Parlamento recibe este martes os grupos e proclama como candidato á Xunta a Rueda, que asiste a unha reunión do PP en Madrid

O goberno en funcións en pleno, con Rueda á cabeza, integra a primeira composición da Deputación Permanente -adoita ir cambiando durante a lexislatura-. Na beira contraria sentou Ana Pontón liderando a representación do alargado grupo do BNG. O PSdeG tamén terá á fronte neste foro ao seu voceiro parlamentario e vindeiro secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, que na reunión inicial foi substituído por Lara Méndez.

Rematados os trámites da constitución das comisións este martes, día 2, o presidente da Cámara, Miguel Santalices, recibe este martes -por orde inversa de representación, como é habitual- ao deputado de Democracia Ourensana, Besteiro, Pontón e o voceiro do PP -Rueda asiste a unha reunión de partido en Madrid- na rolda de consultas que rematará coa designación do popular como candidato á Xunta. O xoves, día 4, a Xunta de Portavoces organizará o debate de investidura, que non se celebrará ata a semana próxima. O día 11 os votos do PP elixirán a Rueda, que tomará posesión o sábado 13, vinte e seis días despois da constitución do Parlamento e 55 días despois das eleccións.

Olalla Rodil, vicevoceira parlamentaria do BNG, este 1 de abril en conferencia de prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Entre aires da inercia que acompaña a calquera proceso político e institucional no que non existe a máis mínima marxe para o inesperado ou a mudanza -o máis semellante a unha variación será a composición do novo Consello da Xunta, que Rueda anunciará tras ser reelixido- emerxen tamén os bosquexos dos primeiros tirapuxas da lexislatura -voda aparte-. Neles os grupos do Bloque e PSdeG tentarán pugnar cos populares, pero tamén -se cadra, sobre todo- coa devandita anestesia política.

O PP teima na confrontación co Goberno de España no inicio da lexislatura. O BNG pon o foco nos contratos de emerxencia da Xunta durante a pandemia e no rexeitamento á instalación de Altri en Palas

O que seguirá sendo partido que sustenta o Goberno, o PP, insistiu nos últimos días na confrontación co Goberno de España do PSOE e Sumar -ao que descualificou durante a Semana Santa como "ecoloxista radical" ao fío do Regulamento de Costas que limita a ocupación do bordo litoral-. Tamén teimou no ataque ao BNG como "radicais independentistas" por volveren concorrer ás eleccións europeas nunha coalición tamén integrada por EH-Bildu e ERC.

O Bloque, pola súa banda, vén poñendo o foco na necesidade de investigar os contratos de emerxencia adxudicados pola Xunta durante a pandemia da COVID. Así, este luns a súa vicevoceira, Olalla Rodil, resaltaba que non queren outra cousa que "facer en Galiza o que o PP pide que os demais fagan noutras comunidades autónomas", isto é, "luz e taquígrafos" sobre todas esas adxudicacións. Outra das claves do primeiro grupo a oposición no inicio da lexislatura é o rexeitamento á instalación de Altri en Palas de Rei e o financiamento deste proxecto industrial con fondos públicos.

As deputadas do PSdeG Elena Espinosa, Patricia Iglesias e Lara Méndez, tras participaren na constitución da Deputación Permanente da XII Lexislatura, este luns CC-BY-NC-SA PSdeG

O PSdeG promete oposición "responsable e vixilante" e lamenta que o PP comece exercendo o "populismo" na xestión da costa

No que atinxe ao PSdeG, marcado ata finais de mes polo proceso congresual que o día 28 -inicialmente fixárano para o 27- elixirá a nova Executiva Nacional presidida por Besteiro, aseguran que preparan unha oposición "responsable e vixilante", afastada da "liña irresponsable e destrutiva" do PP en Madrid para que "a Xunta eleve o nivel". Neste sentido, apuntan a que un dos seus primeiro propósitos será tentar que o gabinete de Rueda abandone o "populismo" na xestión da costa, na que semellan "acorados no desarrollismo de mediados do século XX", sinalou o seu deputado Carlos López Font.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.