Twitter conclúe que o PP é o máis beneficiado polo seu algoritmo entre os principais partidos españois

O estudo conclúe que o PP é, entre os grandes partidos do Estado, o máis beneficiado polo algoritmo de Twitter CC-BY-SA Foto: Jeremy Bezanger / Unsplash | Montaxe: Praza.gal

Ata o ano 2016, a rede social Twitter estaba baseada nunha cronoloxía. Cada persoa ou entidade decidía manualmente que o seu perfil seguise os doutras e na súa pantalla ían aparecendo as mensaxes desoutros perfís a medida que os ían publicando. Pero dende hai media década, a compañía introduciu a plataforma a chamada Home timeline, unha opción por defecto gobernada pola intelixencia artificial "baseada nun modelo personalizado de relevancia" na que os tweets non aparecen cronoloxicamente e onde as persoas usuarias non ven só o contido dos perfís aos que seguen.

Aínda que o modo cronolóxico segue dispoñible, o manexado pola intelixencia artificial é notablemente popular -entre outros aspectos, porque é o que Twitter ofrece por defecto-. A propia rede social evidencia que os seus algoritmos "poden amplificar algunhas mensaxes e reducir a visibilidade doutras". Faino nun estudo publicado a pasada semana no que se centra nos "contidos políticos" por ser "unha parte importante da conversa pública" nesta rede. 

Amplificación das mensaxes políticas en Twitter por partidos, segundo o estudo difundido pola propia rede social. Entre os Estados analizados, só en Alemaña a dereita non é a principal beneficiada © Twitter

Tras analizar o que acontece ao respecto en sete Estados (Canadá, Francia, Alemaña, Xapón, Reino Unido e os EUA) o estudo conclúe que as opcións políticas de dereita son as máis "amplificadas" nos timelines de Twitter rexidos polo algoritmo. Para o caso dos principais partidos políticos españois, mantén que o PP é o principal beneficiado por estes mecanismos.

Cando a páxina de inicio de Twitter está rexida polo algoritmo, as mensaxes do PP son amosadas "a unha audiencia tres veces maior que a que acadan nas liñas de tempo cronolóxicas"

"Concluímos -indica o informe- que os principais partidos de dereita se benefician (...), en ocasións substancialmente máis, da personalización algorítimica que os seus homólogos de esquerda". Para o caso español, o traballo de Twitter sinala como ese principais partidos de ambos espectros ideolóxicos ao PP e ao PSOE e os cálculos apuntan a que os chíos máis sobrerrepresentados son os dos populares.

Na escala establecida polo traballo, o 0% significa que a agrupación de tweets de cada opción política (dos seus representantes electos, no caso español, no Congreso dos Deputados) chega ao mesmo número de persoas usuarias na liña de tempo gobernada polo algoritmo que nas liñas de tempo cronolóxicas. O 100% supón que logran duplicar o impacto. No caso do PP esta distorsións supera o 200%, o cal indica que "os chíos do partido son amosados a unha audiencia tres veces maior que a que acadan nas liñas de tempo cronolóxicas", isto é, naquela compostas polos perfís que cada persoa usuaria elixe.

Contido sobre unha recente enquisa política nunha páxina de inicio de Twitter rexida polo algoritmo e non cronoloxicamente CC-BY-SA Praza.gal

O estudo evidencia que resta concretar as razóns deste fenómeno, pero apunta a que "é produto das interaccións das persoas coa plataforma"

Nesta mostra analizada, tamén os chíos do PSOE e de Unidas Podemos logran máis impacto grazas ao algoritmo que co modelo cronolóxico, pero sen chegar ao 150%. A continuación situaríase o partido de extrema dereita Vox, do que Twitter conclúe que os seus tweets son menos amplificados que os do PP. Neste sentido, o informe especifica que a amplificación das mensaxes dos partidos de extrema dereita "é xeralmente menor" que a acadada polos partidos "moderados ou centristas" en cada país analizado. Neste sentido, asegura tamén que o estudo refuta "a hipótese de que a personalización algorítima amplifica máis as opcións políticas extremistas".

Unha vez identificado o "que", a maior amplificación das mensaxes políticas de dereita, os autores do estudo de Twitter admiten que falta o "por que". "Entender o mecanismo causal exacto que provoca esa amplificación convida a un estudo máis profundo" que esperan propiciar a partir deste primeiro traballo. "Establecer por que se producen estes patróns é unha pregunta significativamente máis difícil de responder". Nesta reflexión, así e todo, apuntan unha hipótese: "é produto das interaccións das persoas coa plataforma".

Mensaxes en Twitter de Pablo Casado e perfil do PP nesta rede social CC-BY-SA Praza.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.